Nos anos 60 a
emigración a América foi substituída pola emigración a Europa. Miles de mozos
españois, e entre eles moitos galegos, marcharon a Alemaña, a Suíza e en menor
medida a Francia ou ao RU buscando uns soldos que lles permitisen aforrar e
volver a Galicia onde logo montarían un pequeno negocio co que vivir máis desafogadamente.
Diso dan fe os moitos bares con nomes como Zurich ou Ginebra (ou Chaussy!) que poboaban a xeografía galega. Moitos acadaron
ese soño e outros presumiron de logralo vindo durante o verán conducindo coches
co D alemán ou a bandeira suíza na matrícula.
Pero outros non tiveron tanta sorte e sufriron
malas experiencias. Esta historia entra nesa segunda categoría.
No lugar de Cestaños viviron Manuel Fraga Castro (1908-1983) e Manuela del Río
Botana (1908-1985), matrimonio que tivo 3 fillos: Manuel, Hipólito e
Juan Jesús.
En xuño de 1962, cando tiñan 27 e 24 anos respectivamente, Manuel
e Juan Jesús,
como tantos outros mozos, decidiron emigrar a Suíza cheos de ilusión. Ao
principio as cousas non lles foron mal, pero logo Jesús caeu vítima dunha
enfermidade mental. Manuel coidábao como
podía, pero vendo que Jesús empeoraba cada día que pasaba en Suíza, decidiu
volver con el á casa familiar en Parada.
O 19 de decembro de 1963 ambos os dous colleron o tren acompañados de moitos outros
emigrantes (entre eles varios amigos seus) que volvían para pasar as vacacións
do Nadal en Galicia.
Pero non só estaba enfermo Jesús. A Manuel a
tensión de tanto tempo coidando do seu irmán tamén lle pasara factura e tivo un
ataque de tolemia. En Lyon metéuselle na cabeza que o tren non viaxaba na
dirección axeitada e a pesar dos esforzos dos compañeiros por detelo, saíu do
tren completamente alterado.
En xaneiro a familia tivo noticias del. Resulta
que estivo vagando sen rumbo por varias cidades francesas ata que en Perpiñán
foi recollido en estado de inconsciencia pola policía francesa e internado no
hospital da cidade. Afortunadamente reaccionou ben ao tratamento e xa
recuperado escribiu aos seus pais para informalos. Pero el non sabía que pasara
co irmán menor.
Manuel Fraga, que entón contaba con 56 anos,
cheo de angustia informou a Policía coruñesa dos feitos a mañá do 4 de xaneiro,
rogando que fixesen todo o posible por localizar a Jesús, a quen supoñía
perdido nalgunha cidade de Francia.
O día que iniciou tan mal cambiou de signo
coa chegada de Manuel, a quen fora a buscar a Francia Manuel Ríos Raña, un amable
veciño de Cestaños. Pero non parou aí a alegría porque por fin a familia tivo
noticias do fillo menor.
Antes
de que a Policía contactase coa Interpol un hospital psiquiátrico de Xirona
informou que alí estaba internado Jesús, seguramente entregado polas
autoridades francesas.
Así acabou felizmente esta historia. Os dous
irmáns volveron a Galicia e viviron longos anos. Manuel permaneceu solteiro.
Juan Jesús casou con Flora Caamaño del Río coa que tivo dous fillos. Morreu en
2021 con 82 anos de idade e está soterrado en Pastoriza (Arteixo).
No hay comentarios:
Publicar un comentario