miércoles, 15 de enero de 2025

O ano 2009

  O ano 2009 empezou coa toma de posesión de Barack Obama, que impresionou tanto ao mundo que ata gañaría meses despois o Nobel da paz. Eran bos tempos para a esquerda: Mauricio Funes (ex-guerrilleiro do FMNL) logrou a presidencia do Salvador, José Mújica (ex-Tupamaro) a de Uruguai e Evo Morales volveu gañar en Bolivia. Os países árabes, mentres tanto seguían en conflito permanente.
  Pero para Occidente o máis grave foi a tremenda crise económica global. En abril reuníronse en Londres os líderes do G-20 máis España, e chegaron a un acordo para superar a crise instaurando un novo sistema financeiro que endurecese as normas de supervisión dos mercados e puxese coto aos paraísos fiscais e ao sector bancario. Inxectaríanse ademais 1.100 millóns de dólares extra no sistema. O FMI saíu fortalecido ao triplicar os seus fondos, pero os resultados non foron os esperados e a crise aínda duraría moito tempo. Un exemplo sería a quebra de General Motors que desde 1931 a 2007 fora o primeiro construtor mundial de automóbiles.
  A outra preocupación do ano foi a Gripe A. A OMS xerou innecesariamente unha alarma sanitaria mundial que fixo máis ricos aos fabricantes de vacinas (que casualmente pagaban aos conselleiros expertos da OMS).
  No ámbito da cultura faleceron Lévi-Strauss e Michael Jackson. Da morte do primeiro case non se enterou ninguén, a do segundo provocou a desolación dos seus millóns de seguidores.
 
 
 
España comezou o 2009 cunha caída de prezos! A crise propiciu un freo do consumo. No 1º trimestre houbo 800.000 novos parados que subiron a cifra total a máis de 4 millóns, e o PIB foi menor que o do ano anterior: a recesión era evidente.
  Non houbo ningunha boa nova porque ETA cometeu novos atentados e en Cataluña tivo lugar en setembro unha "consulta" municipal sobre a independencia, 1º paso do que logo se chamaría o "Procés". Con todo, a desaparición da moza sevillana Marta del Castillo foi o feito que máis conmoveu ao país.
  En cambio continuaron os éxitos deportivos, acadando o FC Barcelona a súa 3ª Champions.
  Galicia tamén empezou o ano bastante mal co tremendo temporal Klaus. Logo en marzo chegaron as eleccións autonómicas e, contra o que prevían as enquisas, o PP de Feijoo obtivo 38 escanos por 37 do PSOE e BNG. A crise e o desencanto co Bipartito que "non logrou transmitir o seu labor á cidadanía" foi a razón que esgrimiron o PSOE e BNG para a súa derrota.​
 
  En Ordes 2009 foi o ano longamente temido en que a Movida finalmente esmoreceu. Santa Comba desbancounos e a multitude de locais do Campo da Feira (que facían que ese ano o noso concello fose o de maior número de establecementos per cápita de España) comezaron a pechar en cadea. En cambio, alleo á crise mundial e á nosa propia, o goberno de Regos seguía gastando e realizando grandes obras na vila.
- Campo de herba artificial: Estreouse en xaneiro e custou 2 millóns de euros (445.000 aportados pola Deputación e o resto polo concello).
- Estación da Pontraga: 44 alumnos/traballadores do Obradoiro de Emprego ‘Ramón Ruibal’ cun orzamento de 900.000 euros da Consellería de Traballo lograron ao longo do ano a súa rehabilitación.
- Alameda: Remataron en setembro as obras comezadas o ano anterior, que aumentaron o seu tamaño ata os 1.280 metros cadrados, empedrouse, derrubáronse os antigos almacéns e creáronse novos locais aos seus pés.
- Tanatorio: Con 835.000 € do Fondo Estatal de Investimento Local ampliouse e mellorou o edificio, pasando de 3 a 4 salas de velorio con novo mobiliario e aire acondicionado, habilitouse un cuarto de baño para discapacitados, construíuse unha cafetería e un novo sistema de megafonía.
- Paseo Fluvial: Cun investimento de 450.000 euros, achegados pola Consellería de Medio Ambiente, creouse unha saudable área de recreo en contacto coa natureza, quizais o mellor legado da era Regos.
 
 
Ademais seguíronse gastando cartos a feixes en todo tipo de festas como a 2ª edición do Certame de novos intérpretes con premios de 5.100 euros que tivo a súa final en marzo (foi onde destacou a beanesa Tania Veiras Noya), o Lacón con grelos do Mesón, Expo Ordes en abril, a Xuntanza dos maiores en maio, a XVII Feira de cans de caza no Mesón e o Revoltosa Rock. 
  Pero onde se botou a casa pola ventá foi en tres macroeventos: A Gala contra o cancro en abril e Brincadeira (con Boney M!) e as festas patronais en agosto. Non é estraño que a débeda do concello superara os 2,2 millóns de euros xa á metade do ano.  
  A mellor noticia foi que o centro de saúde converteuse en PAC comarcal estreando en abril o Sintrom e a receita electrónica. Outra nova máis anecdótica foi a fuxida dunha parella de mozos adolescentes. O deceso máis notable foi o de Juanjo Linares, ocurrido en novembro na cidade de Madrid.
 
  2009 foi una ano de excelentes películas como Avatar, Up, (500) Days of Summer ou Watchmen e outras tan comerciais como The Hangover. En España triunfou Celda 211. Musicalmente destacaron Black Eyed Peas con I Gotta Feeling  e Lady Gaga co tema Bad Romance. En castelán (ou así) escoitamos arreo a canción Moving de Macaco e Loba de Shakira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario