sábado, 18 de enero de 2025

Aquel vello traxe gris

 
   Durante a época do confinamento por mor do coronavirus, ao igual que moita outra xente, aproveitamos na nosa casa para facer limpeza xeral. Abrindo os armarios para desfacernos de cousas sobrantes, vin ao meu pai contemplar con atención un traxe que estaba ao principio da fila.
–Que pasa con ese traxe. Vas tiralo?
Tiralo? Nunca na vida. Este traxe ten máis de 60 anos pero nunca me desfarei del.
  Máis tarde contoume a historia dese traxe viaxeiro.
 
  Juan Ferreiro Recouso, o meu pai, máis coñecido como Juan de Babila, foi fillo de solteira. A súa nai Babila e el vivían a pobreza da posguerra e pasaban moitas privacións. Traballaban como podían cunha soa vaca as dispersas leiras que herdaran. Babila ademais acudía ás feiras vendendo calzado e Juan probou algúns oficios como albanel e revisor nos autobuses da familia Álvarez. Pero cando a súa moza Mercedes*, que era do Mesón do Vento, marchou a Venezuela, el tivo claro que tamén debía emigrar, a pesar do moito que lle custaba ter que deixar á súa nai soa.
  Chegou a Venezuela nunha data histórica, o 23 de xaneiro de 1958, o día que caeu o ditador Pérez Jiménez. En Caracas tamén comezou traballando de albanel e probando varios oficios, pero logo logrou mellorar e acadou o posto de xardiñeiro para unha familia de boa posición.
 
  Juan era bastante presumido e quería comprar un traxe, pero non lle gustaban os que vía en Caracas. Ademais de caros, parecíanlle excesivamente finos e de pouca calidade, literalmente "como unha tripa". Non atopaba un traxe ao seu gusto.
  Un día chegoulle a solución sen buscala. Foi ver a un amigo de Ordes, Juan do Latonero e este convenceuno para ir vivir á pensión onde estaba con outro mozo da vila, Manolo de Florencio, que era fillo do enterrador. Non estaban alí de casualidade senón porque o dono tamén era un ordense, Cándido Regos de Darefe. Cándido montara o "Bar Regos" na casa da Ribacha, pero logo casou e emigrou a Venezuela, deixando ese bar ao seu irmán, o pai do futuro alcalde. O caso é que Candiducho, como lle chamaban, aprendera o oficio de xastre antes de poñer o bar e, cando soubo da teima de Juan por un traxe, díxolle que el lle tomaría as medidas. Así o fixo e logo Juan mandounas por carta á súa nai en Ordes.
  Babila non tiña aprecio polos xastres locais (o mozo que a deixou embarazada era un xastre, curiosamente tamén chamado Cándido -do Picho-) así que decidiu ir á Coruña onde estaba o seu irmán José Ferreiro traballando de conserxe no instituto Eusebio da Guarda. José, a pesar do seu limitado poder económico, gustaba de ir coma un pincel. El levoulle as medidas ao seu xastre da rúa de San Andrés e escolleu persoalmente a tea de cor gris marengo.
  Feito o traxe, agora só faltaba que chegara ás mans de Juan. Falando Babila coa modista Dolores Caramelo Pena, a filla maior de Juanito o Porteiro, enterouse por ela que unha das sobriñas do sacerdote don José marchaba a Venezuela. A moza aceptou levar o paquete no barco e así aquel traxe sería, tamén el, un emigrante máis, nado nunha terra que vía cada ano marchar miles dos seus fillos.
  Un domingo Juan achegouse á quinta onde traballaban as dúas sobriñas do sacerdote e recolleu o paquete. Agradeceulles tanto o favor como o gusto de falar con elas das últimas novidades de Ordes.
  Para a súa satisfacción, cando o probou, o traxe quedáballe como un guante.
 
  Levouno moitas veces nos días festivos e tamén sería o traxe que usou o día máis importante: cando casou con Mercedes en Caracas o 23 de outubro de 1959. Voda na que exerceron de padriños Luisa Boquete Candal, a irmá maior de Mercedes, e José Pazos Luna, outro emigrante de Ordes amigo de Juan. Por certo que esa voda contou con só 6 invitados máis!
 

*Mercedes era filla de José Boquete Méndez (que procedía de Leira) e de Celia Candal Seijas (dunha familia alcumada as Cucas da Reboira), matrimonio que se rematou establecendo no Mesón do Vento e tivo 5 fillos: Luisa (n.1931), Mercedes (n.1934), Hortensia (n.1936), Julio (n.1940 que morreu de tuberculose moi novo) e Estrella Boquete Candal (n.1943), nai de Javier Rey Boquete. As tres fillas maiores emigraron a Caracas, pero Mercedes retornou a Galicia nos anos 60.

No hay comentarios:

Publicar un comentario