Na parroquia de Bruma (Mesía) localízase a igrexa de San Lourenzo. É un templo de
reducidas dimensións. Consta agora dunha nave de 10 metros de lonxitude
por 7,50 metros
de fachada (por tanto 75
metros cadrados). Detrás están os restos dunha ábsida
algo máis estreita e de preto de 7 metros de lonxitude, pero xa sen tellado e
parte alta dos muros, que lle engadía uns 48 metros cadrados máis,
o que de todas formas era un tamaño bastante escaso.
Suponse que formaba parte do antigo hospital
de peregrinos que teoricamente estaría ao seu carón.
Os muros están feitos de cachotería bastante
grosa. As pedras (xistos de Ordes) son moi escuras aínda que puntualmente polo
medio destacan algunhas brancas pezas de seixo. Só nos vans das
tres pequenas fiestras e da porta (inusualmente baixa, só 1,90 metros) hai cantería de granito. Contra o que é habitual na comarca
os muros non están revocados nin pintados de cor branca, o que lle da un aire
moi rústico e primitivo.
Hai unha sinxela espadana dun só oco tamén de
cachotería, actualmente inzada de hedra. O tellado, a dúas augas, está cuberto
de fibrocemento.
A ruína da ábsida fixo que o arco de medio
punto que daba entrada ao presbiterio fose tapiado con cachotería. Consérvase o
arco, lixeiramente truncado no interior por un falso teito de paneis de
escaiola, engadido en época moderna, e que oculta gran parte da fábrica
orixinal.
Este interior, que si está revocado e
pintado, tamén é moi austero. Na cabeceira destaca o arco de medio punto
adornado con franxas brancas entre as pedras. Non hai retablo e a parede está
presidida por unha sobria cruz, acompañada dalgunhas imaxes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario