viernes, 27 de diciembre de 2019

Inicios da República en Galicia

  A chegada da república foi unha festa case unánime. 
  En palabras de Salvador de Madariaga era "La niña bonita", a utopía coa que estiveran a soñar os republicanos desde finais do século XIX. O fastío dos últimos anos da Restauración aumentara o número de crentes, de xente que pensaba que un mero cambio de réxime acabaría con todos os problemas e que por tanto tiña unhas expectativas inalcanzables (algo similar ao que xa ocorrera coa ditadura de Primo de Rivera).
  A República nacía pois no medio do entusiasmo popular pero cunhas bases máis débiles do que parecía naquel triunfal 1931. Un dos seus puntos fracos foi a falta de experiencia dunha clase política que da noite para a mañá viuse no poder e en moitos casos non soubo xestionar ben os desafíos.

  O primeiro foi a súa posición belixerante coa Igrexa, ditada polo anticlericalismo radical de moitos gobernantes (especialmente Azaña), pois, aínda que entre o clero e os católicos había unha minoría moi adversa á República, a postura desta foi bastante máis contemporizadora con outros grupos como o exército ou os nacionalistas.
  A queima de igrexas e conventos xa no 2º mes de vida da República coa inacción do goberno (mesmo en Málaga coa conivencia das autoridades) foi un mal punto de partida. En Galicia a situación non chegou a tales extremos pero houbo incendios na Coruña (os máis graves) Ourense, Ferrol e Betanzos. En cambio, en Santiago a actitude das autoridades foi contundente e impediu calquera ataque ao patrimonio eclesiástico.

  Outro punto de descontento en Galicia foi a paralización da obras do ferrocarril Zamora Ourense que debía enlazar máis tarde coa Coruña vía Santiago. Esta cuestión motivou os primeiros conflitos da Galicia republicana con folgas e mitins especialmente en Santiago e Ourense (onde mesmo houbo un morto). A presión sobre o goberno foi tan forte que se chegou a ameazar coa dimisión das autoridades e o boicot ás eleccións a Cortes constituíntes. Os ánimos acougáronse coa intervención do ministro Casares Quiroga que logrou que o goberno se comprometese a continuar as obras (aínda que cargando o financiamento a concellos e deputación, o que na práctica foi pouco máis ou menos telas case paradas).

  No lado positivo a República, fronte ao sistema clientelar e caciquil da Restauración, abriu novas canles para a participación na vida pública. Así houbo unha intensa politización da sociedade e todas as clases estiveron representadas. Isto conduciu a un gran pluralismo político con numerosos partidos e coalicións que dificultaron ás veces a gobernabilidade.
  En Galicia houbo varios partidos que se diferenciaban de acordo con tres variables.
1) Monarquía ou Republica. Aínda que a maioría dos partidos foron republicanos, había unha forte presenza da causa monárquica a través dos seguidores de Calvo Sotelo e do seu partido Renovación Española con especial arraigamento en Ourense.
2) Esquerda ou Dereita. As provincias de Lugo e Ourense votaron de forma maioritaria a candidatos de dereita, fosen republicanos ou accidentalistas como a CEDA de Gil Robles.
3) Centralismo ou Nacionalismo. Tan só dous partidos tiñan unha visión autonomista: a ORGA, fundada na Coruña en 1929, e o Partido Galeguista, fundado en Pontevedra a finais do ano 1931.
  En termos xerais a ORGA era hexemónica na Coruña, os republicanos de esquerda e o PSOE dominaban Pontevedra, mentres en Ourense compartían influencia os monárquicos de Calvo Sotelo, o Partido Radical de Basilio Álvarez e os radical-socialistas. Lugo foi a máis atípica e tiveron ampla presenza republicanos de dereita e moitos independentes.

  Outra novidade foi a modernización cultural, sobre todo no que se refire ao equipamento educativo. A Republica fixo un esforzo notable na dotación de edificios e mestres cuxo número se multiplica estes anos en Galicia, pasando de 4.500 en 1931 a 6.500 en 1935. O corpo de mestres foi unha das grandes bandeiras do ideario republicano, pero a identificación deses novos ensinantes coa República, potenciada polo feito de que moitos deles tamén tiñan unha clara adscrición política de esquerdas, fixo que a dereita os considerase máis propagandistas que profesores e que fosen vítimas preferentes da represión despois do alzamento. Tal foi o caso de José García Fernández, mestre da escola do Recreo.


  Na vila de Ordes a República non tivo a mesma presencia que noutros lugares ao estar o concello en mans de Antonio Concheiro e a Igrexa representada por Ramón Mosteiro, un sacerdote bastante integrista. Os mozos republicanos queixábanse da falta de sentimento institucional republicano e tiñan que celebrar as festas oficiais (o 14 de abril ou o 1º de maio) pola súa conta.
  Onde si cambiou a situación foi no rural que viu no ano 1932 un florecemento de asociacións agrarias de distintas ideoloxías, o que tamén tivo a súa parte negativa: aos habituais litixios por lindes, mozas ou inimizades tradicionais entre parroquias uniuse agora a pertenza ou non ás distintas sociedades. As presións e chantaxes chegarían nalgúns casos ao atentado con bomba e ao intento de asasinato.   

No hay comentarios:

Publicar un comentario