Jesús naceu en 1931 en Villafrechós,
un pequeno concello de Valladolid. A súa nai, Rogelia García Piedrafita
(1893-1973), unha moza desherdada debido a un casamento non querido polos seus
pais, veu con el escapando da guerra en Castela.
Instaláronse en Reboredo nunha pequena casiña
onde vivían pobremente. Moitas veces os outros nenos oíanlle dicir a Rogelia:
-
¡Jesús, no vayas a la gayola!
Deste nimio detalle quedoulle o seu alcume, o Ghallolo.
Cando medrou, Jesús, que era case analfabeto,
tivo que traballar como peón albanel na empresa de José García Varela. Casou
cunha moza de Reboredo chamada Otilia Guillín Garabato (1920-2009), bastante
maior ca el, coa que tivo un único fillo que herdou o nome e o alcume paterno.
Jesús era un home bo e agradable que
destacou por algunhas das súas afeccións.
Por exemplo, cando era novo gustáballe moito
a ximnasia, cousa que entón era bastante rara porque a maioría da xente xa
facía exercicio dabondo por obrigación e logo, claro, buscaban un ocio
descansado como xogar ás cartas na taberna. Ademais loxicamente en Ordes non
había ximnasio de ningún tipo, entón el usaba un método por correspondencia
chamado "Sanson-Institut". Entre iso e o duro traballo nas obras tiña
nos brazos unha musculatura impresionante, que chamaba moito a atención.
Pero quizais foi máis sorprendente outra
afección: a súa desmesurada paixón polos enterros.
No mundo rural o enterro é un acto social moi
importante, unha confirmación do papel da familia do defunto na comunidade.
Cando a morte é "no seu tempo" (non prematura nin desgrazada) o
enterro convértese nunha reunión social comparable ao día da festa, pois nel
hai reencontros que non se darán máis que de tarde en tarde. Non é por tanto
raro que a xente o pase ben (dentro do razoable) nos enterros alleos.
Pero o de Jesús era case obsesión: asistía a
enterros moi lonxe da vila, sen apenas coñecer ao defunto. Non lle importaba
andar quilómetros a pé con tal de estar no enterro.
Cando se xubilou, o primeiro que fixo foi
comprar unha pequena moto para ampliar o seu radio de acción e ir a enterros de
xente que non coñecía en absoluto.
Así que durante moitos anos era imposible
acudir a un funeral en calquera lugar do concello (e aínda máis aló) e non ver
a súa inconfundible figura con aquela cara bondadosa onde destacaban uns ollos
dunha cor azul moi clara.
Morreu o 26 de decembro de 2010 e ao seu enterro acudiron só uns
poucos amigos e os veciños de Reboredo. A vida non sempre é xusta ... pero ao
mellor neste caso si. A fin de contas, estaba a xente a quen lle importou de
verdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario