En 1926, durante a ditadura de Primo de
Rivera, aprobouse o Plan Guadalhorce que buscaba
mellorar a rede ferroviaria creando novas liñas e, de paso, reducir o
desemprego grazas ás obras públicas. Recuperouse así (despois de 50 anos) o
proxecto de unir Zamora e Ourense, que pasou a incluírse no chamado "Plan Preferente de Urgente Construcción"
onde se contemplaba ademais que desde Ourense continuase a Santiago e Coruña.
Esta era a
obra de maior envergadura e mais custosa de todas as que se proxectaron nese
Plan. En febreiro de 1927 contratáronse
as obras do tramo Santiago-Coruña por un valor de un pouco máis de 32 millóns de pesetas.
Os Reis
Alfonso XIII e Victoria Eugenia visitaron o 24 de Setembro de 1927 na Coruña o
comezo das obras desta Liña. Por certo que o Enxeñeiro Xefe, D. José
Fernández-España Vigil, ao pouco tempo de comezar os traballos,
sufriu un accidente de automóbil no que perdeu a vida.
En Ordes,
pola súa privilexiada situación entre Coruña e Santiago, instalouse a finais do
ano 1927 a
oficina central encargada da administración e dirección dos traballos de campo,
que abarcaban desde o túnel de Vista Alegre preto de Coruña ata as inmediacións
do Tambre.
Foi elixido como contratista das obras o
ourensán José
de las Cuevas Vázquez e entre os funcionarios técnicos estaban
Francisco Pérez Rodríguez, José García Vidal e Francisco Cachafeiro. Montáronse
varias brigadas, que constaban duns 400 obreiros, cubrindo ese tramo dun 20 Km. Moitos destes "carrilanos" -como eran
coñecidos os obreiros do ferrocarril- residiron en Ordes (e tamén moitos foron
contratados na comarca), o que significou unha época de gran animación e
prosperidade para a vila (similar ao que pasaría a finais dos anos 70 coa
construción da Central Térmica de Meirama e da Autoestrada do Atlántico).
En 1928 constituíuse a "Compañía Nacional de los Ferrocarriles del Oeste", máis
coñecida como Oeste, que absorbeu a MZOV coas súas liñas e as súas obras.
Pero a rendibilidade do proxecto xeraba
dúbidas. A crise do 29 e o feito de que fose algo nacido na época de Primo de
Rivera non o axudou. Cando se proclamou a República, en 1931, os obreiros eran
optimistas, pero Indalecio Prieto decidiu non gastar mais diñeiro nas obras.
Paralizáronse por tanto os traballos de máis de 12.000 persoas. Ante as
violentas protestas, sobre todo en Ourense, o Goberno deu marcha atrás pero
decidiu que o ferrocarril fose custeado polas Deputacións e Concellos, o que
retardou os traballos.
A Guerra Civil paralizounos totalmente. Cando
finalizou apenas había diñeiro pero si moita man de obra barata (os
prisioneiros republicanos) o que permitiu acabar as obras e inaugurar a liña o
14 de abril de 1943.
No hay comentarios:
Publicar un comentario