1912
foi un ano pródigo en altercados violentos no concello de Ordes (doutra banda
nada fóra do común naqueles tempos). O de maior gravidade acabou coa morte de
Lorenzo Iglesias (Leira) e a detención de Antonio Gómez Calvo, José Gestal
Louro, Manuel Silva, Jesús Candal, Manuel Gestal e Manuel Vilariño Souto
(Ardemil).
Na parroquia de Ardemil tiveron lugar a maioría de sucesos. Juan Candal Gómez feriu
gravemente ao seu veciño José Ramos Gómez e José Botana xunto con Manuel Louro
mallaron solidariamente a José Garaboa de volta da feira da Adina.
Incluso as mulleres recorrían á violencia
como demostrou en "Horta do Chan" a moza de 17 anos Casilda Gómez
quen, en compañía doutra moza da mesma idade, apedrou a Cecilia Bello Uzal.
Esta non fuxiu ante o ataque (cabe deducir que a puntería das mozas non era
boa) pero si a agresión a distancia foi inefectiva, non ocorreu o mesmo coa de
proximidade: Casilda colleu a fouce de Cecilia e atacouna con ela producíndolle
un gran corte no antebrazo. Claramente, en Ardemil en 1912 podía cantarse "Las chicas son guerreras" con
toda a razón do mundo.
As leas de veciños non quedaban en meras
discusións. José Gaudeoso viu como a noite do 27 de maio ardía a súa casa e o
seu horto de repolos, trigo e patacas quedaba coma se lle pasase por enriba
unha manda de búfalos. Foron detidos varios veciños de Ardemil: Pedro Rosende,
Andrés Gómez, Manuel Noya e Bernardo Couto (entre outros).
Quizais o suceso que involucrou a máis
cantidade de xente foi unha pelexa que houbo en Leira o domingo 21 de abril.
Resulta que había unha duradeira inimizade
entre mozos de Leira e de Carral, así que estes últimos fixeron unha
"quedada" (sen necesidade de ter whasap!) e presentáronse na festa
que había ao final dunha tasca de liño na casa de Antonio Candal, no lugar de Castro, convenientemente equipados de
armas (paus, pedras, coitelos e mesmo pistolas).
A pelexa foi feroz, practicamente unha
batalla campal grazas ao gran arsenal despregado. Oíronse tiros, voaron pedras
e choveron golpes e coiteladas. Parece que Jesús
Veiras Vázquez, por parte de Carral, e Lorenzo
Iglesias Barral, por parte de Leira, dirixían as operacións. Á fronte das
súas tropas (como os antigos caudillos) recibiron a maior parte dos golpes.
Ao final, cando se considerou que xa estaba
suficientemente defendido o honor (parroquial) patrio e as hostes abandonaron o
campo de batalla, quedaron alí tendidos os líderes acompañados de Manuel García
Calvo e Andrés Mosquera Liñares.
Chegadas as noticias a Ordes, viñeron o xuíz
accidental D. José García Barros, o oficial D. José Sánchez e o médico Antonio Concheiro Rodríguez (un dos grandes beneficiados economicamente destes
conflitos), máis a consabida parella da Garda Civil.
Foron detidos Jesús Veiras Vázquez, José
Garaboa e Jesús García.
O número total de feridos foi imposible de
saber porque a maioría curáronse secretamente nas súas casas para evitar o
indesexado contacto coa xustiza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario