A parroquia de Oroso ten 11,7 km cadrados con pequenos núcleos de poboación e unha gran vila, Sigüeiro, centro comercial e industrial que medrou espectacularmente no século XXI grazas á súa condición de "cidade-dormitorio" de Santiago.
Antigamente formaba parte da xurisdición de Folgoso. Segundo o "Diccionario geográfico estadístico" de Sebastián de Miñano -non demasiado fiable- en 1928 tiña unhas 80 casas e 400 habitantes. O "Diccionario de Madoz" en 1848 segue a mencionar as mesmas 80 casas pero cunha poboación de 800 habitantes. Producía centeo, trigo, millo, patacas e legumes. Había gando vacún, mular e lanar, caza de perdices, lebres e xabarís, e, por suposto, xa se pescaban troitas nos seus ríos. Como industria, aparte da agrícola, mencionaba dous fornos de tellas, 6 muíños fariñeiros e carboneo de carballo.
Neste século a parroquia sufriu a actuación dalgunhas partidas carlistas e Sigüeiro viviu unha cruenta batalla en 1846 entre o exército rebelde do liberal Miguel Solís e o do gobernamental Puig Samper.
Neste século a parroquia sufriu a actuación dalgunhas partidas carlistas e Sigüeiro viviu unha cruenta batalla en 1846 entre o exército rebelde do liberal Miguel Solís e o do gobernamental Puig Samper.
No século XX a vila de Sigüeiro comezou a
ter cada vez máis poboación, en detrimento de Oroso, a capital parroquial onde
está a igrexa de San Martiño. En 1975 trasladouse a capitalidade a Sigüeiro (aínda
que a actual Casa do Concello inaugurouse en abril de 1984, 9 anos despois).
En febreiro de 2005 a zona da
Foca (pouco máis de 55 Has e 80 veciños) deixou de pertencer a Santiago e
uniuse ao concello de Oroso.
Despois de pasar por Deixebre, o
primeiro lugar habitado da parroquia de Oroso que cruzaba o Camiño era Vilalbarro de Arriba ao oeste da AP-9. Se cruzamos ao leste temos outro mínimo núcleo
(Vilalbarro) e uns 300
metros ao sur o Castro de Vilalbarro, que pasa dos 290 m de altitude e conta
cunha croa e un foso bastante ben conservados. Era unha rica fonte de lendas de
mouros e tesouros ocultos. Posiblemente as "mámoas" que menciona Frei
Martín Sarmiento nos seus escritos foran este castro e o de Vilares.
Antes do castro de Vilares estaba o Campo da
Malata, agora cuberto polo asfalto. Malata é un topónimo relacionado coa
terrible enfermidade da lepra. Era un "lugar de leprosos" porque
estes non podían vivir nas aldeas e tiñan que habitar en chozas ao lado dos
camiños onde pedían esmola aos viaxeiros.
Xa preto do polígono industrial
de Sigüeiro podemos ver o Castro
de Vilares, apenas recoñecible. A uns 200 metros ao leste da
autoestrada está Oroso Pequeno (ou tamén Oroso de Arriba), antiga aldea que conserva algunha casa tradicional.
Logo de bordear o polígono
industrial chégase á Avenida Álvaro Cunqueiro onde está o novo colexio de
primaria de Sigüeiro, axeitadamente chamado "CEIP Camiño Inglés". Uns
100 metros
antes tómase a senda que atravesa o Parque do Carboeiro.
Antigamente nesta zona había dos
lugares habitados: Ulloa de Arriba e Ulloa de Abaixo (Ulloa era
"fonte" ou "rego de auga"). Hoxe queda a Ponte Ulloa, mencionada por Sarmiento como illoa (que significa "lugar entre
ríos" co que ten bastante sentido que tamén se lle chamara así). Hai anos
reconstruíuse a ponte con sinxelas travesas da vía do tren pero actualmente
remozouse e embeleceuse completamente para goce dos peregrinos e paseantes do
parque.
O Camiño córtase con algunha nova rúa de Sigüeiro e hai que bordear un pouco ata chegar á "Rúa Real" e logo desembocar na N-550 ao lado da Praza da Foca.
A poucos metros queda a histórica
ponte sobre o Río Tambre que deu nome á vila. Construída no século XII ou XIII,
ten 6 arcos, 5 deles románicos (os dous centrais con dobradura) e un, o máis
próximo a Santiago, gótico oxival porque foi feito no século XIV nunha
reparación ordenada por Fernán Pérez de Andrade.
Esta ponte, o único
monumento interesante da vila, é tamén o final do Camiño Inglés pola comarca de
Ordes. Unha vez cruzado comeza o concello de Santiago.
No hay comentarios:
Publicar un comentario