martes, 14 de julio de 2026

O ano 2016


  Se 2015 destacou polos seus terribles atentados terroristas, 2016 non foi moi diferente: Niza, Berlín, Bruxelas e Istambul sufriron o terror do ISIS e ademais en Orlando (Florida) un fanático islamita entrou nun club de homosexuais e asasinou a máis de 50 persoas. Alemaña vivía a resaca da chegada de refuxiados sirios. Os asaltos sexuais de Colonia no Nadal de 2015 foron o primeiro paso para o crecemento sostido que experimentaría o partido ultra AfD. Pero o que realmente conmocionou a Europa foi o Brexit: no referendo do 23 de xuño os partidarios da saída da UE gañaron de forma inesperada, iniciando unha era de incerteza. Outro punto de preocupación foi Turquía, onde un intento de golpe de estado permitiu a Erdogan efectuar unha extensa purga no exército, a policía, o sector educativo e o xudicial.
  En América en cambio as cousas foron algo máis positivas. Obama visitou Cuba, aplacando o vello conflito coa illa. Brasil viviu as Olimpíadas e pouco despois a destitución de Dilma Rousseff como presidenta. Colombia asinou un acordo de paz coas FARC pero o 2 de outubro en referendo o NON ao acordo triunfou por escasa marxe. O ano acabou con Donald Trump esnaquizando os prognósticos e gañando as eleccións presidenciais estadounidenses do 8 de novembro fronte a Hillary Clinton (aínda que esta tiña máis votos populares). A incerteza non era agora só europea senón mundial.
 
  2026 foi o ano da película La La Land (e o seu fallido Óscar) de Civil War e das animadas Buscando a Dory e Zootopia. Sia sacou Cheap Thrills e Justin Biever Love Yourself. En castelán escoitamos La bicicleta e Duele el corazón de Enrique Iglesias. Na televisión iniciou o fenómeno Stranger Things.


 
  España viviu un dos anos máis convulsos da súa historia recente. Comezou cun entón descoñecido Puigdemont conseguindo a presidencia de Cataluña e co "Procés" envelenando toda a situación política. Continuou con Rajoy "pasando" de presentarse á investidura, cousa que si fixo Pedro Sánchez sen éxito. Finalmente volvería a haber novas eleccións xerais en xuño nas que o PP mellorou, mentres PSOE e Cs baixaron os seus resultados. Iso provocou a posterior abstención do PSOE, o abandono de Pedro Sánchez e a investidura de Rajoy. Paralelamente subiron os escándalos como a imputación da infanta Cristina, a dimisión do ministro Soria pola súa implicación nos "papeis de Panamá" e o xuízo das tarxetas Black.
 
En Galicia as eleccións de setembro viron como a irrupción das mareas lideradas por Villares só serviu para confirmar a maioría absoluta de Feijoo que non perdeu ningún escano. Foi un ano cun verán moi seco que volveu a ser pródigo en incendios (queimáronse unhas 20.000 hectáreas), pero a nova máis impactante foi a morte de Diana Quer.
 
  Ordes, que acumulaba 4 anos de descenso demográfico, comezou a era post-Regos, con Martís pagando os excesos dos anos anteriores. En marzo xuntou os seus votos cos do BNG para aprobar o PXOM e en xuño tivo que prorrogar as contas do 2015 despois de ser rexeitadas pola Corporación. En xullo UxO negociou unha moción de censura co BNG pero os nacionalistas puxeron a inasumible condición de que Regos quedara fóra, así que todo quedou en nada.
  A crise económica seguía golpeando. Os xogadores do Ordes pasaron meses sen cobrar os seus soldos, os empregados da gasolineira Ponpre levaban un ano de folga ao pé da N-550, o 15 de outubro pechou definitivamente LP 45 e o peor de todo, a empresa que case en solitario levantou a vila, Viriato, rematou a súa andadura. No verán houbo unha concorrida manifestación de ex-traballadores reclamando soldos pendentes, logo os responsables da empresa solicitaron renegociar a débeda pero o feito de perder El Corte Inglés (o cliente principal que supoñía o 40% da súa facturación) ocasionou que tiraran a toalla e pecharan definitivamente.
  Outras novas negativas foron o peche da escola de Merelle e o intento de instalar un vertedoiro na parroquia de Lesta que recibiu o non da corporación municipal. Aínda así tamén houbo algunha novidade positiva como que en marzo o Ordes junior de Hóckey proclamouse campión galego, en abril o Arcebispado cedeu a reitoral de Poulo para construír un albergue e houbo obras nas beirarrúas da Reverencia. O ano rematou co nomeamento de Isabel Zendal como Filla Predilecta.
  Pero o gran protagonista non foi ela senón Manolo de Xaniño e a súa etílica aventura que acabou con el atrancado nun lavadoiro. Outras novas curiosa foron a detención dun vidente senegalés que ía estafar 48.000 euros a un cliente ordense ao que pretendía vender os números "que ían tocar" na lotería e a saída moi publicitada dun colchón que avisaba dos cornos maritais!!!
  Como sempre houbo moitas festas, nas que podemos incluír en abril un Xantar Gaiteiro con 13 grupos de música tradicional percorrendo os bares da vila e unha ExpOrdes que contou con 160 postos e repartiu 2 Tm de champiñóns. 
  As festas do Mesón deixaron unha imaxe para o recordo traendo ás míticas Azúcar Moreno e as de Ordes cumpriron o expediente coa participación do popular Combo Dominicano.
  Os decesos máis notables foron os de María Boquete, nai do ex-alcalde Regos en marzo e a centenaria Manuela Manteiga Viqueira das Marchás (Vilamaior) en abril. Ademais o rumano Catalin Onofrei morreu por accidente de tráfico no río Cabrón e o mozo dominicano Álvaro Paredes foi acoitelado preto da farmacia de Arriba.

No hay comentarios:

Publicar un comentario