O rego do Cubo (que na maioría dos mapas
aparece como rego do Cabo) é un dos afluentes do río Cabrón que discorre pola parroquia de Buscás. O último quilómetro ata a súa desembocadura ademais de ter
fermosas paisaxes alberga un pequeno tesouro etnográfico porque hai ata tres
muíños, iso si moi desigualmente conservados.
MUÍÑO de VILARIÑO
Restaurado polos veciños, que converteron
todo o lugar nun campo para celebrar merendas e festas, é unha pequena
construción de 5 metros
de lonxitude por uns 3,60 de anchura (16 metros
cadrados de superficie). Está feito de cachotería e ten cuberta a unha auga con
tella do país. Conserva o pousadoiro ao lado da porta, á que se accede por un
par de chanzos. Actualmente apegado ao muíño hai un pequeno cubículo cadrado
feito con madeira.
MUÍÑO do CUBO
Áchase a poucos metros da chamada "Casa do Cubo". Ao contrario que o anterior, este está en moi
mal estado co tellado case desaparecido. Dependendo da época do ano, pódese
pasar a carón del sen decatarse da súa presenza pola gran cantidade de
vexetación que o rodea. É un pouco máis grande que o de Vilariño, uns 5 por 4 metros aproximadamente. Está feito de cachotería, con algunhas pezas de
gran tamaño. Destacan na parte baixa das esquinas algúns bloques moi grandes de seixo,
que son fáciles de atopar nesta zona. O interior esta revocado e aínda conserva
a pedra de moer.
A MAQUÍA
Máis preto da estrada e a uns 70 metros do anterior muíño achamos unha complexa
edificación (que foi medrando ao longo dos anos segundo as necesidades cambiantes dos propietarios) onde estaba a antiga maquía da familia Ruibal, motivo do topónimo
deste núcleo. O muíño propiamente dito está englobado nunha construción máis
ampla de cachotería miúda con tellado a dúas augas (actualmente con cuberta de
fibrocemento), o mesmo que o edificio ao que está apegado, que conta con dúas
alturas e que está destinado a diversos usos. Non quedan restos externos da
canle nin nada que faga sospeitar que houbera esa maquía no século pasado, agás
as testemuñas dos veciños.

No hay comentarios:
Publicar un comentario