O apelido Rodríguez está entre os 3 ou 4 máis
habituais no concello de Ordes con máis de 600 portadores. Quizais a familia
máis coñecida son os de Carril,
procedentes do Bidueiro (e antes de Oroso) e logo asentados sobre todo no
Recreo.
Non
tan numerosos pero tamén moi coñecidos son os Estevos do Casal. O patriarca desta
familia no século XIX foi Estevo Rodríguez, un canteiro procedente da
parroquia de Rodís (Cerceda). Segundo o seu neto Manuel, Estevo era bastante
trangalleiro e amigo das bromas. Nunha das súas viaxes de traballo chegou a
Cestaños na parroquia de Parada para facer unha cheminea e foi do agrado de
Manuela García Noya (alcumada a Parrola por ser gorda e baixiña), a muller
máis rica do lugar. Manuela, que non tiña fillos do seu matrimonio con José
Fernández o Longo, ofreceulle as mellores
terras de Cestaños, preto da capela de San Xosé, se casaba cunha das súas
sobriñas políticas, Pilar García Fernández. Obviamente Estevo aceptou
e estableceuse nese lugar de Cestaños con saídas ocasionais para facer
chemineas e fornos, oficio no que ao parecer era moi bo. O matrimonio tivo
varios fillos: José
que casou para a Portela (Leira), Manuel, Nieves que quedou na casa, e María que casou para Cabaleiros
(Tordoia).
O segundo, Manuel Rodríguez García, tamén
canteiro, sería o que se estableceu no Casal despois da voda con Josefa García
Boquete (1888-1964). A súa casa (hoxe Casal 19) estaba a carón da
dos García (Casal 18).
|
Os García (ou
Gharcías) eran unha das familias máis importantes do Casal. O patriarca era Benito García
que casou con Carmen
Boquete, filla do burraxeiro de Castenda (Parada). Este matrimonio
tivo 4 fillos: Manuel, que morrería na guerra de Cuba, Jacobo, José (que sería o herdeiro e casaría
con Manuela Varela coa que tería 9 fillos), e por último Josefa (a que casou con Manuel Rodríguez).
|
O matrimonio de Manuel e Carmen tería 4
fillos, todos varóns: Juan, Estevo, Manuel e Pedro.
Juan, o primoxénito,
emigrou a Ameríca e non sabemos máis del.
Estevo José
Rodríguez García Estevo
da Reverencia (1923-2009) casou con Leonor del Río Grela (1924-2014) coa que tivo 6
fillos: Avelino, Encarna, Manuel, José Luis, Mª Carmen e Ángeles. Estevo foi un
gran deportista e na súa vellez participou en numerosas carreiras, paixón que
transmitiu á familia. A que o tomou máis en serio foi a súa filla máis nova,
Ángeles, triunfadora en numerosas competicións atléticas de veteranos.
Manuel Rodíguez
García (1924-1999) de mozo foi aprendiz de carpinteiro con Adolfo Pérez Graña.
Casou logo con Francisca Ruibal Rivas (1924-1999) -os Ruibal e os Rivas eran
dúas das familias máis importantes de Buscás-. Establecéronse en Santiago na Algalia onde tiveron unha ferraxería. Dos seus tres fillos, o maior, Euloxio Rodríguez Ruibal, é o escritor máis importante que
deu Ordes. Na súa vellez, Manuel tamén escribiu un libro, "Historia viva",
que trae moitísima información sobre personaxes que el coñeceu na súa infancia
e costumes daquela época (así que hai varios artigos neste blog -este, por
exemplo- que o empregan de fonte).
Pedro Rodríguez
García Estevo do Casal (1927-2015) foi o
que herdou a casa familiar. Casou con Estrella Pampín Recouso (1929-2009) dunha
ampla familia da parroquia de Parada. Con ela tivo tres fillos, dos que o
maior, José Luis Rodríguez Pampín, xa faleceu (2014).
FONTE principal: "Historia viva".
Agradecementos a Ángeles Rodríguez e Lucía Doval.
No hay comentarios:
Publicar un comentario