viernes, 5 de septiembre de 2025

Toponimia de Barbeiros

  A parroquia de Barbeiros ten unha toponimia moi particular. A súa característica máis singular é que hai ata cinco nomes de lugar (ademais do da propia parroquia) en plural, o que probablemente signifique na maioría dos casos que aluden a apelidos ou nomes de antigas familias propietarias desas terras.
 

BARBEIROS: o propio nome parroquial é a maior proba da súa singularidade porque non, non ten nada que ver co oficio de barbeiro, senón que significa ‘terra de bárbaros’, é dicir un lugar onde se asentou xente maioritariamente forasteira. Ao sur limita coa parroquia de Galegos, topónimo que significa xusto todo o contrario.
Aldeíña: diminutivo de aldea, termo que ven da palabra árabe al daya que orixinalmente designaba unha casa illada e posteriormente adquiriu o significado actual de pequeno grupo de vivendas.
Os Baltares: ven do nome Baltarius, quizais un propietario medieval. A forma en plural podería aludir aos seus descendentes. Estas serían as ‘terras dos descendentes de Baltarius -ou terras da familia Baltar-’.
Bieites: ven de Benedictus, nome que en galego tranformouse en Bieito. Así que igual que no caso anterior serían ‘terras dos descendentes de Benedictus’.
Cruceiro: o moi abundante monumento pétreo deu orixe a este topónimo que ven da palabra latina cruce máis a desinencia -eiro.
Coruxo: lugar situado nun antigamente importante camiño veciñal que unía Ordes con Frades, sendo na segunda década do século XX o núcleo máis poboado da parroquia con 48 habitantes (100 anos despois segue mantendo ese posto con algún habitante menos). Coruxo alude á curuxa (Tylo alba), ave de grande importancia na cultura popular, como todas as rapaces nocturnas, por ser considerada portadora de funestas novas. A etimoloxía de coruxa non está clara, podendo proceder do latín antigo *corugiam ou de *corusceam, derivado de coruscam, ‘resplandecente, brillante’, pola ollada característica desta ave.
Fondo da Aldea: o nome deste fermoso lugar ven tamén de al daya.
 
 
Gandarón: unha gándara (palabra prerromana) é unha terra baixa chea de vexetación silvestre de pouca altura. Neste caso sería un aumentativo, ou sexa unha gran gándara.
Os Lagos: obviamente non hai ningún lago, así que probablemente o topónimo faga referencia a un lugar de terras moi húmidas (está preto do río Samo) onde a auga apoza con facilidade. O nome "lago" ven da palabra latina lacu.
Loureiro: o topónimo ven do aromático arbusto, cuxo nome deriva do latín lauru.
Os Mandaios: en principio unha manda é un legado de bens ou dereitos que se fan mediante testamento, pero tamén pode referirse a unha canle de auga para o rego dos prados, tal como parece ser o caso das Mandas, unha aldea da parroquia de Olas, que non está moi lonxe. Os Mandaios podería ter tamén este significado de pequenas canles de rego. Isto é mera hipótese porque non atopei ningunha información sobre este topónimo.
Os Pardos: o adxectivo "pardo" (do latín pardu) significa ‘escuro, marrón’. Probablemente aplicouse primeiro a algún lugar montuoso, como o famosísimo El Pardo en Madrid, e logo quizais se transformou no alcume dalgún nativo do lugar. A forma en plural fainos pensar que significa algo así como ‘terras da familia Pardo’.
Pedrouzo: un pedrouzo, outra das moitas palabras derivadas do latín petra, é unha pedra de gran tamaño, así que podemos supoñer que no lugar hai ou houbo algunha gran rocha.
Ramil: ven dunha *(villa) Ranimiri “Vila de Ranimirus”, nome que se converteu en Ramiro. Este antropónimo xermánico contén o termo mêreis ‘célebre’, que orixinou moitos topónimos rematados en –mil. Non está tan claro de que elemento gótico ven o Ra- inicial.
Uzal: monte ou lugar cheo de uces. É un dos moitos topónimos relacionados coa uz, pequeno arbusto moi abundante, cuxo nome ven da plabra latina ulice.
Vimieiro: Vimieiro ou Vimbieiro deriva do latín *viminariu (ou *viminem), que se refire a un lugar onde hai ou se recollen vimbios, é dicir, as varas flexibles de certos arbustos, principalmente do vimbieiro (*Salix viminalis), empregadas para facer cestas e outros produtos artesanais.
 

Meixonfrío: deixei para o final este topónimo por ser o máis controvertido. Hai varias teorías sobre a súa orixe.
No libro "Os nomes de lugar" (1992), falando do Meixón Frío máis famoso -o que está nun arrabaldo de Santiago-, Fernando Cabeza Quiles relacionábao coa produción de xeo. Nese lugar antigamente practicábanse buratos no chan nos que pola noite a auga se convertía en xeo, logo vendido en establecementos e bares de Santiago.
Pero o topónimo, sexa Meixón, Maixón ou Mesão Frio é moi abondoso por toda a xeografía galega e mesmo portuguesa, e na inmensa maioría dos casos non se pode relacionar para nada co xeo, pero si por suposto co frío.
O dicionario de X. L. Franco Grande explica que a palabra "meixón" nalgunhas comarcas tiña o significado de ‘morea’. Quizais o topónimo se refira só a lugares pétreos, altos e fríos.
Pero habitualmente pénsase que Meixón ven do latín mansione ‘casa de hospedaxe, pousada’. Nalgúns textos medievais aparecen "Meison frido" (ano 981) e "Mansion frígido" (ano 1059). Por iso a hipótese máis aceptada é a que supón que é un topónimo de orixe pastoril que se referiría a un lugar onde había unha choza (ou varias) de pastores.
O de frío viría segundo algúns en que non farían lume polo febles que eran eses cabaneis. Non obstante César Varela García entende que non podía haber un albergue pastoril, por moi elemental que fora, onde non se puidese facer un lume. Así que el propón (a pesar dos textos medievais) que a palabra latina orixinal era frivolus ‘lixeiro, fútil, de pouca monta’ e que por tanto aludía a un cabanel interino ou de escasa entidade. Tamén pensa que a 1ª parte do termo non sería mansione, senón manducatorio que deu en “manxadoira”, “manxoeira” ou “menxedeira” dependendo dos lugares. Outra posibilidade sería que derivara dun antigo *miscion > meixón , ou sexa unha mixtura de rabaños e pastores, atendendo ao vello costume que había de unir o gando para pacer xunto. En definitiva, para César Varela, Meixón Frío sería ou ben unha choza provisional ou un lugar con pastos temporais ou a unha reunión de pastores e gando.
Outra teoría, que expón Dolores González de la Peña, é que Meixón veña de miscere ‘mesturar’. Meixón sería entón un hidrónimo indicativo da afluencia dunha corrente de agua noutra, reforzado polo adxectivo frío, que acompaña con frecuencia aos hidrónimos. Teño que apuntar que non parece ser ese o caso no Meixón Frío de Barbeiros, que está bastante lonxe (uns 900 metros polo menos) do río Samo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario