O edificio que alberga o Museo do Traxe tivo dúas vidas, unha primeira como centro sanitario
e a actual como centro cultural.
Situado na rúa da Feira Nº 5, foi construído
en tempos de bonanza económica, arredor de 1987, sendo a súa
propietaria a Seguridade Social. Ocupa algo máis de 320 metros cadrados de
superficie pero ao posuír tres plantas a superficie útil ven sendo de 686 metros cadrados. En 1990 foi traspasado ao Sergas e iniciou
a súa vida como centro sanitario. Naquela época era xefe da Sanidade local o
médico Manuel
González Picón e traballaban nel os médicos de zona Manuel Barreiro
e Jacobo Laya García, a doutora de APD María Bustillo, o pediatra Julio
González Yebra, o practicante Rafael García Folgar e unha comadroa de APD.
O seu tempo como centro sanitario non foi
demasiado longo, pois pronto foi evidente que quedaba pequeno para tanta xente.
Todos os que estivemos algunha vez nel recordamos o moito barullo que había
habitualmente e que os mércores de feira aumentaba de intensidade ata niveis
estratosféricos.
En 1997 a
Consellería de Sanidade tiña previsto instalar un PAC (punto de asistencia
continuada) no centro médico xa que había medios pero non espazo. A finais de 1999 xa estaba construído o novo
centro, quedando o edificio do campo da feira baleiro.
Durante a alcaldía de Martino houbo intentos de buscarlle algunha utilidade pero
finalmente o seu destino final sería converterse no principal museo da vila.
No ano 2009,
xa na primeira lexislatura do alcalde Regos, foi acondicionado para recibir a
colección de traxes e outros obxectos (libros, crucifixos, complementos...) do
bailarín, coreógrafo e estudoso ordense Juanjo Linares.
Na planta baixa estaría o salón de actos,
unha biblioteca con libros de danza doados por Juanjo, almacén e recepción. A
primeira planta estaba dedicada á nai do bailarín, Valentina Martiáñez, e a
segunda á súa primeira parella de baile en Ordes, Teresa Marcos. Dentro das
vitrinas máis de 200 traxes do millar que compoñen a colección, un enorme
catálogo a disposición do público.
Infortunadamente Junjo sufriu un infarto e
morreu en novembro en Madrid, sen poder ver o resultado final.
A inauguración tivo lugar o sábado 16 de
xaneiro de 2010. Ese día estiveron
presentes o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, o alcalde Manuel
Regos, o director do museo e ex-alcalde Manuel Viqueira Verea Mundito, toda a corporación municipal, un
representante da corporación de Puebla de Montalbán (Toledo), os irmáns de
Juanjo, María Luisa e Gumersindo Liñares, diversos membros de
grupos de danza e preto de 300 ordenses que non quixeron perder esta homenaxe
póstuma.
Na hora dos discursos todos ensalzaron a
figura de Juanjo. Regos declarou que o pobo de Ordes pagaba así unha déveda co
bailarín que levou o seu nome por España adiante. Mundito, pola súa banda,
expresou o seu desexo de que o museo se convertira nun referente para os
estudosos do folclore. A familia expresou o seu agradecemento.
De todas formas o museo aínda tardaría uns
días en abrir oficialmente as súas portas ao público. Iso ocorreu o 1 de
febreiro de 2010.
Tradicional guía do museo desde ese primeiro
momento foi Mª del Carmen Regueira
que lamenta o pouco coñecido que é dentro e fóra de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario