jueves, 3 de julio de 2025

A familia Fernández (Pichos)

  O patriarca desta familia foi José Fernández o Picho de Merelle. Este alcume herdouno da súa nai, a Picha de Mercurín. Aos seis anos comezou a traballar de criado para o Cego de Ghosende e con el viviu historias que ben poderían figurar no "Lazarillo de Tormes". Finalmente despois de moitas pillerías o cego despediuno e José aprendeu o oficio de xastre. Comprou unha maquina de coser de man e ía traballar polas casas. Segundo conta Manuel Rodríguez en "Historia viva" tiña sona de bo xastre e de pillabán.
  Un día foi contratado na casa de Mendes do Campomaior para facerlle un xustillo á súa filla Pepucha, que era moi guapa. Podedes crelo ou non pero cóntase que ela peneirou a borralla coa peneira do revés por enriba da súa cabeza, o que era un feitizo de amor comprobado. O caso é que esta vez polo menos funcionou: José e Pepucha fixéronse mozos e acabarían por casar. Viviviron na aldea, pero cando os fillos xa eran mozos arrendaron unha casiña no Recreo.
  Tiveron polo menos sete fillos: Cándido, María, Manuel, Concha, Asunción, Luis e Consuelo. Unha carácteristica física común a moitos deles foi o seu rechamante pelo branco. Cándido e Luis de novos formaron parte da Banda de Música.
 
Cándido Fernández Castro (1906-1978) tivo amores con Babila Ferreiro, froito dos cales foi o meu pai Juan Ferreiro Juan de Babila, pero casaría con María Rey Iglesias (1916-1994), coa que tería 3 fillos: Cándido, José e Sabino Fernández Rey.
Cándido Camel foi xastre. Na súa xuventude tocou na orquestra Cantábrica.
José, tamén xastre, casou con Adolfina Abruñeiras Naveira do Verdeal (Buscás) [Non confundir con outra Adolfina Abruñeiras Naveira tamén de Buscás xa falecida].
Sabino casou con María José López.
 
María Férnandez Castro casou con Antonio Regos Regos, irmán dos coñecidos ferreiros do Balado e do Recreo. Ambos os dous morreron bastante novos, despois de ter catro fillos, Cándido, Horacio, Luisa e María, que se criaron medio separados.
Cándido Regos Fernández Ducho (1931-2011) era un gran debuxante e pintor (facía os carteis de propaganda para o "Oriental Cinema" xunto con Pablo Blanco). Aprendeu o oficio de xastre co seu tío Cándido, logo estivo na farmacia de abaixo e rematou traballando na fábrica de Viriato. Casou con Amalia Martínez, que se criou coa familia dos de Daniel. Con ela tivo tres fillos, José Antonio, Dolores Lechas e Rafael Rafita que de mozo tamén traballou na farmacia como o seu pai.
Horacio Regos Fernández (1932-2024) criouse no Balado, na casa do seu avó paterno, aprendeu o oficio de zapateiro e emigrou ao Barbanza. Abriu unha zapatería en Palmeira no ano 1960 e en 1994 outra en Ribeira e logo aínda unha terceira, pero os comezos foron difíciles e estivo 16 anos facendo tamén venda ambulante. Do seu matrimonio con Mª Lourdes Fariña Casas, unha moza da parroquia de Montaos, tivo sete fillos.
Luisa Regos Fernández casou con Manuel del Río Calviño Nené co que tivo unha única filla, Mª Luisa Güita.
Mª Balbina Regos Fernández (1939-2020) casou con Leandro del Río Naveira (1936-2002), coñecido propietario dunha droguería case no centro da vila e fillo do dirixente socialista Manuel del Río Mandayo. Con el tivo 5 fillos: Leandro (que tamén levou a droguería), a coñecida profesora Pilar, Jorge, María e Manuel del Río Regos.
 
Manuel Fernández Castro (1910-1990) casou con José Liste Areoso (1911-2006) da familia de Gholan coa que viviu no alto do Recreo. O matrimonio tivo 4 fillos.
José Fernández Liste Pepe de Gholán (1935-2001) casou con Remedios Bello Varela, coa que tivo tres fillos: Rosario, profesora de instituto moi coñecida polo seu labor político dentro do BNG, José e Isabel Fernández Bello, tamén dedicada á docencia.
Os outros 3 fillos son Estrella, María e Manuel Fernández Liste.
 
Concepción Fernández Castro
(1912-2006) viviu na Fonte Estrei e non casou.
Asunción  Fernández Castro (1917-2011) casou con José Rodríguez Gómez José do Serrador (1913-1986) que tamén foi xastre. Cando volveu de Venezuela Pepe comprou unha casa en Alfonso Senra 9, casa que pertencía a Camilo (sobriño de Rogelio), casado cunha "sobriña" do cura de Marzoa, que marchou despois de vendela a Asturias. Pepe e Asunción tiveron dous fillos: José Rodríguez Fernández Pepe o Músico, casado con Mª Jesús Liñares, e Asunción Rodríguez Fernández Chon.
Luis Fernández Castro (n.1920), carpinteiro, emigrou a Brasil en 1954.
Consuelo Fernández Castro (m.2008) viviu na Coruña co seu marido Enrique Castro, co que tivo 5 fillos.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario