No ano 2009 un estudo feito por La Caixa informou que en Santiago había 1.192 bares, cafeterías e restaurantes.
Desde 2004 aumentara o número nun 6,3%. Comparaba ese número co de oficinas
bancarias que era de 110. Así que dando un paseo por Compostela atopábanse 10
bares por cada sucursal bancaria.
Ese número supoñía que había un establecemento hostaleiro por cada 79
veciños. Así Santiago era a cidade galega con máis locais per cápita por diante
de Lugo (101), A Coruña e Ferrol (102) e Pontevedra (103).
Pero aínda Santiago palidecía fronte a un concello que tiña ao lado.
Si... adivinástelo. ORDES era ese lugar. Grazas aos moitos anos de
"movida" (que estaban a piques de rematar) chegaba a esta alucinante
cifra: un establecemento por cada 63 habitantes, o que o colocaba non só no primeiro lugar de Galicia senón tamén de España.
Ao longo da historia da vila houbo unha morea
de tascas, tabernas e bares que xa desapareceron. Aquí unha mínima mostra desde
os anos 50 na que non están os pubs da movida nin locais modernos porque é
practicamente imposible recordalos todos.
Na
curva do Cano estaba o Estremeño. A Chabola foi un restaurante
especializado en paellas antes da súa triste decadencia. En Merelle estaban o
bar Zamora, os Blancos e o Mercurín.
|
No
norte de Alfonso Senra a Parrillada
Ramiro cambiou varias veces de mans e segue funcionando como kebab. En
fronte, onde hoxe hai unha froitería, estaba o Bodegón Queimada, que atendía Blanca Nieves Quindimil, a muller
de José Mª Fuentes.
|
No
edificio de 10 pisos estaba a Cervecería Couto, que nos anos 90
deu nome a un equipo de fútbol sala. Detrás a Mina, local que pasou por varias mans.
|
Na
rúa Rosalía preto da esquina con Alfonso Senra estivo a Raxaría Albariña. Onde está Froiz houbo un bar que durou pouco
tempo, o Jaypi. Algo máis abaixo
un dos bares históricos de Ordes, o Avenida
de Carlos Regos, que foi o primeiro con televisión e con moitos parroquianos
embobados mirando para ela.
|
Alfonso
Senra 96 era a dirección do Casino
no que había bar (tamén estivo un tempo na Mina). Na esquina destacaba a Parrillada Moar, que Antonio Moar herdou
do seu pai Rafael. Logo o Bar Fraga
que estaba no calexón de Correos (hoxe Rúa Reconciliación).
|
No
centro da vila, fronte á Alameda estaba a Cafetería 7 mares (e
churrería El Pirata), o Juanito, que foi o primeiro con
televisión en cor, e o histórico Bar
Liñares que tiña un espectacular anuncio de Pedro Domecq feito con
mosaicos na fachada. No mesmo lugar (A. Senra 129) durou moitos anos o 1X2, o "bar das quinielas".
|
Na
esquina sueste do cruce estaba o
bar Guillín e pouco despois o Mira. No camiño a Vilar o célebre Sementes, famoso polas súas tapas de
pementos, o Bar Antón e o antigo Mini-Bar de Andrés da Garabanxa. Onde
agora está a farmacia había unha das máis vellas construcións da vila (1857),
chamada Casa Enrique, polo seu
dono Enrique Nouche (1915-1983).
|
Onde
hoxe está o Banco de Sabadell houbo o Bar
Caribe, propiedade dun dos irmáns Soneira. En Alfonso Senra 116 o Bar Azul foi moi exitoso, ata que os
dous irmáns Louzao que o levaban separaron os seus camiños. Antes e no mesmo
lugar houbo outro chamado La Arzuana, que era de Luisa do
Albardeiro, e que se trasladaría a onde logo estivo o Bar Antón. Na zona do
Matadoiro existiron o Pub Kilé e o
Matadeiro (que tivo varios nomes)
ao longo da súa historia. No sótano da "Casa das Medias" había unha
taberna tracional, o Burato, con
bocois de viño postos de pé onde se pousaban as cuncas. Ao lado de Deportes
Capitán estivo a Jamonería Órdenes.
|
No Piñeiro había unha taberna de Carmen
de Carballido. Fronte ao Bar da Esquina, xa na rúa de Galicia tivo un bar o maior dos
irmáns Cancelada, Manuel Cancelada (1918-2001), que tamén era tratante de
madeira. Na rúa nova estiveron o Bestilleiro,
o mítico Corzo e o primeiro pub na
historia da vila: Arcos.
|
No
Barrio do Paraíso, ademais da cafetería de Manolo no instituto, estaban o bar
de Adelina "A Paloma", o de Marina, Bar Susa e algunha
hamburguesería para saciar os estómagos adolescentes.
|
Nos
alto dos Lagartos antigamente había varios establecementos que mesturaban
ultramarinos, taberna ou casa de comidas. Eran a de Emilio de Pérez no cruce con
Rosalía, a de Carmiña
de Veiras na última casa antes do Paraíso, a de José Mirás
e logo da súa filla casada cun Cancelada fronte á panadería de Vitorio e a de
José
Ferreiro Moar (1903-1981) que estaba casado con Sara Nouche, unha
irmá de Enrique. Na de Mirás estivo posteriormente o Bar Regueiro. Na esquina Primitivo Viqueira Lagares (1924-2003)
foi propietario do Bar Abellá.
Outros locais foron o Caseto, Zipi e Zape, e o Veleiro que tamén era dos de
Ferreiro.
|
Máis
abaixo estaba o Bar Patiño (tamén
casa de comidas). Na esquina coa rúa Nova había o Bar Eirín. Algo máis abaixo un dos bares e restaurantes máis
antigos da vila, o de Mariño. Posteriormente tería unha 2ª vida como
croissantería Antoxos. Tamén nos 60
houbo un Bar Órdenes que rexentaba Jesús Villaverde Botana (1932-2018). Na outra man o
mítico Xesteda (agora casa de
apostas) que fundou o empresario José González e que pasou por múltiples
mans.
|
No
que agora son os parques municipais houbo antigamente unha taberna que
rexentou un tal Cándido. Cos anos no mesmo lugar habería bares ou pubs con
distintas denominacións. Nos soportais ao lado da de Álvarez estaba a de
Nieves. Na parte baixa tocando co Recreo no que era a casa da Ribacha estivo
o Bar Regos, primeiro de Cándido
Regos Rodríguez e logo do seu irmán Manuel, pai do alcalde. No actual campo
da feira o primeiro local foi do municipal Cachorro. Outro dos primeiros foi o bar Felisa.
|
No
Recreo, outra das rúas máis vellas de Ordes, pasaba o mesmo que nos Lagartos.
Houbo moitas fondas, tabernas e lugares míticos como a casa de comidas de
Mari Pepa de Mirás ou o bar/salón
de Encarnación Meijide de Prado. Outros
que podemos citar son o Sótano,
que estaba na casa de Carril, o bodegón Orensano
de Carlos González Rodríguez (1923-2011), o bar de Pablo ou o bar de Vicente
Corral o Culero. Máis modernos no tempo
foron o Bar Puente de Manuel Liste
García e Carmen Varela Caamaño (onde hoxe Tino vende maquinaría agrícola), o Bar Lesta e o Bar Cendal.
|
Na
parte alta do Recreo estiveron a taberna de Pepe de Carril, o bar de Alfredo,
o Vista Alegre, o Bar Golán e o último xa en pleno Balado, Clave de Sol, famoso por aqueles
recordados polos asados e algunha outra característica menos apreciada polo
público xeral.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario