sábado, 2 de marzo de 2024

Oficios: xastres e costureiras

 
Ser xastre e costureira era motivo de envexa porque era un oficio descansado. Traballábase a cuberto e á sombra cando os demais estaban soportando as inclemencias do tempo, e tampouco era perigoso (agás para a vista), non había que facer esforzos físicos e non había accidentes.
  Tanto xastres como costureiras tiñan un taller na súa casa, pero tamén podían ir traballar polas casas a mantido. Isto último foi moi habitual na primeira metade do século XX, pero logo desapareceu esta práctica e acabaron traballando só no taller.
 
  O xastre non precisaba de moitas cousas: unha mesa grande onde estirar, medir e cortar o xénero, tesoiras, regras, cintas métricas, xiz, agullas, alfinetes e a máquina de coser. Tamén un bo ferro [plancha], que ás veces poñían na porta para que a corrente de aire acendese os carbóns, non arrefriara e puidese ser empregada en calquera momento. O xénero tanto podía telo o xastre como levalo o cliente que quería facerse o traxe.
  As costureiras igualmente podían ser de taller o de andar polas vivendas. Neste caso levaban unha máquina pequena na cabeza, tesoiras, agullas, alfinetes, fío...
 
  Grazas ao anuario Riera sabemos que a principios de século había dous xastres en Ordes: Andrés Blanco e Ramón Vilela (parente político da familia Mariño dos Lagartos). Outro, tamén de tempos moi antigos, foi o meu bisavó José Fernández o Picho, que era moi trangalleiro. Herdou o traballo e o alcume o seu fillo Cándido Fernández Castro (1920-1994), que á súa vez llo traspasou ao seu fillo José Fernández Rey. Na rúa Lagartos viviron outros dous xastres Leonardo Recouso e Pispa e en Alfonso Senra 102, nunha casa que aínda conserva o seu aspecto tradicional, José Aller Fernández (1903-1980). Tamén en Alfonso Senra pero máis ao sur (onde agora está Cristín) traballou José Mosquera Peteiro (1904-1999), xastre que veu de Pontecarreira, casado con Manuela Lodeiros Sánchez (1904-1996) e pai de tres fillas e un fillo varón.
  Outro xastre da mesma época foi Manuel Sousa Hermida (1906-?), que non era de Ordes xa que nacera en Ponte Caldelas. Era militante socialista e con el traballou e compartiu as súas ideas políticas o coñecido guerrilleiro Manuel Ponte Pedreira (1911-1947). Tamén Ramón Ponte, irmán do anterior, foi xastre. Manuel Sousa acabou exiliado en México, Ponte foi abatido no Fontao e Ramón marchou a Arxentina despois de pasar catro anos no cárcere.
  Dunha xeración máis moderna temos a Antonio Ramos Tejo (1917-1990) procedente de Frades e casado con Manuela Dafonte Ríos (1922-2013), Tomás Fuentes Ríos (1928-2016), Manuel Botana Porro (1929-2017) o Xastre da Canle, Javier Alfonso Candal Iglesias (1934-2010)...
 

  Tamén polo anuario Riera sabemos que a principios de século había varias "modistas" en Ordes: María e Gumersinda Franqueira, Elena López e Carmen del Río.
  Trinidad Faya Trini (1915-2015), dos Faya da Fábrica, foi unha excelente costureira e ensinou a moitas outras mozas o oficio. Da mesma idade era Mª Carmen Rivas Vaamonde (1915-1984), muller do guerrilleiro Ponte. Outras costureiras moi coñecidas e de gran categoría foron as fillas de Angustias: Antonia, Esther e Josefa Regos Viqueira.
  Pero houbo moitas outras como María A. Pérez Graña Maruja do Relojero, Dolores Caramelo Pena Lolita do Porteiro, Marina Recouso Boquete do Recreo, Valentina Noya de Ardemil, Carmen Ríos del Río de Buscás...
  Unha das razóns de que sempre houbo abundancia de costureiras é que desde moi antigo se celebraron na vila diversos cursiños para aprender a coser. Temos constancia dun xa en 1930, pero foron especialmente populares nos anos 50 e 60. Un dos habituais organizadores destes cursos era Víctor do Capitán.
 
 
* María A. Pérez Graña (1924-2008) era a 5ª filla do reloxeiro Manuel Pérez Rivas. Aprendeu o oficio de costureira e montou unha fábrica téxtil -Confecciones Graña- en Alfonso Senra 72. Casou con Ramón Louzao Cendal (1917-1970) procedente de Leobalde (Tordoia), carteiro e correspondente de La Voz de Galicia, co que tivo 3 fillos: Manuel Ramón Chicho, José Luis Telís e Mª Aurora Louzao Pérez a Nena.

No hay comentarios:

Publicar un comentario