sábado, 9 de marzo de 2024

A familia Villaverde (Vilaverde)


   O apelido Villaverde, con case 400 portadores, é moi habitual en Ordes. Naceu obviamente na pequena aldea de Vilaverde que está a un quilómetro da vila e aínda hoxe, a pesar de que se espallaron por outros lugares como o Piñeiro ou a Espenica (onde son chamados os de Veiras), segue habendo Villaverdes no lugar: son os de Ghorecho.
  A razón do nome é que o patriarca foi Gregorio Villaverde Ghorecho (con gheada), un podente agricultor, que casou con Jesusa Veiras de Lavandeira (Poulo).
  O matrimonio tivo polo menos 5 fillos: María, Juan, Cándido, Andrea e José Villaverde Veiras*.
 
María Villaverde Veiras (1892-1974) casou para o Balado con José Areoso Golán (1888-1961), irmán de Manuela -a matriarca dos de Gholán do Balado-.Tiveron tres fillos: Jesús Areoso Villaverde (1927-2002) que foi capataz de legoeiros e acabou vivindo na Coruña, Jesusa (1932-2020) que casou con Manuel García Varela dos Gharcías do Casal con quen rexentou un bar na Coruña e foi nai do actor Manuel José García Areoso e de Ismael José, e a profesora do Instituto San Clemente Mª Carmen Areoso Villaverde (1933-2019), muller do veterinario Vicente Fojo Salgueiro.
De Juan só sabemos que emigrou, quizais a América.
 
Cándido Villaverde Veiras (1898-1977) foi o que herdou a casa paterna e casou con Jesusa Regos Barreiro (n.1906) do Casal. Tiveron tres fillos: José, Concepción e Emilia.
José Veiras Regos (1926-1995) foi comisario de policía e viviu na Coruña. Concepción casou co taxista Benedicto Rodríguez Gómez (1922-2016), fillo do Serrador e irmán do antigo guerrilleiro Pedro. Con el tivo dous fillos, Manuel e Benedicto.
Emilia Veiras Regos foi a que quedou en Vilaverde. Casou con Evaristo Moure Castro (1932-2012) tamén de Vilaverde -matrimonio adiantado ao seu tempo pois viviron cada un na súa casa-. Evaristo foi todo un personaxe, agricultor, barbeiro e criador de ovellas e cans de caza. Era coñecido non só en Ordes senón en toda a comarca e os domingos o patio da súa casa parecía unha feira con grupos de persoas falando de caza e comprando, vendendo ou intercambiando cans.
 
Andrea Villaverde Veiras (1901-1975) tivo un fillo de solteira, José Villaverde Veiras, coñecido como Cheíño ou o Xeitoso pola súa curta estatura. Aprendeu a tocar o clarinete e de mozo foi compañeiro de fatigas do seu veciño Manuel Viqueira Vieites o gaiteiro de Vilaverde. Posteriormente emigraría ao Uruguay e á súa volta traballou como funcionario municipal (nos xardíns, conducindo o camión do lixo e cobrando as taxas nas feiras) ata a xubilación. Casou con Carmen, a filla maior de José Becerra Darriba (1910-1973), coa que tería un único fillo, Jorge.
Andrea casou logo con José del Río Grela (1909-1988) co que tería outras tres fillas: María, Felisa e Carmen del Río Villaverde.
Jose Villaverde Veiras tamén quedou en Vilaverde. Casou con Josefa Gómez Garaboa (1917-2009) de Poulo, coa que tivo dous fillos, Pilar e José Villaverde Gómez. Este último foi o que viviu en Vilaverde e morreu en febreiro de 2024.
 
 * Aínda que tiñan os mesmos apelidos e unha idade parecida, os irmáns José e Manuel Villaverde Veiras, que viviron na Espenica e nos Lagartos respectivamente, non eran familiares próximos pois os seus pais foran Jerónimo Villaverde da Espenica e María Veiras Pérez dos Veiras de Pardiñas.  
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario