Ao igual que Higinio Cambeses, Manuel
Miramontes, máis coñecido como Bartolo ou Mestre
Bartolo, non naceu en Ordes pero o seu paso pola vila deixou unha forte
pegada.
Manuel Miramontes Fandiño naceu en 1934 no Porto do Medio, lugar do barrio
compostelán de San Lázaro, que naqueles tempos era unha aldea, preto da cidade
iso si, pero "fóra de portas" (de feito tiñan que pasar polo
fielato).
Manuel foi un rapaz campesiño máis, apaixoado
da música como o seu irmán Antonio. Xuntos compartiron unha gaita que custou 100
pesetas e aprenderon a tocar estando coas vacas no monte. Foron as monxas do
colexio do antigo hospital de San Lázaro as que, debido á abundancia de
Manueles, lle puxeron un alcume a cada un e a el tocoulle o de Bartolo.
Ingresou en Cantigas e Agarimos
onde coñeceu á que sería súa muller, a arzuana Margarita Taboada López Rita, que era unha das mellores bailarinas da
agrupación. Con ela casaría e tería dous fillos, Rita (m.2018) e Manuel, que
seguirían os seus pasos dentro do mundo do folklore galego (Rita filla
mesmo sería presidenta da Asociación do Traxe Galego).
O matrimonio emigrou 3 anos a Suiza para
conseguir cartos para a súa casa. Xa de volta volveron á agrupación. Traballou
tamén nun taller de cristalería. Como tocar a gaita non era suficiente para
gañar a vida, empezou a dar clases e, vista a falta de luthiers de gaita despois do falecemento de Basilio Carril da rúa
San Pedro, tamén empezou a facer palletas e posteriormente a fabricar gaitas
nun taller que tiña en Monte dos Postes. Compuxo ademais moitas pezas como o
pasarrúas "Cacheiras".
Pero, como dicía el, o que máis fabricou foron
gaiteiros: fundou diversas agrupacións como Brisas da Terra, Lembranzas do
Tambre e bandas como Maruxía de Laxe, Os Enxebres de San Lázaro ou Aires de
Compostela.
Foi nos anos 70, coa fundación
de Sementes
do Arte por Juanjo Linares, que Bartolo iniciou o contacto con Ordes. Sería o primeiro
mestre gaiteiro que tivo a agrupación e viaxaba en Castromil desde Santiago
para ensinar e ensaiar nun local da antiga fábrica de Viriato. Toda unha
xeración de gaiteiros ordenses naceu das súas clases.
|
Posteriormente desde 1979 ao ano 2005 tamén
daría clases no Colexio La Salle de Santiago onde tería centos de alumnos.
Era pouco amigo da innovación e, aínda que
respectaba aos que tomaban outros camiños, el prefería manterse fiel á
tradición.
Nel convivían o músico e o campesiño. Adoraba
pasar o seu tempo no horto, máis que no seu taller, e nunca pensou en retirarse de
gaiteiro.
Morreu en decembro de 2022 aos 88 anos de idade.
Para rematar, unha anécdota. O seu pai, mecánico da casa Singer, era moi
carallán. Cando soubo que as monxas
lle chamaban Bartolo ía polas tabernas cantando a canción «Bartolo tenía una flauta con un agujero solo, y la
gente le decía: ¡Toca la flauta, Bartolo!». Cando Manuel comezou a
tocar a gaita, cambiou a letra da canción substituíndo flauta por gaita. E,
aínda máis, porque cando Manuel casou, engadiu a Rita na letra: «Bartolo tenía una gaita con un agujero solo, y Rita
le daba la lata a la gaita de Bartolo».
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario