lunes, 6 de abril de 2026

O ano 1965


En 1965 o mundo asistía asombrado á carreira espacial entre a URSS e os EEUU con vantaxe para os primeiros que logaron o 18 de marzo que Alexei Leonov dese o primeiro paseo (só 12 minutos) fóra da súa nave.
Uns Estados Unidos baixo o mandato de Lyndon B. Johnson enfrontábanse á discriminación racial, que provocou en febreiro o asasinato do activista MalcolmX, en marzo a marcha pacifista de Alabama reprimida duramente polo gobernador do estado (Domingo Sanguento), un dobre asasinato de dous deses manifestantes e por fin en decembro a condena de tres membros do KKK por ese crime. En cambio en política exterior mandou as primeiras tropas a Vietnam e invadiu a República Dominicana por temor a que se convertese noutra Cuba. Ese ano tamén se produciu un colosal apagamento de 14 horas en 8 estados da costa leste, incluída a cidade de Nova York.
  En Europa Pablo VI deu por concluído o concilio Vaticano II que renovaría a Igrexa católica e Charles de Gaulle foi reelixido co 54 % dos votos fronte a Mitterrand. En África Alxeria viu como Ahmed Ben Bela foi derrocado por Houari Boumedienne e se independizaba Rhodesia mentres en Asia independizábase á súa vez Singapura, librábase unha breve guerra entre a India e Paquistán e Ferdinand Marcos chegaba ao poder en Filipinas.
 
1965 foi un ano de grandes películas como Doctor Zhivago ou The Sound of Music. No campo da música os Rolling Stones querían "Satisfaction" mentres os Beatles pedían "Help" e nos USA Bob Dylan sentíase "Like a Rolling Stone". Na televisión apareceron series míticas como I Dream of Jeannie, The Wild Wild West e sobre todo Get Smart.
 
España estaba en pleno "desarrollismo", mellorando a súa economía ás alancadas, e ata construíndo unha central nuclear: Zorita. O ano iniciou co nacemento do UHF (a "2ª cadena", sempre moi lonxe da 1ª). Pero a nivel político volveron as protestas estudiantís na Universidade de Madrid, o que provocou a disolución do SEU e a expulsión de catedráticos como Aranguren, Tierno Galván ou García Calvo. Non obstante o peor dese ano foi un terrible accidente de tren en Grisén. No ámbito da cultura Martín Patiño con Nueve cartas a Berta iniciou o chamado "nuevo cine español", pero por suposto tiveron máis éxito Per qualche dollaro in più, Más bonita que ninguna coa encantadora Rocío Dúrcal e Historias de la televisión, que ademais arrasaron coas cancións Más bonita que ninguna e sobre todo Chica ye-ye. No mesmo ano que recibimos a visita dos Beatles, o seu reflexo español, Los Brincos, triunfaban con Borracho. Na televisión comezaron o mítico Estudio 1, presentando obras clásicas de teatro, e a serie Tiempo y hora.
Galicia sufriu un gran temporal que case destruíu o porto de Malpica. A mellora económica era lenta pero constante e ese ano víu a luz o decreto para a creación do Polígono das Gándaras de Budiño (Porriño). En política xurdiu na clandestinidade o PSG (Beiras, García Bodaño...) e desaparecía completamente a guerrilla coa morte do "Piloto" preto de Belesar, aínda que algún atentado contra a construción do encoro de Castrelo de Miño pareceu desafiar esa percepción. No campo da cultura creouse a cátedra de Lingua e Literatura Galega na USC, o padre Seixas celebrou a 1ª misa en galego e apareceu o 1º número de "Terra e Tempo" (voceiro da UPG).
 

Ordes tivo unha gran festa coa chegada dos restos mortais de Manuel Lois, pero pouco despois sufriu un duro golpe económico coa desparición do seu partido xudicial. Ese ano constituíuse o Circulo Cultural y Recreativo. Ah! e xa había venda de peixe conxelado.
XANEIRO: Voda de Mª Cruz Concheiro Varela con Jesús Somoza Almuiña. O almacén de Ordes do SNT abriu os martes todos o meses. Morreron o neno de 5 anos Antonio José Magán Ríos (atropelado), Eduardo Somoza del Río* aos 66 anos, Francisco Rey Presedo (77), Juana Vieites Franqueira (83) e José Uzal Martínez (84) en Buscás.
* Eduardo Somoza del Río (1899-1965) pertencía a unha distinguida familia coruñesa con casa de campo en Palavea. Era fillo de Eduardo Somoza e Luisa del Río. Unha das súas irmás, Julia, estaba casada co aristócrata sevillano Hernán Martín de Barbadillo, conde de San Félix e alcalde da Coruña en 1937. Outra, Luisa, co avogado Pedro López Sors y Freire de Andrade.
  Eduardo foi xuíz comarcal en Ordes e concelleiro. Casou con Mª Carmen Viqueira, irmá de Mundito, coa que tivo 3 fillos: Mª Carmen, Mª Luisa e Eduardo Somoza Viqueira.
 
FEBREIRO: 7 feridos leves ao volcar un autobús de Pallas na estrada a Carballo. Aprobadas obras na zona de concentración parcelaria de Beán. Morreu Remedios Viqueira Franqueira aos 78 anos e Jesús Iglesias Manteiga aos 51 anos en Vilamaior. En Santiago faleceu o médico Ignacio Castro Iglesias.
MARZO: Morreron Ramona Fuentes González en Ordes e Jesús Rama Fariña aos 77 anos en Parada.
ABRIL: Morreu Juana Ferreiro Eirín (dos de Luis) aos 70 anos.
MAIO: Partido de adestramento en Ordes entre o Compostela e o Racing do Ferrol. Morreron Antonio Salvador y Guzmán de Pallavicini, César Abraira Díaz, Juan Caramelo Varela aos 65 anos e Clara Rivas Marzoa, viúva de Manuel Astray Mato. Tamén faleceu en Poulo Antonia Ramos Moar aos 86 anos.
XUÑO: Gran Homenaxe ao soldado Lois. Bendecida a nova igrexa parroquial de Deixebre nos Carballos. Voda de Mª Carmen Castro Silva con José Luis Méndez García. Morreu con 86 anos Consuelo Pérez Fernández, muller do latoeiro Manuel Vilariño Freire.
XULLO: Internado nun hospital de Santiago o xuíz Martín Otero por un accidente de coche.
AGOSTO: Estableceuse en Ordes o antropólogo Gustav Henningsen, para realizar o seu estudo etnográfico. Festas patronais organizadas polas mulleres. Primeiros pasos para a constitución do Círculo Cultural y Recreativo.
SETEMBRO: Peregrinación do arciprestado de Berreo de Arriba a Santiago.
OUTUBRO: Voda de Marisa Regueiro con Juan de Carril. Adestramento do Deportivo en Vista Alegre. Roubado un coche en Ordes! Sorprendidos varios cazadores da zona usando redes e un furón. Decepcionante feira anual de bois na San Luca de Benza con poucos concorrentes e prezos baixos (a res máis cara só valeu 52.000 pesetas). Morreu Jesús Conde Sánchez aos 28 anos.
NOVEMBRO: Decreto sobre Demarcación Xudicial: o partido xudicial de Ordes absorbido por Santiago, agás Cerceda que pasou a pertencer ao da Coruña. Morreron Jesusa Carballido Franqueira aos 60 anos, José Castro Regos (marido de Manuela Iglesias Gómez) e Manuela Varela Méndez dos Garcías do Casal.
DECEMBRO: Orzamentados 2,4 millóns de pesetas para a estrada Ordes-Ponte Carreira e 500.000 pts para Mesón-Cerceda en 1966. Morreron José Recouso Viqueira de Reboredo aos 73 anos, Jesusa Carballido Franqueira aos 65 anos e, en Mercurín, Juan Boquete García (marido de Jesusa Pena Gestal) aos 69 anos. Antonia Santos Figueira de 70 anos, veciña de Leobalde, morreu atropelada polo tren ao cruzar a vía e a moza de 17 anos, natural de Parada, Jesusa Remuiñán Liste suicidouse no parque de Santa Margarida na Coruña.
 
 
 E para rematar cun sorriso un chiste daquel ano 1965.
 Manoliño atopa ao seu amigo Pepiño correndo coma unha lebre e pregúntalle:
-Onde vas así correndo?
-Á casa para que me pegue a miña nai porque rachei os pantalóns xogando.
-E por que tanta présa, se total vaiche pegar igual?
-Porque teño que chegar antes co meu pai, que se está el serán dous a pegar!

No hay comentarios:

Publicar un comentario