jueves, 2 de abril de 2026

Os de Parente

  Na primeira década do século XX Estrella Corbelle Piñeiro casou con Pedro Sánchez Neira, que tiña unha carnicería na entón "Calle Real" e hoxe Alfonso Senra. Eran por tanto unha familia acomodada, pero iso cambiou totalmente coa morte prematura do marido.
  Estrella e os cinco fillos do matrimonio quedaron practicamente na rúa. A situación mellorou lixeiramente cando casou en segundas nupcias con Domingo González Parente (1892-1971), un albanel que veu de fóra.
  Con todo os primeiros tempos (os anos 20) foron tan duros que o matrimonio viuse obrigado a deixar a Eliseo e a Amador no Hospicio Provincial. Aos poucos a súa situación foi mellorando e Domingo, un home moi traballador, ensinoulles aos seus fillos varóns o oficio de albanel. Ademais dos 5 de Sánchez Neira, tivo 4 fillos propios, pero todos eles foron coñecidos como os de Parente. Mesmo á súa muller, Estrella, tamén lle chamaban a Parenta.
 
Pedro Sánchez Corbelle (1909-1971) casou con Jovita Seoane Cotón, con quen viviu no Recreo. Jovita era moi amiga da miña avoa, polo que o meu pai, Juan de Babila, traballou con Pedro de aprendiz de albanel xunto con Pepe Sousa (fillo de Manuel Sousa). Tivo unha única filla, Mª Carmen, que casou con Jesús Bello Carballeiro (1943-2009).
Benigno Sánchez Corbelle (1910-1965), que de mozo tocou na Banda de Música de Ordes, tamén comezou traballando de albanel. Co tempo chegaría a ser responsable de varios edificios da Compañía Telefónica. Casou con Estrella Farto coa que viviu na Coruña. Foi o primeiro dos irmáns en morrer (aos 55 anos).
Eliseo Sánchez Corbelle (1912-1990) cambiou a paleta polo uniforme da Garda Civil. Casou con Manuela Chico coa que tivo 4 fillos.
Amador (1913-1979) non casou e rematou os seus días vivindo na rúa República Arxentina xunto á súa nai e a súa sobriña Lourdes, filla maior do seu medio irmán Joaquín.
María Sánchez Corbelle (?) casou co avogado Bonifacio Merino Delgado, que polas súas ideas republicanas viñera fuxindo de León a Galicia. Logo volverían a establecerse na cidade de León onde el montou un bufete e xestoría. O matrimonio tivo tres fillos: José Mª Merino Sánchez (que naceu na Coruña), Roberto e Margarita.
 
Joaquín González Corbelle (1920-1987) traballou en Ordes no seu negocio de construción, pero logo casou cunha moza de Frades, Concepción Costoya Garea (1921-1991), así que estableceuse na Ponte Carreira. Foi o de familia máis extensa pois tivo 8 fillos.
Iluminada González Corbelle (1923-1994) casou co fradense José Garea Souto (1925-2001) co que montou un dos bares máis emblemáticos de Ordes: O Sótano. Na súa etapa de esplendor estaba no Recreo, preto do cruce. Logo trasladouse á República Arxentina pero xa lonxe dos seus mellores tempos. O matrimonio tivo dous fillos, José e Lino, moi coñecidos, ao igual que os seus netos.
Eugenio González Corbelle (1924-1996) tamén estivo no negocio da construción. Casou con Elvira de Conde coa que viviu en Alfonso Senra e tiveron dous fillos, Eugenio (1957-2013) e Salomé.
Manuel González Corbelle (1925-1966) foi o que morreu máis novo. Casou con Luisa López Quintás (1929-2016) Luisa do Albardeiro -os seus pais eran Francisco López Cea o Albardeiro (1903-1980) e Rosina Quintáns Cendón (1904-1992)-. Con ela viviu na rúa Casabella onde criaron dous fillos, Francisco Manuel e Feliciano.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario