domingo, 1 de marzo de 2026

Os Estevos do Casal


  O apelido Rodríguez está entre os 3 ou 4 máis habituais no concello de Ordes con máis de 600 portadores. Quizais a familia máis coñecida son os de Carril, procedentes do Bidueiro (e antes de Oroso) e logo asentados sobre todo no Recreo.
  Non tan numerosos pero tamén moi coñecidos son os Estevos do Casal. O patriarca desta familia no século XIX foi Estevo Rodríguez, un canteiro procedente da parroquia de Rodís (Cerceda). Segundo o seu neto Manuel, Estevo era bastante trangalleiro e amigo das bromas. Nunha das súas viaxes de traballo chegou a Cestaños na parroquia de Parada para facer unha cheminea e foi do agrado de Manuela García Noya (alcumada a Parrola por ser gorda e baixiña), a muller máis rica do lugar. Manuela, que non tiña fillos do seu matrimonio con José Fernández o Longo, ofreceulle as mellores terras de Cestaños, preto da capela de San Xosé, se casaba cunha das súas sobriñas políticas, Pilar García Fernández. Obviamente Estevo aceptou e estableceuse nese lugar de Cestaños con saídas ocasionais para facer chemineas e fornos, oficio no que ao parecer era moi bo. O matrimonio tivo varios fillos: José que casou para a Portela (Leira), Manuel, Nieves que quedou na casa, e María que casou para Cabaleiros (Tordoia).
  O segundo, Manuel Rodríguez García, tamén canteiro, sería o que se estableceu no Casal despois da voda con Josefa García Boquete (1888-1964). A súa casa (hoxe Casal 19) estaba a carón da dos García (Casal 18).
 
Os García (ou Gharcías) eran unha das familias máis importantes do Casal. O patriarca era Benito García que casou con Carmen Boquete, filla do burraxeiro de Castenda (Parada). Este matrimonio tivo 4 fillos: Manuel, que morrería na guerra de Cuba, Jacobo, José (que sería o herdeiro e casaría con Manuela Varela coa que tería 9 fillos), e por último Josefa (a que casou con Manuel Rodríguez).
 
  O matrimonio de Manuel e Carmen tería 4 fillos, todos varóns: Juan, Estevo, Manuel e Pedro.
Juan, o primoxénito, emigrou a Ameríca e non sabemos máis del.
Estevo José Rodríguez García Estevo da Reverencia (1923-2009) casou con Leonor del Río Grela (1924-2014) coa que tivo 6 fillos: Avelino, Encarna, Manuel, José Luis, Mª Carmen e Ángeles. Estevo foi un gran deportista e na súa vellez participou en numerosas carreiras, paixón que transmitiu á familia. A que o tomou máis en serio foi a súa filla máis nova, Ángeles, triunfadora en numerosas competicións atléticas de veteranos.
Manuel Rodíguez García (1924-1999) de mozo foi aprendiz de carpinteiro con Adolfo Pérez Graña. Casou logo con Francisca Ruibal Rivas (1924-1999) -os Ruibal e os Rivas eran dúas das familias máis importantes de Buscás-. Establecéronse en Santiago na Algalia onde tiveron unha ferraxería. Dos seus tres fillos, o maior, Euloxio Rodríguez Ruibal, é o escritor máis importante que deu Ordes. Na súa vellez, Manuel tamén escribiu un libro, "Historia viva", que trae moitísima información sobre personaxes que el coñeceu na súa infancia e costumes daquela época (así que hai varios artigos neste blog -este, por exemplo- que o empregan de fonte).
Pedro Rodríguez García Estevo do Casal (1927-2015) foi o que herdou a casa familiar. Casou con Estrella Pampín Recouso (1929-2009) dunha ampla familia da parroquia de Parada. Con ela tivo tres fillos, dos que o maior, José Luis Rodríguez Pampín, xa faleceu (2014).
FONTE principal: "Historia viva".
Agradecementos a Ángeles Rodríguez e Lucía Doval.