miércoles, 2 de septiembre de 2026

Paseando por Lesta

  Hoxe serei eu, en vez de Cristóbal Ramírez, quen propoña un roteiro curto e fácil polo centro da parroquia de Lesta.
 

  Podemos aparcar no lugar da Igrexa ao lado da igrexa de Santo André e contemplala por fóra. É pequena pero sobria e moi bonita. Tamén podemos admirar na casa contigua un hórreo sumamente peculiar con celeiro de pedra pero corpo de formigón de cor moi clara e tellado de lousa. En fronte está o tamén pequeno e coqueto local social e un estilizado cruceiro de pedra de gran valor artístico.
  Despois de ver os monumentos chega o momento de poñerse a andar. Unha recomendación: é aconsellable levar unha vara ou bastón porque hai uns cuantos cans soltos e aínda que ningún resultou agresivo sempre se intimidan máis facilmente levando algo na man.
 
  Comezamos a andar cara ao leste pola estrada. Non teremos problemas porque a circulación é escasa. A menos de 200 metros hai unha pista á esquerda que nos leva, se a tomamos, a un pequeno lugar chamado Campoleiro. Estamos a bastante altura (uns 320 metros) e á esquerda da pista vemos o castro aínda máis alto. Se miramos atrás, ao oeste, vemos unha fermosa paisaxe onde se alternan a cor verde clara dos prados e leiras de millo coa escura dos arboredos. Como a vía do tren cruza este terreo, con sorte poderemos ver algún deles pasando.
 

  Se no canto de ir a Campoleiro seguimos pola dereita chegaremos a Agromaior. Ao bordo da estrada, se nos fixamos, veremos un freixo e un tilo, árbores nada habituais na nosa comarca. Desde Agromaior hai outra pista que vai a Campoleiro. Nela o único algo rechamante é unha pequena plantación de bambú e un xigantesco carballo americano. Ah, e un can pesado e persistente nos seus ladridos.
  Continuando cara a Xermiñás vemos á esquerda a granxa da gandería Agramaior -con "a"- e pouco despois a primeira casa. Tamén vemos un lavadoiro e unha enorme granxa, ao parecer pechada porque está baleira de animais, da gandería del Río Deus.
  Uns 350 metros despois da granxa estamos no Couto. Aquí hai unha casa antiga restaurada cuns xardíns e un muro de peche espectacular. Collemos logo unha pista asfaltada pero bastante deteriorada que descende á dereita cara ao oeste e chegamos a Agrela. Aquí volve haber granxas como a de Varela Fariña. A pista segue descendendo e pasa ao lado de Camiño, lugar onde hai un enorme can bastante máis tranquilo que o anterior.
 

  Despois dunha casa antiga en ruínas hai un regato, así que a vexetación espésase e pasamos por unha zona máis sombría. De súpeto a estrada divídese. Se seguimos recto e andamos uns 450 metros chegamos á Igrexa, o noso punto de partida. Sería un roteiro moi curto de 2,5 quilómetros.
  Pero imos coller a pista da esquerda que nos leva ata o Pazo. Poderiamos pensar que o nome é debido á unha casa vella de pedra, pero parece que non. Había unha edificación máis antiga, residencia dalgún sacerdote, que hoxe foi substituída por dúas casas.
 
 
  Saímos do lugar, continuamos baixando ata a cota 275 e agora hai un xiro á dereita e unha forte subida. No medio de extensas leiras de millo estamos a chegar a Del, un lugar que só ten dúas casas. A de cor branca é a chamada Casa Xuncal e en fronte aínda resiste abandonada a vella casa de pedra da familia Juncal.
  Ao cabo da forte subida (andando 500 metros de distancia subimos 50 metros de altura) atopamos un pequeno lugar chamado as Pereiriñas e xa ao lado sen haber separación ningunha están as casas da Altiboia. Unha das últimas ten no patio un hórreo de 1935 bastante deteriorado pero cunha preciosa cruz de adorno.
 
 
  A pista volve bifurcar e á esquerda vese unha das casas dos Abeneiros pero seguimos á dereita cara a Cruz. Agora volvemos subir e vemos unha casa e un prado onde descansan apracibles unhas vacas ao aire libre. Pouco despois destaca un hórreo de granito con cuberta de tella plana. Ao lado o xa pechado Bar La Cruz e enfronte o camiño que vai ao castro e outro hórreo, este máis moderno (de 1959) pero tamén cunha bonita cruz de adorno. Andando outros 250 metros máis chegamos á Igrexa.
  Este roteiro tampouco é moi longo, uns 3,9 quilómetros, e aínda que hai un par de costas é moi accesible para case todo o mundo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario