sábado, 13 de junio de 2026

O ano 1966


En 1966 o mundo dividía a súa atención entre a carreira espacial e a guerra de Vietnam. Na primeira a URSS levaba a dianteira xa que en febreiro logrou facer chegar á lúa a sonda Lunik 9, catro meses antes de que os USA tamén o lograsen co Surveyor 1. A intensificación da guerra de Vietnam provocou nos Estados Unidos unha enorme protesta xuvenil en marzo e foi a principal razón de que medrase o incipiente fenómeno hippy. En Asia unha muller, Indira Gandhi, converteuse en primeiro ministro da India. Continuaba a descolonización coa independencia da Güiana británica e de Lesoto. En América do Sur comezou a ditadura militar arxentina cando o xeneral Juan Carlos Onganía derrocou ao presidente Illía.
 
En plena Beatlemania os Beach Boys contraatacaron co LP "Pet Sounds" pero aínda así a canción máis escoitada dese ano foi "Strangers In The Night" do incombustible Frank Sinatra e houbo outras míticas como "When a Man Loves a Woman" e "You Can´t Hurry Love". En 1996 viron a luz boas películas e inesquecibles series de TV como Star Trek ou Batman.


España, que comezou o ano co mediático accidente de Palomares, vivía en política a loita soterrada entre os "tecnócratas" que prepararon a Ley Orgánica del Estado, aprobada en decembro cun referendo onde gañou abrumadoramente o SI, e os aperturistas que aprobaron en marzo a Ley de Prensa pero que viron como as eleccións sindicais, que supostamente os ían reforzar, só serviron para que emerxeran as "Comisiones Obreras". Nesta situación houbo un cambio de goberno e xurdiu o conflito con Xibraltar. A economía ía moi ben (foi o ano no que Madrid chegou ao medio millón de coches) pero iso non mingou a conflitividade social e volveu a haber novos incidentes estudiantís en Barcelona (abril) e Madrid (maio). No campo da literatura publicáronse Últimas tardes con Teresa e Cinco horas con Mario. No cine tivemos El bueno, el feo y el malo, unha obra capital, La caza de Carlos Saura, e un enorme éxito de taquilla, La ciudad no es para mí, impagable documento sociolóxico que disparou a carreira cinematográfica da estrela teatral Paco Martínez Soria.
 A televisión xa era, agora si, a raíña dos fogares e o 9 de abril naceu a revista TP (valía un peso -5 pesetas-) co doutor Kimble "O Fuxitivo" na 1ª portada. Tamén naceron programas como Los Chiripitifláuticos, Cesta y Puntos e Historias para no dormir. No ámbito musical 1966 foi o ano do triunfo de Los Pekenikes con "Hilo de seda", acompañando a Los Brincos con "Mejor" e "Un sorbito de champán", e a Los Bravos co seu "Black is Black". Pero a canción que o petou foi o "Yo soy aquel" con que Rapahel acudiu sen éxito a Eurovisión. En deporte o Real Madrid ye-ye gañou a 6ª copa de Europa e a vitoria de Manolo Santana en Wimbledon ensinoulle a España que non todo era fútbol.  
 
Galicia comezou o ano co xaneiro máis caloroso en décadas. Seguía habendo unha forte emigración e a economía melloraba máis lentamente que a española. A conflitividade social no país tamén tiña eco en Galicia coa constitución das "Asociacións democráticas de Estudiantes" na USC en outubro e a mobilización de decembro no Ferrol contra 1.200 despidos previstos en "Obras Civiles" de Bazán.
 
En Ordes José Garrido Fandiño converteu a súa librería nunha das tendas de mobles máis famosas da comarca: JOGAFAN.
XANEIRO: O subalmacén de Ordes aberto todos os martes do mes. O día 6 morreu aos 94 anos María Sarceda, nai do mestre da escola Nº 2 José García Sarceda. O día 27 morreu Andrés Martínez Castro, pratiarca dos Martís do Casal, aos 93 anos.
FEBREIRO: Sesión ordinaria da Deputación provincial no consistorio de Ordes. Foi operado en Santiago o médico Antonio Concheiro Iglesias. Inauguración dos locais do Círculo Cultural y Recreativo.
MARZO: O día 15 morreu Rosa Caamaño Dubra aos 54 anos en Lesta.
ABRIL: O día 3 morreu Avelina Uzal Vieites aos 42 anos en Poulo, o día faleceu Elvira Ferreiro del Río (víuva de Marcelino Conde) aos 74 anos, e o 26 morreu en accidente de tráfico o empresario de transporte Rogelio Prado Carnota aos 64 anos.
MAIO: O día 30 morreu José Franqueira Recouso.
XUÑO: Xubilación voluntaria de Manuel Concheiro García do Banco Pastor para ocuparse a tempo completo das súas empresas. Rafael Serrano Valls (marido de Blanca da Farmacia) nomeado xefe do 40º Terzo da Garda Civil. Adxudicadas obras no camiño de Ordes a Ponte Carreira á empresa F. Gómez y Cia SL por valor de 2.084.000 pesetas. Morreron Leonor Ciz Sanjurjo aos 62 anos en Vilamaior e Jesusa VilariñoVázquez, sogra de Víctor do Capitán, en Merelle.
XULLO: Rosario Linares-Rivas cedeu o Pazo de Galegos ás monxas doroteas. O día 16 grave accidente dun autobús na costa de Vilanova preto de Sigüeiro con 2 nenos mortos (José Ponte Antelo e Josefa Caamaño Blanco) e máis dunha ducia de feridos de consideración. Morreu atropelada en Montaos María Blanco Iglesias (40 anos). La Voz de Galicia anunciou ata fin de ano que se vendía nos establecementos de González e do Chocolateiro e que o seu correspondente era Ramón Louzao.
AGOSTO: Morreron María Fuentes González, Juana Guillín Garabato aos 79 anos, Jesús Mirás Naveira, marido de Josefa Nouche Porro, aos 60 anos en Poulo, e Jacobo Nouche Pena en Beán.
SETEMBRO: O día 18 voda de Mª Teresa Aller Mosquera con José Antonio Pose Marcos.
OUTUBRO: Partido de adestramento do Deportivo. Morreron Jesusa Viqueira Martínez (viúva de José Martínez Cancelada) aos 83 anos e Dolores Rodríguez Bascoy en Beán.
NOVEMBRO: Jesús Louro Raposo novo propietario do anterior "Bar do Vasco". O día 24 morreron Manuel González Corbelle Manolo de Parente aos 41 anos e o sacerdote don Eulogio Ramos Gangoso, tío de Tasina Pisonero, aos 83 anos.
DECEMBRO: O Concello tributou unha homenaxe de despedida a José García Carnota, presidente da asociación "Hijos del Partido Judicial de Órdenes" de Buenos Aires. Tempos de peste porcina africana, pero Ordes declarado "zona libre" así que foron permitidas as feiras da vila e da Adina no Mesón. 2 conferencias no salón do Cículo Cultural y Recreativo, unha do seu presidente, o alcalde Juan Liñares e outra do profesor Hipólito de Sa Bravo sobre diversos mosteiros galegos. O día 2 morreu Pedro Soneira Barreiro aos 69 anos en Lesta. Tamén morreu o veciño do Ferrol, pero natural de Ordes, Manuel Rey Paz aos 52 anos, abatido por un centinela na zona militar por non dar o "santo y seña".

No hay comentarios:

Publicar un comentario