domingo, 5 de mayo de 2024

Festas patronais de 1955

   As festas patronais de 1955 foron moi parecidas ás de anos anteriores. Duraron 4 días e volveron a contar coa actuación da Banda de Música de Arca (xa tocaran en 1951 e en 1954) e a novidade da Orquesta X da Coruña co seu vocalista Pepín de la Torre. O xornal La Noche non lles dedicou o seu habitual especial, pero si La Voz de Galicia (co programa, moitos anuncios e un eloxio da vila por un tal Milotes) e El Ideal Gallego, no que apareceu unha entrevista co alcalde Juan Liñares. Nela falaba das últimas actuacións na vila: mellora do alumeado, da rede de sumidoiros e inminente finalización da praza de abastos nos baixos da Casa Consistorial. Por certo, en ambos os dous xornais, o anuncio de maior tamaño foi o da fábrica de leite das Casillas.
 

  O domingo 14 ás 12 da mañá as festas deron inicio oficialmente con repenique de campás e salvas de bombas, mentres gaiteiros, xigantes e cabezudos percorrían as rúas. Ás 6 da tarde fixo a súa entrada na vila a Banda de Arca con alegres pasarrúas. Ás 10 da noite na Alameda comezou a verbena. Ao remate bombas e elevación de globos.
  O luns 15, día grande, ás 8 da mañá unha salva de bombas espertou aos ordenses. A banda de Arca percorreu as rúas tocando alegres dianas e alboradas. Logo os gaiteiros acompañaron aos xigantes e cabezudos polas rúas. Ás 12 tivo lugar a misa solemne. Á unha da tarde tivo lugar  na Alameda o concerto da banda alternando coa Orquesta X.
  Ás seis da tarde celebrouse un partido de fútbol entre o Lasalle Juvenil e o Órdenes Juvenil, disputando un trofeo doada pola Casa Aníbal. A anécdota foi que o balón co que se xogou foi doado polo mozo arxentino (fillo de emigrantes) Ángel Gende Rodís, que un par de anos atrás xogara no equipo.
  Ás 7 e media tivo lugar a magna procesión da Virxe coas autoridades e ás 8 e media festa vespertina coa banda e a orquestra. Despois de parar para cear, ás 11 da noite houbo verbena. A iluminación da Alameda ese ano foi obra dos industriais García y Blanco de Padrón. Ás 12 da noite houbo a habitual sesión de pirotecnia con queima de fachada incluída a cargo dos irmáns Rocha de Oza dos Ríos.
 
  O martes 16, día de San Roque, ás 9 saíu a banda. Tamén ás 12 volveu a ser a misa esta vez na honra de San Roque. Á unha da tarde música na Alameda.
  Pero o prato forte non só deste día senón de todas as festas foi o partido de fútbol celebrado ás 6 da tarde: nada menos que o Ordes contra todo un Deportivo (naquel tempo un equipo de 1ª División).
 
  O partido non decepcionou cunha boa primeira parte e unha segunda máis frouxa. O Deportivo demostrou a súa xerarquía (axudado en que os de Ordes tiñan coidado de non pasarse de duros). O adestrador Neira fixo xogar a Mangana, Ponte, Modesto, Janito, Mena, David, Tonete, Pepiño, Casteleiro, Chas e Losa. O máis destacado foi o central Modesto. No Deportivo Lexo marcou dous goles, un no minuto 35 e outro xa preto do descanso. Bouzas na 2ª parte metería outro máis, aínda que axudado por un defensor. O Ordes logrou logo o "gol da honra", rematando o partido cun marcador de 3-1. Non faltou unha merenda posterior para un equipo visitante que tiña moi boa relación co Ordes e que adestraría un par de semanas no precioso campo de Vista Alegre.

 Ás 8  e ás 11 repetiuse o baile. Ás 12 da noite houbo de novo sesión de fogos artificiais.
  O mércores 17 saíu a banda ás 9 da maña e houbo sesión vermú á unha. Ás 6 da tarde foi o momento das carreiras de sacos e cintas. Ás 7 e ás 11 novamente baile. E, como non, o remate sería con fogos artificiais, bombas e elevación de globos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario