miércoles, 8 de mayo de 2024

Os incendios do ano 2006

 
   2006 quedará no recordo dos galegos como o Ano dos incendios. Desde o 3 ata o 15 de agosto declaráronse non menos de 1970 incendios forestais (37 deles moi grandes) que arrasaron a comunidade, especialmente as zonas atlánticas.
  A cifra de hectáreas queimadas varía segundo a fonte consultada: das 77.000 que publicou a Xunta de Galicia (entón en mans do bipartito PSOE-BNG), pasando polas 86.000 do Ministerio de Medio Ambiente, ata as 175.000 que contabilizou o PP que estaba neses momentos na oposición. A provincia de Pontevedra foi a peor parada con 43.000 hectáres queimadas (arredor do 50% do total galego) e as súas principais cidades, Vigo, Pontevedra ou Vilagarcía viron as lapas moi preto.
  Catro persoas faleceron por intoxicación co fume e unha resultou ferida moi grave. Os danos económicos foron enormes. Un estudo posterior fixounos entre 248 (0,62% do PIB) e 336 millóns de euros (0,84% do PIB).
  Os lumes causaron ademais gran alarma social porque, a diferencia doutros anos, moitos deles producíronse preto de casas e zonas habitadas no eixo atlántico en vez de zonas menos poboadas como Lugo e Ourense.
  Contribuíu á confusión unha campaña do goberno galego que xiraba arredor da idea de que nunca se vira tal cousa e que especulaba con motivos de escuros intereses económicos e mesmo políticos na profusión de incendios, ou sexa que inculpaba de xeito sutil aos simpatizantes do partido opositor.
 
 
  Non obstante, un ano despois, a Fiscalía de Galicia presentou un informe onde desacreditaba todas estas especulacións sen fundamento.  
    A vaga de incendios non foi inusual en Galicia. Houbo unha onda cada ano desde o 2000, sendo o número de incendios similar e mesmo superior ao do ano 2006. Só se diferenciou polas condicións climatolóxicas extremas, que non se deron no resto dos anos. É o que se chama a "regra dos 3 trintas": cando hai temperaturas superiores a 30ºC, ventos superiores a 30 km/h e menos do 30 % de humidade relativa do aire xéranse as condicións ideais para incendios enormes. Realmente non é así exactamente xa que en Galicia a humidade sempre é máis alta, pero si se deron os dous restantes xunto con outros como a abundancia de vexetación descoidada ou a difícil orografía.
  Non se atoparon probas de tramas ou de terrorismo incendiario, nin que se pretendese causar alarma social. As motivacións políticas, urbanísticas ou relacionadas coa venda de madeira eran casos insignificantes en relación co número total de sinistros.
  A principal causa dos incendios seguía sendo o uso tradicional do lume no medio rural. O elevado número de queimas autorizadas pola Xunta (unha media de 300.000 anuais) e a falta de control adecuado orixinaron un número importante de incendios. O “incendiario-tipo” actuaba só, estaba vinculado a actividades agrícola-gandeiras, vivía nunha localidade próxima ao lugar do incendio e ás veces podía reincidir, distinguíndose tres perfís: o imprudente, o incendiario e o pirómano. En particular, o imprudente era responsable dun importante número de incendios, caracterizándose por usar o lume como ferramenta agraria de forma indisciplinada, incontrolada ou sen adoptar suficientes medidas de prevención, ao que se engadía, en moitos casos mala capacidade física por razóns de idade. Cando os incendios foron investigados en profundidade, a proporción de intencionados descendeu do 85% ao 60%.
 
  En Ordes, segundo estimacións do Concello, queimáronse 220 hectáreas de monte entre o 20 de xullo e o 15 de agosto de 2006, bastante menos que a media galega. Gran parte era superficie arborada, o que incrementou as perdas, sobre todo porque moitas eran árbores que tiñan máis de 10 anos e xa estaban en condicións de ser taladas para a súa transformación en madeira. Pero tamén houbo unha importante perda de forraxe para as explotacións gandeiras.
  O Concello manifestou ademais o seu agradecemento aos equipos de Protección Civil, bombeiros, membros do Grupo municipal de intervención Rápida e aos agricultores que colaboraron aportando cisternas e maquinaría agrícola para acabar coas lapas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario