martes, 1 de agosto de 2023

A morte de don Nicolás

  Ordes contou ao longo da súa historia con grandes mestres como doña Juanita, doña Moncha, doña Conchita, don Mariano del Amo, don Alfonso Lesta... e outros máis polémicos como don Manuel Gamallo.
  Pero se houbo un universalmente querido, recoñecido e recordado ese foi don Nicolás.
  Nicolás del Río naceu en Santiago en 1874. Dos seus 74 anos de vida pasou 18 en Cedeira e nada menos que 32 en Ordes!
  Nesas décadas o ensino aínda non era mixto e por tanto don Nicolás só daba clase aos varóns. A primaria chegaba ata os 10 anos e despois o alumnado podía ingresar no bacharelato se aprobaba un exame de acceso. Pero, ao non haber instituto en Ordes, había que trasladarse a Santiago (imposible para a gran maioría de familias) ou estudar por libre e presentarse logo aos exames en Santiago.
  Don Nicolás daba as clases de primaria polas que cobraba o seu modesto soldo do estado e despois impartía pasantías de bacharelato. As necesidades familiares (tivo 8 fillos) e as dos seus alumnos fixeron que traballara case todas as horas do día.
  Parece incrible que aínda tivera tempo de ler, escribir artigos para El Compostelano e El Ideal Gallego ou participar en política. E todo iso sen descoidar o seu labor educativo. Dicía Manuel Calvo Carnota: "Don Nicolás merecía máis recoñecemento, porque era un excelente mestre... foi un verdadeiro mártir do ensino. A pesar de ter moitos alumnos, prestáballe atención a todos e a todos trataba por igual".
  No ano 1944, aos 70 anos, chegou a súa xubilación pero continuou dando clases particulares outros 4 anos. No verán de 1948 sufriu unha grave enfermidade cardíaca. Con gran tristeza súa e dos ordenses mudouse a Sada á casa dun fillo. Aguantou escasos dían sen traballar. Morreu o 12 de setembro e foi soterrado no cemiterio desa localidade.
  A consternación foi grande pois moitos ordenses non se enteraron ou non puideron asistir. Pero o pobo organizaría tamén unha ceremonia na súa honra como vemos neste artigo de La Voz de Galicia do 5 de decembro de 1948.
 
  En Sada ha muerto D. Nicolás del Río Castelo. Su nombre evoca en todos los hogares profunda emoción y eterna gratitud. En muchos de ellos coinciden padres e hijos por haberse abierto sus ojos a la luz de la razón bajo la enseñanza paternal de este ejemplar maestro, que durante más de treinta años ejerció en Órdenes su digno magisterio.
  Hombre culto, voluntarioso, cristiano por excelencia, que unió a su vocación una exquisita sensibilidad pedagógica, consagró toda su vida a la silenciosa e ingrata tarea de meter en las inteligencias, precisamente cuando estas se abren, las primeras verdades, sin olvidar las de la fe.
  El pueblo de Órdenes, conmovido por su muerte, y reconocido al mejor de los maestros, cuya memoria perdurará entre sus habitantes, le tributará mañana, lunes día 6 (festividad de San Nicolás de Bari), un sincero y justo homenaje póstumo, después de asistir en masa al solemne acto fúnebre que por su eterno descanso se celebrará, con intervención de la Schola Cantorum de San Francisco de Santiago, en el templo parroquial de la villa de Órdenes.
 
  Non pareceu bastante e os seus alumnos, encabezados por Manuel Astray, quixeron perpetuar a súa memoria cun busto ou unha placa. Pero eran tempos duros e a iniciativa non saíu adiante. Nos anos 60 os habitantes de Cedeira puxéronlle o seu nome ao colexio. En Ordes houbo que esperar ata finais dos anos 70. Concretamente ata 1979.
  A Comisión Informativa de Obras e Urbanismo do concello propuxo o seu nome para a rúa onde xa estaba o colexio e o (naquel momento en construción) Instituto de Secundaria. En sesión plenaria celebrada o 26 de novembro oficializouse a decisión e desde momento D. Nicolás forma parte (moi merecidamente) do rueiro ordense.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario