martes, 17 de noviembre de 2020

Día sanguento en Tordoia

   As terras de Gorgullos (Tordoia) volveron ver correr o sangue, sendo de novo escenario dun homicidio. O día foi o 20 de xaneiro de 1935. Jesús Pallas Becerra, un campesiño do lugar, duns 45 anos de idade, volvía á súa casa acompañado da súa esposa e fillo. No camiño atopouse fortuitamente co seu veciño José Castro Ríos. Ambos mantiñan unha longa inimizade polas cuestións habituais e, ao verse, encerelláronse nunha violenta discusión. Chegaron ás mans e Pallas levou a peor parte pois José Castro asestoulle unha tremenda puñalada na rexión abdominal que deixou a Jesús tendido no chan ante o espanto da súa muller e fillo. Foi levado ao hospital, pero esa ferida con saída de todo o paquete intestinal era mortal de necesidade. Catro días despois faleceu. 

  Detido Castro, o Xulgado de instrución de Ordes incoou o consecuente proceso e o xuízo, ao que asistiu moito público da zona, tivo lugar en novembro dese mesmo ano. O fiscal foi Ramón Rivero de Aguilar, mentres que o avogado defensor foi o omnipresente Manuel Casás. Este rexeitou a pena de 14 anos de prisión e 15.000 pesetas de indemnización que pedía o fiscal e solicitou a libre absolución. 

  Unha vez máis o xurado popular emitiu veredicto de inculpabilidade, o que significou a liberdade para José Castro e moitas felicitacións para Manuel Casás. O xornal La Voz de Galicia subtitulou a noticia "Otro homicida absuelto" porque, evidentemente, non eran ningunha novidade esas sentenzas tan benévolas.

  Ese mesmo día na Sala Segunda foi o xuizo contra José Blanco Remuñán de Ardemil que matara a un dos mozos que foran a darlle unha cencerrada o ano anterior e que, por suposto, tamén saiu absolto.

  Na Sala Primeira houbo outra causa proveniente das terras de Ordes, pero esta menos tráxica. Juan Touriño Morlán o 13 de xullo discutiu con Jesús Suárez sobre a posesión dun acordeón que se sorteaba. Acabou sacando unha pistola e pegándolle un tiro aínda que a ferida non foi demasiado grave. O fiscal Pedro González Villamil solicitou para el 6 meses de arresto por tenencia ilicíta de arma de fogo e 20 días polas lesións causadas, pena á que finalmente o condenou a Sala.

No hay comentarios:

Publicar un comentario