Ordes
é un topónimo controvertido. Hai varias teorías sobre a súa orixe.
Segundo a tradición popular o nome faría
referencia ás "órdenes" ou comunicacións postais chegadas á vila ao ser
construída a actual estrada A Coruña-Santiago, tradición defendida polo
cronista local Manuel Astray Rivas. Contra
esa idea temos a documentación antiga, que testemuña a presencia do topónimo Órdenes xa no ano 1607 nunha memoria do
Cardenal Jerónimo del Hoyo que se refire aos "quarenta y quatro
feligreses" que por entón poboaban a freguesía de "Santa Maria de Ordenes".
O lingüista Abelardo Moralejo Lasso, na súa obra "Toponimia gallega y
leonesa" que escribiu en 1977, propón (con reservas) a hipótese de que
procede de hordeis
que ven sendo o dativo-ablativo da palabra latina hordeum -cebada- apoiandose nunha
abondosa toponimia causada polo cultivo de este cereal. Sería algo así como campos de cebada.
O investigador Manuel Vidán Torreira suxire a posible presencia dunha orde militar ou relixiosa no lugar. Neste caso podería
provir de ordo-ordinis
-fila, formación- e ata sería posible que o topónimo orixinal xa fose Órdenes
sen ser unha castelanización moderna. Sería un caso parecido ao de Laracha onde
existiu unha villa Ordini documentada
no ano 990 ou o lugar de Ordes en Rairiz de Veiga (Ourense) documentada desde 1061
como sancta María de Ordines. Un punto a favor desta teoría é a existencia do topónimo A Bailía bastante preto da vila.
O
investigador da UCS Edelmiro Bascuas López sostén que Órdenes é unha de tantas castelanizacións caprichosas que se deron
ao longo da historia e que o prefixo ord ou urd
é un hidronímico, é dicir, fai
referencia á auga, neste caso, a un río. Comparte prefixo con Ordizia (Euzkadi) localidade bañada polo río
Oria, e varios lugares pirenaicos como Ordesa (bañada polo río Ara) e o lago Urdiceto. Tamén os ríos Ordunte, Urdanta,
Orduña e Ordino están
próximos. Especialmente interesante sería este último, Ordino, de orixe
prerromana, e que significaría ribeireños dun río. Segundo Bascuas, pese a non haber ríos ord- ou
urd- en Galicia todos os topónimos Ordes pódense relacionar con estas formas
vascas, incluido en Guitiriz un monte coñecido como Ordinum cara a 1215, que o investigador
directamente relaciona co anteriormente citado río de Ordino. Contra esta teoría diremos que en Galicia hai ríos
e regatos por todas partes, co que debería haber un lote de topónimos que
empezaran así e non é o caso.
Como vedes
hai teorías para todos os gustos. Probablemente dentro duns anos teremos
algunha nova. Podedes elixir a que máis vos guste ou inventar outra, pero
seguramente a verdadeira orixe do nome Ordes seguirá sendo un enigma.
Lendo as teorías de Manuel Vidán, achegueime ao teu blogue. A hipotese de Vidan pareceme moi interesante.
ResponderEliminarSi. Eu persoalmente estimo que é a máis probable, pero parece que ultimamente está máis de moda a hipótese hidronímica. Un saúdo.
Eliminar