Na madrugada do 6 ao 7 de novembro de 1924,
un ordense atravesou os Pireneos con paquetes de pasquíns e un rifle vello.
Formaba parte dun grupo de anarquistas exiliados en Francia. Soñaban con botar
abaixo a ditadura de Primo de Rivera. Estaban convencidos de que a súa presenza
provocaría un estoupido revolucionario que se espallaría axiña por vilas e
cidades. Mais o único que atoparon ao chegar a Bera foi unha parella da Garda
Civil. Aquilo acabou peor que mal. No combate morreron os dous axentes e varios
expedicionarios resultaron gravemente feridos. Poucas horas despois, a maior
parte dos membros daquela partida foron detidos nos bosques da localidade
Navarra. Aquel episodio é coñecido nos manuais de historia como «Os sucesos de
Vera de Bidasoa (ou Bera)».
Que
naquela aventura había un veciño da comarca sóubeno hai pouco lendo unha
novela. O escritor catalán Pablo García Martín converteu aqueles feitos no
argumento central do seu libro El anarquista que se llamaba
como yo. Contra o final do mesmo, xa no epílogo, o autor cita o nome de
procedencia de todos os expedicionarios presos. Entre os mesmos aparece Manuel
del Río Menéndez, «natural de Órdenes (La Coruña )». No xuízo, segundo escribía a prensa da
época, declarou que se sumara á rebelión en París «instigado» por Miguel de
Unamuno, Ortega Gasset, Rodrigo Soriano e Blasco Ibáñez.
A
diferenza doutros compañeiros aos que lle foi aplicado o garrote vil, a el o
tribunal militar condenouno a doce anos de presidio. Cumpriría pouco máis da
metade. En 1931 saíu libre grazas a unha amnistía decretada polo novo goberno
republicano. Aínda que busquei e preguntei, non souben nada máis del. O seu
nome desaparece no océano infinito das intrahistorias. E lembro agora que estas
últimas, segundo deixou escrito o propio Unamuno, non son outra cousa que o
combustible que permite contar a outra Historia, a que si aparece moi
documentada nos libros.
Ramón Vilar Landeira
No hay comentarios:
Publicar un comentario