No ano 2015 o PIB da comarca de Ordes chegou aos 829 millóns de euros. Cerceda era o concello que máis aportaba cun 37 %  do total grazas, claro, á Central Térmica de Meirama e a Sogama.
  Os tres concellos centrais xuntos (Cerceda, Ordes e Oroso) aportaban o 75 % do PIB comarcal.
  No PIB per cápita Cerceda alcanzaba uns estratosféricos 59.000 € (a media de Galicia eran 19.750). A sorpresa -relativa- estaba en que o outro concello que superaba a media era Mesía con case 21.000 € grazas, sobre todo, ás súas empresas de carpintaría.
  No ano 2016  o PIB quedou en 817 millóns, é dicir baixou uns 12 millóns en termos absolutos. Non obstante esa baixada foi responsabilidade única do concello de Cerceda que descendeu  62 millóns e pasou de representar o 37 % do total comarcal ao 30 %. O resto dos concellos tiveron pequenas subas tanto en termos absolutos coma relativos.
  A nivel galego 2016 significou a chegada ao Top 3 do concello de Arteixo (4.104 millóns de €, grazas a Inditex) só por detrás de Vigo (7.200 millóns) e A Coruña (6.552). Santiago, a capital galega, era o 4º concello da lista con 3.395 millóns de euros.
PARO NA COMARCA
  Se estades interesados en temas económicos como paro, IPC, PIB... podedes ir á paxina de Expansión / Datosmacro.com, onde ofrece unha gran cantidade de gráficos.
  Neste caso veremos os datos do paro no concello de Ordes na última década e podemos observar que aínda nos mellores momento da economía española (ano 2007) chegaba case ao 11,3 %.
  Coa crise aumentou ata o 21,8 % no ano 2012 e logo foi baixando lentamente (e tamén a poboación). Aquí abaixo tedes o gráfico.  Respecto ás cifras de toda a comarca, en 2015 o número de desempregados chegaba aos 2.500, isto supoñía unha taxa de paro do 15,4 %.
  Ordes era o concello con peores cifras. A súa taxa de paro era a máis alta (preto do 19 %, case 4 puntos por enriba de Frades, o 2º peor) e os seus máis de mil desempregados supoñían algo máis do 40 % do total comarcal.
  O resto dos concellos, con menor peso demográfico, tiñan cifras que oscilaban entre o 13 e 14 %, por debaixo da media que subía só polo peso de Ordes.
 
 

No hay comentarios:
Publicar un comentario