domingo, 15 de junio de 2025

Escudos do Pazo de Galegos

   O pazo de Galegos ten tres escudos moi interesantes, dous no portón de entrada e outro no primeiro piso da fachada do corpo principal do pazo.
 
 
 Os dous que están no portón son moi parecidos, ovalados, con lambrequíns (follas ou cintas) ornamentais no bordo, e un helmo mirando cara á dereita do escudo.
 
  O primeiro (á esquerda do portón) está moi desgastado. Carlos Martínez Barbeito no seu libro "Torres, pazos y linajes de la provincia de la Coruña" di que representa ás familias Salgado, Ribera e Gayoso.
  Cos dous cuarteles inferiores, ben nítidos, non hai problema. No da esquerda podemos ver as tres faixas de sinople (verde) alternadas con outras de ouro dos Ribera. No cuartel da dereita en tres das faixas vemos uns peixes, as troitas que representan á familia Gayoso. As faixas do escudo dos Gayoso alternaban o azur (azul) co ouro ou coa prata (cor branca).
 Probablemente Martínez Barbeito enganouse debido ao desgaste dos dous cuarteis superiores. O primeiro non ten que ver cos Salgado, senón cos Pimentel que estaban representados (é moi difícil distinguir nada) por cinco cunchas de vieira. Existe a posibilidade de que as faixas do 3º cuartel tamén podían aludir a esta familia (ouro e goles) e non aos Ribera. No segundo cuartel parece estar representada a familia Fuente (ou Fonte), pois vemos (de forma difusa) a fonte con dous canos, típica desta linaxe.

  O segundo escudo do portón está moito mellor conservado. Podemos ver perfectamente catro cuarteis. Nos dous superiores están o M coroado dos Montenegro e as 5 cabezas de lobo cortadas da familia Mosquera, que proban a súa estreita relación cos Moscoso (noutros casos os escudos desta familia tiñan 5 moscas de ouro en campo de azur). 
  Nos dous inferiores están a banda cos dous dragóns dos Andrade (que quizais neste caso aludise á familia Sanjurjo) e o xaquelado característico dos Bermúdez, tan habitual en multitude de escudos da comarca (Bidueiro, Carrucheiros, Peñasco...).
 

  Ambos os dous escudos teñen relación co fundador do pazo, don Gómez Mosquera Pimentel de Ribadeneyra, señor tamén da casa de Lodoira, soar dos Mosquera e Espantoso. Era fillo de don Antonio Ares Mosquera Pimentel Ribadeneyra e dona María de Ribera Salgado, filla de don Álvaro de Ribera, señor da casa de Podente, e de dona Inés Salgado de Cundín, da casa de Borraxeiros. Entre as súas devanceiras estaban tamén dona María Araujo Salgado e dona Antonia Vázquez de Lemos.
 
 
O escudo da fachada é parecido aos outros pero é menos oblongo e está algo máis adornado. O helmo superior mira tamén á dereita do escudo. Parece ter 5 cuarteis. Os dous superiores, nos que vemos unha torre cunha aguia enriba e 5 lúas crecentes horizontais, representan respectivamente ás linaxes Novoa e Ambía.
Os tres cuarteis inferiores son en realidade un dividido en tres porcións (o que en heráldica se chama escudo "mantelado") con dous castelos de ouro en campo de goles (cor vermella) e un león de goles en campo de prata, representando ao apelido Enríquez ou Henríquez.
 
  Era o escudo da fundadora do Pazo dona María Enríquez de Nóvoa Quirós y Sotomayor, tamén señora da casa de Armariz en Ourense, que era filla de don Simón Enríquez de Nóvoa e de dona Antonia de Moscoso y Quirós, anterior dona de Armariz, e entre os seus devanceiros estaban dona Inés de Ribadeneyra, dona Lucía del Pino e dona Violante Mosquera.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario