sábado, 3 de febrero de 2024

10 anos de velutinas


  O primeiro avistamento de avespas asiáticas en Europa tivo lugar en Aquitania no ano 2004. Un cultivador de bonsais detectounas na súa veciñanza. Ademais estableceu unha hipótese: posiblemente chegaran en caixas de cerámica chinesa que importaba de forma regular. El xa vira esas avespas en China e constatou no inverno de 2004 a existencia de dous niños preto da súa casa. Disparoulles e creu que os eliminara. Non sabía que as avespas estaban mortas, pero xa enxamearan.
  Con todo o primeiro en informar da súa presenza en Francia foi no ano 2005 o entomólogo afeccionado Jean-Pierre Bouguet. Chamoulle a atención unha avespa que se alimentaba do froito dun caqui no seu xardín. A pesar dos seus coñecementos nunca antes vira un insecto como aquel en Nérac, no departamento francés de Lot-et-Garonna. Informou ao especialista Jean Haxaire, que o identificou como "Vespa velutina" a partir de fotos na internet.
  No mesmo departamento pero en Tombeboeuf un veciño observou a construción dun niño na terraza da súa casa, sen saber de que especie se trataba. Un familiar deste home recorreu ao Museo Nacional de Historia Natural, onde identificaron eses exemplares como machos de velutina: era a primeira nidificación desta especie que se documentaba en Francia.
  Nese momento creuse que se trataba dunha introdución accidental de obreiras chegadas de Asia que quizais construíran un niño e se reproduciran, pero cuxos descendentes eran exclusivamente machos, de maneira que a especie non tería éxito. Pero en abril do 2006 capturáronse novas femias de velutina en trampas colocadas a uns trinta quilómetros de Nérac. A aclimatación confirmábase: a especie era capaz de crear niños e reproducirse, e tamén de que raíñas fundadoras hibernasen para crear novas colonias ao ano seguinte. Foi nese momento que o cultivador de bonsais informou de que xa as detectara no ano 2004.
  Hoxe sabemos que probablemente a súa aparición aínda foi anterior. Seguramente unha ou varias raíñas fecundadas chegaron desde China en barco, nun contedor onde pasaron o inverno. Os estudos xenéticos realizados polo CNRS (Centro Nacional de Investigación Científica de Francia) mostraron que a liñaxe da avespa invasora en Europa orixinouse nunha rexión próxima a Shanghái en China, onde se fabrica esa cerámica para o cultivo de bonsais, polo que aquela primeira hipótese é certa case con total seguridade. Doutra banda, os estudos xenéticos demostraron que o máis probable é que a liña invasora proveña dunha soa raíña fecundada por varios machos.
  No ano 2006 xa se estendera, posto que as condicións climáticas da súa -entón potencial- rexión de orixe en China eran moi parecidas ás de Francia. A abundancia de colmeas no país e a falta de depredadores naturais favoreceu a súa expansión. En apenas 4 anos a metade oeste do país foi ocupada polo insecto.
 
 
  A posibilidade de que chegase a España estivo moi presente desde o ano 2006 porque houbo avistamentos preto dos Pireneos. Juli Pujade, da Universidade de Barcelona foi informado de que prestase atención. Pero é moi difícil detectar os primeiros niños, polo que non foi ata o ano 2010 cando se confirmou a súa presenza en España.
  En Galicia foron avistados os primeiros exemplares na costa de Lugo no ano 2011. Á comarca de Ordes tardaron outros tres anos en chegar pero en 2014 foron vistos nos concellos de Cerceda e Ordes. Na actualidade, desde o seu punto de partida francés, a velutina xa puxo o pé en 10 países europeos (e os que quedan!).
 
  Claire Villemant, investigadora do Museo Nacional de Historia Natural de Francia, formaba parte do equipo que identificou as primeiras velutinas e documentou a súa aclimatación en Francia. Na súa opinión a velutina xa é imposible de erradicar e o que queda é protexer as colmeas o mellor posible (colocando trampas nas súas inmediacións) e utilizar buceiras para manter aos avispóns afastados da entrada da colmea e así permitir que as recolectoras renoven a súa actividade, porque máis que a depredación é a parálise das obreiras á entrada da colmea e o cesamento da procura de alimento o que provoca a maior mortalidade das colmeas.
  Doutra banda as abellas asiáticas (Apis cerana) saben defenderse das velutinas e as abellas europeas (Apis mellifera) que viven en Asia desde hai moitas décadas mostran agora o mesmo tipo de comportamento aínda que menos eficiente. Algúns apicultores observaron algo parecido en Francia, especialmente coa abella negra (Apis mellifera mellifera), a variedade local. Así que é posible que a longo prazo as abellas europeas tamén aprendan a defenderse, aínda que a costa dunha gran mortalidade.
  En todo caso, o que é seguro é que debemos estar preparados para compartir a nosa vida futura coas velutinas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario