domingo, 5 de noviembre de 2023

Oficios: carpinteiros

  O oficio de carpinteiro era moi estimado. Como eles recordaban, ata o Noso Señor Xesucristo desempeñou ese traballo no taller do seu pai San Xosé.
  O rapaz que quería facerse carpinteiro tiña que empezar de aprendiz nun taller pagando ao mestre para que lle ensinase o oficio. Comezaba desbastando os paus, serrando e facendo traballos moi sinxelos coa machada para seguir co garlopín e o cepillo ata usar a garlopa e as molduras.
  Os carpinteiros tiñan un banco especial co seu correspondente fuso onde se axustaban as pezas que había que traballar. Usaban dous serróns pequenos e un máis grande. Os pequenos eran o de punta e o de cota. Para serrar os paus usaban o tronzador e para fender algunha táboa a serra pequena, empregada tamén para facer as táboas dun tronco de carballo ou castiñeiro. En ningunha carpintería faltaba un xogo de machadiñas, trenchas, gubias e formóns, limas, mazos, martelos, berbequí, trade, escuadro, gramil, desparafusador e diferentes pezas para poder afirmar un pau ou unha táboa cando non chegaba o fuso do mesmo banco, metro, compás e nivel.
 
 
  Todas esas ferramentas tíñanas no taller onde traballaban pero cando ían ás casas levaban unhas esportas coas ferramentas máis indispensables, a non ser que tiveran que traballar na feitura dunha vivenda, que entón levaban un ou dous bancos e establecían alí o seu taller.
 
   Cando se construía unha casa os carpinteiros facían o soporte do tellado, as trabes, o chan do sobrado e as escaleiras que sempre era de madeira, os marcos e contras das fiestras e as portas, así como os portalóns dos alpendres e as cancelas das eiras, aínda que estas ás veces tamén as facía o propio campesiño.
  Fabricaban todo o mobiliario da casa: louceiro ou alzadeiro, lacena e artesa para a cociña, mesas, roupeiro, cómodas, camas e mesas de noite, un sillón ou dous, bancos de respaldo e algunhas sillas. Tamén o escano e os banquiños pequenos para acomodar tanto na cociña como nos traballos da esfolla, escoller patacas ou muxir as vacas.
  Os carpinteiros facían ademais os mangos para a maioría de ferramentas do campo, o corpo dos hórreos que na nosa comarca era de madeira de castiñeiro e os carros e arados. Os carros acostumaban facelos carpinteiros especializados en rodeiros chamados "os fragueiros", que poñían os ferraxes axudados polos ferreiros. En Vilaverde José de Xaniño facía todos os carros da contorna.
  Un dos traballos que tiveron importancia e ata certa emoción foron as arcas de noiva onde esta gardaba a roupa que levaba ao matrimonio e que hoxe podemos admirar nalgún museo. Por iso non é extraño que a cántiga faga o eloxio do carpinteiro:
 
            Non te cases cun ferreiro / que o pican as muxicas,
            cásate cun carpinteiro / que fai as arcas bonitas.
 
  Nos anos 20 tiñan sona os carpinteiros dos Murís (Esmorís). O mestre era un home alto e moreno, Manuel d'Antón, que traballaba co seu irmán Pedro de Regueiro e con José da Tiopeira (este último tamén sabía tocar o acordeón). No ano 1929 foron facerlle un carro á casa de García no Casal, botáronlle o tellado e máis os puntos do hórreo novo de pedra, os cinco tramos, e a porta da capela. Traballaban todo o día a mantido, de sol a sol, e ían durmir ás súas casas. Ao rematar pintárono todo con cadros de cores con pintura bermella, azul, amarela e branca para admiración da señora que dicía que quedara tan bonito "que parecía un cemiterio".
  Houbo albaroque (celebración) con participación dos canteiros da Maquía de Buscás que foran os que fixeran as cepas, os penais e as rateiras do hórreo. 
 
 
Outros carpinteiros moi coñecidos foron os Regos. Juan Regos Caramelo (1888-1960), fillo do alcalde Benito Regos e marido de Angustias, foi un bo carpinteiro que estivo bastante tempo emigrado pero aínda así tivo moitos fillos. Os tres varóns, Manuel (1917-1971), Juan (1918-1996) e José Regos Viqueira (1928-1996) tamén exerceron o oficio e no taller do maior, que estaba onde hoxe é a farmacia de Pilar Cristín Mariño, aprenderon moitos outros carpinteiros da vila como José Villaverde Prego Pepe da Pandareta ou Manuel del Río Rodríguez Manoliño do Carteiro. Eran lentos pero o seu traballo era de calidade.
 
  En Alfonso Senra tivo o seu taller José Iglesias Brandariz José da Calzada (1899-1971) que casou con Teresa Moar Lata (1903-1984), filla do alcalde Antonio Moar de Buscás. O taller sería logo desde finais dos 60 o ultramarinos do seu fillo Higinio.
  Tamén procedía de Buscás Juan Ruibal García (1899-1993), casado con María López Castro (1903-1985), que tivo o seu taller no Recreo.
  Nos Lagartos, preto da vella maquía de Fernanducho estaba a carpintería de José Fernández Bello (1920-1981). Con el traballou un tempo Modesto Fernández Vázquez (1916-1989), casado con Anuncia Álvarez Fernández, que logo sería o fundador de Pompas Fúnebres San Isidro.
  Na entón calle Generalísimo -e hoxe rúa Ramón Carro- estaba a carpintería de José Castro Rivas (1915-2001) máis coñecido como Pepe de Segunda porque estaba casado con Segunda Gómez Míguez (1916-2001). Aí traballaron Pepe da Pandareta e José María Fuentes, o fillo do panadeiro Pepe de Juana.
  E finalmente en Vilar estaba José Villaverde Martínez Pepe da Xuliana (1914-1999), que casou con Consuelo Presedo Ruibal (1914-1990) coa que tivo 8 fillas e un só varón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario