sábado, 10 de diciembre de 2016

Incidente en Guindibóo

  A principios do século XX a xente da comarca era, por dicilo suavemente, pouco civilizada. Así, os problemas de lindes, disputas entre veciños, desavinzas amorosas ou simples discusións de borrachos chegaban moi facilmente ás mans. Como ademais era moi frecuente que os homes levasen estacas, navallas e mesmo armas de fogo, o traballo que enfrontaba a Garda Civil, entón ao mando do sarxento Ricardo Corbacho Gutiérrez, era moi abundante. Isto compensábase un pouco co feito de que os métodos da propia Garda Civil tamén eran bastante pouco civilizados e, polo tanto, máis rápidos e efectivos.

  No ano 1902 o distrito de Ordes fíxose famoso a nivel nacional polo crime que cometeu Francisco Liste en Numide (Tordoia), pero non foi o único suceso grave: no propio concello tivemos outro incidente, coñecido pola prensa galega como "El crimen de Guindivóo".
  A historia comezou cando José Lata Boquete, un mozo de Pereira con apenas 18 anos, discutiu coa súa moza porque tiña a ocorrencia de bailar con outros nas romarías. A discusión rematou coa ruptura da parella. Aí aparece outro galán, Francisco Souto Marzoa, que "ipso facto" aproveita a ocasión e ocupa o lugar que deixou vacante Lata.
  Este non o tomou nada ben e decidiu vingarse, pero como Souto non era unha periña en doce, acompañouse dos seus amigos para que o axudaran. Durante varios días intentou atopalo sen éxito nalgunha corredoira afastada.
  Por fin, o día 23 de abril, indo cun conveciño seu, José Remuñán, deron con el en Guindibóo e Lata atacou a Souto a traición, asestándolle tal golpe no lado dereito da cabeza que o deixou practicamente morto no chan. Do suceso foron testemuñas os irmáns Juan e Josefa Sánchez Veiras que alertaron á Garda Civil polo que Lata e Remuñán foron apresados ás poucas horas polo cabo Ares e o garda García Noya. Mentres, Souto, case defunto, era trasladado a Ordes para ser atendido.
  A ferida era "mortal de necesidade" así que a prensa falaba de crime, pero as cabezas ordenses son duras de verdade (en todos os sentidos). Milagrosamente, ante a sorpresa de todo o mundo, Souto recuperouse, co que non só salvou a súa vida, senón probablemente tamén a de Lata.

  Ningún dos dous era unha xoia, porque ambos tiveron novas dificultades coa xustiza, pero nunca tan graves. Tristemente non coñecemos o final da historia amorosa. Non sabemos se a moza quedou con algún dos dous galáns o decidiu buscar un novo, cousa esta última que probablemente fose o máis intelixente. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario