Os fentos -na nosa comarca
sempre se lles chamou fieitos- son plantas moi primitivas que naceron
antes de que se "inventaran" as flores, pero o que si apareceu con
eles foi a lignina (a madeira), así que son o equivalente aos primeiros vertebrados do
reino animal.
Como gustan de sitios húmidos Galicia
é unha zona onde abundan moito. De feito hai máis de 70 especies diferentes. Na
nosa comarca non sei as que pode haber, pero as habituais e facilmente
observables son cinco.
O rei indiscutible é Pteridium aquilinum,
o fieito de monte. Encántanlle os solos
ácidos, non os calcarios, así que aquí está na súa salsa. Antigamente era
abundantísimo porque formaba parte do sotobosque dos piñeirais, pero hoxe non
lle vai tan ben cos eucaliptais.
Era moi apreciado como substituto da palla
cando esta escaseaba ou non se quería gastar. Usábase para estrar as cortes,
para axudar a acender o lume da lareira e tamén para chamuscar a pel dos cochos
sacrificados na matanza (así desaparecían os pelos e o coiro separábase máis
facilmente da graxa). Máis atrás, no século XIX, tamén se empregaban as súas
cinzas para facer lixivia e a súa raíz moída como remedio contra os parásitos
intestinais e como purgante.
Se abandonamos o monte e nos achegamos a ríos
e regatos aumenta a variedade. Na ribeira do regato Mercurín podemos atopar outras
catro especies.
Athyrium filix-femina, a fenta ou fento femia é moi abundante. Pode custar un pouco
distinguilo do fento macho pero é un pouco máis suave ao tacto. É o preferido
polos pescadores para poñer no fondo dos seus cestos e así conservar as troitas
durante todo o día.
Dryopteris filix-mas, o fieito macho, é máis grande e normalmente dunha cor
verde un pouco máis escura. Nalgunhas zonas era unha das herbas de San Xoán.
Blechnum spicant, o fento fero (lonchite
en castelán), destaca por ter unhas follas estreitas que parecen en certo modo
unha raspa de pescado e unha cor verde bastante escura.
Polypodium vulgare, fento dos valos ou fento das
pedras e fieita na nosa comarca, como o
seu nome indica medra en pedras ou árbores situadas en zonas húmidas.
Nota: as 4 fotos están feitas no Paseo do Río
Mercurín.




No hay comentarios:
Publicar un comentario