jueves, 6 de julio de 2023

Oficios: os ferreiros

   Un dos oficios máis importantes na comunidade era o de ferreiro*. O seu lugar de traballo era a forxa, normalmente unha caseta cunha porta e dúas xanelas.
  Nela estaba a fragua ou fornalla (a sección do lume), separada por unha pedra do barquín, un fol grande que producía a corrente de aire para avivar o lume por medio da toeira e da cana que eran os tubos de saída do aire. Empregábase carbón de pedra ou de madeira (en Ordes era habitual o carbón de uz) para facer o lume.
  A zafra era o elemento principal. Era a base sobre a que se colocaba e se golpeaba o ferro candente. O mestre ferreiro manexaba un martelo pequeno e o axudante un máis grande. Cando era un sitio importante había dous mozos e así eran tres os que batían o ferro. O mestre marcaba co martelo pequeno e os axudantes mallaban a brazo aberto. Xeralmente apenas lles falaba e só daba indicacións co tintín do martelo no corno da zafra.
  Feita a peza, se era de corte como unha fouce ou unha macheta, había que amornala, meténdoa nunha pía grande chea de auga. Para coller a peza había que usar tenaces, das que había diversos tipos. 
  Outros elementos que nunca faltaban eran unha moa grande posta nun veo e dous paus arrimados á parede para afíar as ferramentas despois de crabuñalas (darlles golpes no fío para poñelo máis fino). Por suposto que tamén había tornos, limas, moldes e outras pezas variadas...
 
 
  Alí facíanse as múltiples ferramentas que usaban os campesiños: sachos e sachas, eixadas, legóns, picañas, sachas de dous gallos, fouces, fouciños e gabillos, gadañas, cardeñas, angazos, machetas, dentes da grade, rellas para o arado, medias lúas para os carros, ferraduras para cabalos, asnos, bestas e reses. Tamén aldabas, gonzos, ferrollos, picaportes, gramalleiras, reixas, balcóns, cancelas, portais, fallebas, caravillas, ferrollos, candados para os muíños, fechos de martabela ...
  Ás veces os ferreiros tamén facían de ferradores e mesmo de latoeiros.
 
  En Ordes houbo moitos ferreiros, entre eles Manuel Castro, o patriarca dos Castros do Recreo aos que chamaban os Ferreiros (aínda que curiosamente a maioría foron mecánicos).
  Pero os máis coñecidos foron tres membros da familia Regos, dous fillos e un xenro do vello ferreiro do Casal, Bernardo Regos RíosJosé Regos Regos (1901-1969) foi o ferreiro do Balado. Do seu matrimonio con Manuela Regos Recouso tivo 5 fillos que eran Regos por partida dobre. O seu irmán Francisco Regos Regos (1904-1983) foi o ferreiro do Casal, igual que o pai. Con María Candal Veiras tivo unha ducia de fillos. O terceiro foi o seu cuñado Manuel Regos Rodríguez (1901-1970), ferreiro do Recreo a carón da casa dos Ramechos, casado con Josefa Regos, que por suposto tamén tivo catro fillos Regos por partida dobre (a árbore xenealóxica desta familia é un auténtico pesadelo).
 
*O oficio orixinou un dos apelidos máis habituais no mundo e primeiro no idioma inglés: Smith (ata catro millóns de portadores!). tamén é bastante corrente  o alemán Schmied. Na península Ibérica temos Herrero, Herrera, Ferrer, Ferreiro, Ferreira...

No hay comentarios:

Publicar un comentario