Se en Ordes 2016 comezou con
noticias divertidas como a etílica aventura de Manolo de Xaniño ou a saída ao
mercado do colchón Smartress, a situación cambiou completamente en xullo cando
apareceu un home morto en pleno centro da vila.
A noite do sábado 16 ao domingo 17, aproximadamente
ás 4.30, uns mozos que estaban de copas atoparon á entrada do aparcamento
próximo á farmacia que hai na rúa Compostela o cadáver dun home que estaba
sobre un gran charco de sangue debido a unha ferida de arma branca que lle
segou a garganta, polo que todo apuntaba a que fose nese mesmo lugar onde se
produciu o ataque que lle causou a morte.
A vítima resultou ser Álvaro Paredes un dominicano de
24 anos residente en Alfonso Senra desde había uns anos e que volvera 5 días antes
dunha viaxe ao seu país, acompañado da súa parella e unha filla de 2 anos de
idade. Era bastante coñecido porque traballaba como porteiro en "La negra activa", un pub con
apenas un ano de historia que había no campo da fería, moi popular entre toda a
comunidade latina inmigrante pero que non tiña boa reputación porque se lle
supoñía relacionado coa prostitución e o tráfico de drogas.
Avisados os servizos de emerxencia, ao
lugar acudiron patrullas da Policía Local e da Garda Civil, e posteriormente
axentes da policía científica. Nun principio xa se pensou nun posible axuste de
contas por tráfico de drogas e non se descartaba que o crime fose perpetrado por máis dunha persoa xa
que Álvaro non mostraba sinais de terse defendido. Dado que nas inmediacións do
consistorio producírase unha pelexa de madrugada os axentes tamén tomaron
mostras das pequenas manchas de sangue que alí había, pensando que ese
incidente podía estar relacionado co crime.
Días despois o cadáver foi repatriado ao seu
país e enterrado no cemiterio de Areoso, na cidade de San Francisco de
Macorís. Bárbara Paredes Reinoso, a súa nai, foi a que pediu á embaixada o
traslado do seu corpo. Declarou que o seu fillo tiña problemas de débedas con
outras persoas, pero non sabía quen eran. En Ordes os seus amigos e familiares
depositaron fotos, velas e flores no lugar do crime recordando a Álvaro.
A investigación avanzou moi lentamente debido
ao hermetismo dos ambientes nos que se movía a vítima. O caso complicouse aínda máis
ao coincidir no tempo coa desaparición na Pobra de Diana Quer, o que obrigou a
desdobrarse á brigada de Policía Xudicial do instituto armado na Coruña.
Un par de anos
despois do crime, púidose esclarecer a verdade. Grazas ao ADN achado descubriuse
que o culpable era un colombiano chamado Julián Eduardo, que vivía en Santiago
e que presuntamente vendía drogas a pequena escala. Así que o motivo era
un dos que xa se supoñían: unha disputa polo territorio de venda, xa que a
vítima tamén estaba implicada neste negocio.
Julián Eduardo
non tardou en estar considerado como o principal sospeitoso do crime. Despois
de decenas de interrogatorios a persoas do círculo máis íntimo da vítima e a
testemuñas presenciais da disputa que momentos antes do crime tivo lugar entre
ambos os dous nun pub de Ordes era previsible que fose o criminal. Con todo,
faltaba unha proba irrefutable. No corpo da vítima aparecía o ADN dun home,
pero figuraba como descoñecido. A Garda Civil centrou entón os seus esforzos en
lograr unha mostra xenética do sospeitoso para poder cotexala, Tras moitos
esforzos, logrouna e o resultado foi o esperado: era de Julián Eduardo.
Axudou a
localizalo o feito de que este quedara cun dos dous teléfonos móbiles da vítima, o que
permitiu seguir a súa pista de Santiago a Madrid e despois a Colombia.
Con esa proba
na man, ditaron unha orde de busca e captura contra o sospeitoso, que tras o
crime fuxira a Colombia, país no que a Interpol e a
policía colombiana localizárono na zona de Cali e detivérono en maio de 2018. Desde entón, estivo tramitándose
a súa extradición a España, que finalmente foi concedida, o que permitiu que o
sospeitoso comparecera nos xulgados de Ordes en maio de 2019 para ser interrogado por estes feitos.
Quedou
demostrado, aínda que el o negara, que esa noite baixou dun coche e por
sorpresa, aproveitando o seu adestramento militar, atacou a Álvaro cun arma de 9 centímetros de
lonxitude producíndolle unha ferida mortal no pescozo.
O xuízo tivo
lugar en outubro do ano 2020 (en
plena pandemia de Coronavirus). O tribunal do xurado declarou culpable de
asasinato ao acusado, Julián Eduardo V. T., para o que a Fiscalía solicitou
unha pena de vinte anos de cárcere e indemnizacións económicas aos
familiares. O fallo lido na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña resolveu
con sete votos a favor da condena e só dous en contra. O xurado tamén acordou
con esa mesma maioría de sete a dous votos que non procedía outorgar ao acusado
nin a suspensión da condena nin solicitar o seu indulto debido á gravidade do
delito cometido.
Finalmente a
sentenza da Audiencia Provincial da Coruña foi de quince anos de cárcere e unha
indemnización de 265.000 euros en total
a repartir entre a muller, a filla e a nai da vítima, alén de facerse cargo dos
gastos que orixinou a repatriación do cadáver á República Dominicana e o
enterro. Deses quince anos de prisión aos que foi condenado Julián Eduardo descontaríanlle
o tempo que levaba en prisión preventiva, xa que ingresou no cárcere o 17 de
maio do 2018 despois de ser detido en Colombia pola policía daquel país
atendendo á orde internacional de busca e captura que emitiu a Interpol.



No hay comentarios:
Publicar un comentario