sábado, 1 de noviembre de 2025

Emérita Pernas Pereira

  Emérita Pernas naceu en Céltigos (Frades) no ano 1928. Era a menor de 8 irmáns (Aurora, Alfredo, Adolfo, Gerardo, Florinda, Eladio, Primitivo e Emérita), fillos do matrimonio formado por Vicente Pernas Ponte (1896-1972) e Esperanza Pereira Vázquez (1885-1957). Eran unha familia acomodada, donos da chamada "Casa de Esperanza" unha taberna-fonda en Campoduro, ao pé da estrada.
  Ser a menor non significou que fose branda, ao revés, sempre foi unha loitadora. Contaba que naqueles tempos o seu soño era poñer unha tenda de roupa, soño que nunca chegou a facerse realidade.
 
  Sendo moi nova casou con Lino García Agra (1923-2009), un dos fillos do carteiro de Frades, José García Garea*. Con el fundaría o salón "El Vergel" en 1948. Pero resultou que a Lino non lle ía o negocio do baile e pronto se centrou na cafetería, así que Emérita converteuse na primeira e durante moitos anos única empresaria do sector, traballo que alternou coa crianza dos seus seis fillos: José Lino, Vicente, Ángel, Juan Carlos, María Esperanza e Gerardo García Pernas.
  Emérita non o tivo fácil ao principio, cando quería contratar unha orquestra non a tomaban en serio porque ninguén cría que unha muller tan nova puidese ter un salón de baile. Sempre agradeceu a axuda que recibiu neses primeiros momentos por parte de Manuel Muñiz que a apoiou e lle ensinou moitas cousas do negocio. 
  A situación cambiou en pouco tempo e Emérita foi coñecida por todas as axencias e creouse unha reputación. "El Vergel" foi medrando e alí, ao pé do canón, sempre estaba ela vixiando e mesmo poñendo orde se facía falta.
  Anos despois xustificábase: "Penso que os que non me coñecen ben teñen un concepto de min como alguén demasiado duro. Eu desde que empecei a traballar tiven que gañarme o respecto e o prestixio como persoa seria para poder saír adiante. Aínda que sempre tratei amablemente a todo o mundo, fun moi estricta coas pelexas e outras cousas que podían estragar a boa sona do local".
 

  Nos anos 60, 70 e 80 "EL Vergel" era unha sala de referencia en toda a comarca e as noites dos domingos pertencíanlle: Por alí pasaron desde o trío Siboney a Manolo Escobar, un Julio Iglesias (recente gañador do Festival de Benidorm con "La vida sigue igual") que cobrou 30.000 pesetas da época, e ata o cantante Basilio, o primeiro home de raza negra que viran en persoa a maioría de asistentes aquel día.
  A sala chegou a ter 30 empregados e baixo o seu paraugas abriron outros negocios de hostelería dándolle vida á vila de Ponte Carreira.
  Nos 90 chegou o declive, así que Émerita, despois de 47 anos! de traballo, alugoulle a sala a outro empresario en xaneiro de 1995. Os primeiros días non se acostumaba e pasaba polo lugar para ver como ían as cousas.
 
  Incapaz de estar inactiva, dedicouse con paixón á Asociación de Amas de Casa de Frades da que xa levaba anos sendo presidenta e para a que organizou moitas viaxes e actividades. Tamén foi unha asistente pertinaz, aínda despois dos 90 anos, ás Festas dos Maiores do Concello.
  O 5 de outubro de 2009 morreu o seu marido e o velorio tivo lugar na sala que ambos os dous fundaron. 16 anos despois, o día 27 de outubro de 2025, morreu Emérita con 97 anos de idade (aínda que no seu DNI figurasen dous menos), deixando 6 fillos, 9 netos e 4 bisnetos.
  Curiosamente, poucos días despois, o 2 de novembro, faleceu en Carballo aos 87 anos Gonzalo Rodríguez Regueira, o empresario que abriu en 1976 a mítica sala "A Revolta".

 

 * José García Garea era fillo de Manuel García Seoane, que en 1924 sería o primeiro carteiro rural da zona de Frades. Aínda que tiña a axuda do seu fiel cabalo, a profesión era dura naqueles anos de guerra e posguerra, pois estaba sometido a continua vixiancia da Garda Civil. Nos anos 40 José García herdou, como era costume, o traballo do pai pero morreu bastante novo. O sucesor, na década dos 60, sería o seu fillo Edelmiro García Agra (cuñado de Emérita) cando tiña 30 anos. Pablo García Astray, o último dos 5 fillos de Edelmiro, continuou a tradición (xa en Santiago) e deixou paso á 5ª xeración, esta vez por partida dobre: Pablo e Alba García Bermúdez. E aínda hai outro neto de Edelmiro no oficio, José Mosquera García.