Na parroquia de Marzoa podemos atopar dous escudos heráldicos asociados ao pazo dos Sánchez Somoza no lugar do
Castro.
No escudo máis antigo pódese ver unha torre
enriba de duas cabezas de homes con bigote. Representa a algún dos antigos
propietarios do pazo, que sabemos que foron a familia Suárez, descendentes dos
Torrechanos (Churruchaos), unha liñaxe estendida polas terras de Santiago,
Mesía e Folgoso. Do escudo hai tres exemplares: un enriba do portalón da
muralla, outro enriba da porta principal do pazo e o último no extremo dereito da fachada a altura do
primeiro piso. Este último é o máis moderno e mellor conservado. Tamén no
cemiterio parroquial aparece nunha lápida de mármore enriba dunha enumeración dos
últimos falecidos da familia.
O outro escudo está no panteón
familiar do cemiterio. Data de mediados do século XIX
e colocouse por orde de José María Sánchez Somoza Arias, o novo sangue
que chegou ao pazo por casamento coa propietaria Jacinta Rey Meijide (m.1851), e
logo coa irmá desta, María Rey Meijide.
É un escudo de granito de tipo francés
redondeado e apuntado, con lambrequíns (follas ou cintas) ornamentais no bordo.
Enriba hai unha cabeza con celada que mira
cara á esquerda do escudo. Nas regras da heráldica isto significa
bastardía, pero realmente moitos canteiros (e señores) ignoraban esta circunstancia e poñían
a cabeza aleatoriamente. Aquí podería ser o caso e simplemente está mirando cara ao pazo, porque senón incumpre outra regra heráldica de que o bastardo non debía ensinar o seu rostro. Na parte baixa hai
unha orla e unha cruz de estilo teutónico coa inscrición JHS (Jesus Homo Salvator)
"Xesús, salvador da humanidade".
O campo do escudo está cuartelado en catro
partes. No primeiro cuartel vemos os seis círculos (roeles en xerga heráldica) da familia Castro, pero neste caso
acompañados dunha cruz de Santiago. No segundo cuartel hai unha torre ou
castelo acompañado de tres medias lúas,
unha estrela e (posiblemente) un pote ou caldeiro. Podería representar á
familia Luaces,
que nalgúns lugares emparentara cos Somoza. No terceiro cuartel vemos o que
parecen ser as armas dos Piñeiro, unha árbore á que está amarrado un
can, aínda que aquí máis parece un león. No último cuartel hai unha figueira que representa á familia Figueroa.
Este escudo está moi erosionado polo que
é bastante difícil distinguir os seus elementos. Afortunadamente fixen un debuxo no ano 2002 para un folleto do Obradoiro da Historia (que me serviu de fonte) no que se poden apreciar con claridade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario