sábado, 12 de octubre de 2024

Os Viqueiras de Farruca

  O apelido Viqueira é un dos 20 máis habituais en Ordes con máis de 300 portadores. Ademais dos Viqueiras do Casal e dos Viqueiras de Berreo, outra numerosa familia con este apelido son os Viqueiras con orixe en Vilaverde.
  Alí viviu Francisca Viqueira Vieites Farruca (1880-1949), unha muller moi pobre que nas dúas primeiras décadas do século XX tivo varias fillas (e un varón) de solteira, polo que a única herencia que recibirían serían os apelidos da nai. De nome eran Estrella, Manuel, Purificación, Valentina e -outra vez- Estrella.
 
Estrella Viqueira Vieites (1907-1989) viviu en Vilaverde e tamén tivo varios fillos de solteira: Benito, José, Manuel e Francisco (máis un xemelgo deste último que morreu no parto).
Benito (1924-1959) -non confundir co Castañeiro- casou para as Casillas e tanto el como a súa muller Herminia Rey Moure (1924-1980) morreron bastante novos. José, coñecido como Che, emigrou pero retornou.
Manuel Viqueira Vieites (1929-2015) o Gaiteiro de Vilaverde foi moi coñecido porque ademais de tocar a gaita en varios grupos dedicouse á construción durante moitos anos. Do seu matrimonio con Carmen Noya Villaverde (1929-2018) tivo 4 fillos: Manolo Ghosende, Paco (falecido en 2022), Elvira e Fernando.
Francisco Viqueira Vieites tamén é moi coñecido por fundar Comercial Viqueira. Casou con Manuela Abuín Romero.
 
Manuel Viqueira Vieites (1912-1977) casou con Josefa Campos Souto (1912-2003) da Casa do Sabelo* en Guindibóo (Montaos). Este matrimonio tivo 8 fillos coñecidos por tanto como os Sabelos: Manuel, José, Jesús, María, Andrés, Antonio, Josefa e Ángel Viqueira Campos.
Manuel, o maior, casou cunha irmá de Toribio, Consuelo Viqueira, polo que a súa filla María é Viqueira por partida dobre. José casou con Felisa Rodríguez e tiveron dous fillos, Juan Carlos e Sonia.
Jesús Viqueira Campos (1945-2004) casou con Mª Carmen Varela Villaverde coa que tivo 7 fillos. Un deles, Juan Manuel, morreu aos 20 anos en accidente de tráfico e 6 anos despois tamén nun accidente de tráfico no Corgo en Lugo falecería Jesús con só 59 anos.
María casou con Antonio Viñas de Entrecruces (Carballo) e Andrés con Esther Garaboa. Antonio Viqueira Campos (1951-2022) traballou en Correos e casou con Mª Carmen Blanco da Pedreira en Leira, coa que tivo 3 fillos.
Josefa  casou con Manuel Rodríguez e finalmente Ángel coa peruana Silvia Ramos.
 

Purificación Viqueira Vieites (1916-2002) viviu en Penelas, unha zona que o concello cedeu aos pobres que non tiñan outro lugar. A pesar de ser pequena, Pura era unha muller fortísima que resistiu partos (algún deles pillouna traballando na leira), abortos, penurias e un par de atropelos de coches no ano 1979. E con todo iso aínda chegou aos 86 anos!
Pura tivo sombras pero tamén luces: Había unha señora forasteira, a Caeira, que traballaba nas feiras vendendo allos ("Quen cae comigo?", "Quen quere allos? Quen carallos?" berraba). Pero logo enfermou e non podía pagar o aluguer da súa caseta, así que botárona fóra. Pura, que tiña tamén un casetiño no que apenas cabían ela e os seus fillos e que tiña que facer números para levarlles de comer, colocou un catre no corredor e alí acolleu á enferma ata que morreu.
Era moi coñecida porque primeiro traballou ao xornal e logo vendía rosquillas nas romarías, acompañada ás veces dos seus fillos. Tivo 5: Nieves, Teresa, Manuel, José Antonio e Benito Viqueira Vieites.
Nieves Viqueira Vieites (1939-1967) casou con Manuel Fuentes Bernabé de Vilar que vendía correas nas feiras. Morreu aos 28 anos deixando dous fillos: Manuel Bemba e José.
Teresa Viqueira Veiras marchou para a Coruña e casou cun mozo de Paderne, Manuel Cal Ramos.
Manuel Viqueira Vieites (1942-2020) Manolo de Pura foi construtor e traballou practicamente ata o seu último alento. Viviu na vila e logo nun chalé en Queirúa. Casou con Manuela Campos Boquete (1946-2021) coa que tivo 8 fillos (máis dúas que faleceron de nenas): Teresa, Luis, Julio, Manuel, Miguel, David, Juan José e Montserrat Viqueira Campos. Teñen os mesmos apelidos cos Sabelos, pero neste caso son coñecidos como os Puros. David e Juan José morreron moi novos.
Antonio Viqueira Vieites (1954-2019) o Rosquilleiro casou con Florinda Paz del Río (1955-2002) que morreu aos 47 anos. Tiveron varios fillos: Margarita, José, Francisco, Eduardo e María. Viviron en Alfonso Senra fronte a DIA.
Benito Viqueira Vieites o Castañeiro tivo varios traballos (vendeu nas festas, chegou a ter un poni no que montaba aos rapaces...) pero a finais dos 80 dedicouse a vender castañas na Alameda ata o 2022. Iso converteuno nun dos personaxes máis populares da vila.
 

Valentina Viqueira Vieites (1918-2005) viviu en Ordes e non tivo fillos.
Estrella Viqueira Vieites (1920-2001) -curiosamente co mesmo nome que a irmá maior- marchou á Coruña onde casou con Jesús Collazo Corgo. A súa filla Mª Jesús casaría cun mozo de Leira, Andrés Mosquera López.
 

*Andrés Campos (1877-1968) e María Souto Ferro (1877-1943) tiveron 7 fillos:
María, a primoxénita, casou con José Liste Areoso José de Gholán e viviu no Recreo 127. Tiveron 3 fillos: José, Manuel Peíño e Jesus Liste Castro.
Manuel, que emigrou, casou con Rosa Presto.
José (1904-1988) casou con Peregrina Tobío Carril coa que tivo 5 fillos: Manuel Antonio, Ramón, Juan, María e Concepción Campos Tobío.
Jesusa (1911-1976) casou para Sigüeiro con Jesús Suárez Morao.
Josefa Campos Souto (1912-2003) sería a que casou con Manuel Viqueira.
Manuela (1913-1987) e Consuelo (1917-1972 Lausanne) non casaron.
Parece ser que a nai de Andrés chamábase Isabel e de aí ven o de Casa do Sabelo.

2 comentarios:

  1. Amigo Ferreiro: moito traballo de Dios tés neste BLOG. ¡Mi madriña!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Agradecido polos comentarios. Sarna (traballo) con gusto non pica. Un saúdo.

      Eliminar