sábado, 24 de octubre de 2020

Foucellas

   Nos anos 90 apareceu en Galicia un movemento cultural coñecido como "Rock Bravú", do que foi un representante especialmente exitoso o grupo Heredeiros da Crus. Un dos seus sinais de identidade era a reivindicación dun ruralismo ridículo e esaxerado. Nas súas letras abundaban as expresións malsoantes e o uso e abuso de gheada e seseo, que se transcribían logo ao pé da letra na lingua escrita. Era a apoteose do "jañanismo".

  Este movemento tivo o seu reflexo no Instituto de Ordes durante o curso 1996-97. Un grupo de estudantes pensaron en algo máis que nas clases e nas copas e decidiron montar a asociación "Foucellas". O nome daba pistas algo contradictorias: pretendían ser rebeldes (algo moi típico desa idade) pero, contra o que se podía pensar, non había mensaxes políticos, polo menos claros.

  O froito máis visible foi unha revista tamén chamada FOUCELLAS que se declaraba "Revista jañán de información contracultural" e que naceu como unha gran broma. Para empezar empregaban como idioma o castrapo, rexeitaban calquera tipo de norma ortográfica e dicían dos seus contidos que «non serven para nada, pero no caso de que esteades aburridos ou deprimidos, ijual vos alejran o día: o Oróskopo Jañán, as Noticias de Ozkad-ito ou as estúpidas Historias por entrejas, nas que irá subindo o nivel de adrenalina».

  O equipo de redacción eran (segundo eles) Araña, Demi Moure, Psantónio, Ozú, O Polbo bravo, Nonsontato, Yimi Fárix, Jroucho +, Tanhoi, Ozkad-ito, Ninidea e Peace.

  A revista que tivo dous números (0 en novembro de 1996 e 1 en decembro) estaba feita en branco e negro en formato A3 dobrado (16 páxinas A4).

  O nivel era bastante bo porque, fóra do chiste barato das palabras mal escritas e do humor escatolóxico para adolescentes, algún dos membros tiña moito talento e os seus artigos eran moi divertidos a pesar de que en moitos casos a revista estaba demasiado enfocada en personaxes do instituto. Tamén era moi alto o nivel gráfico grazas á cercedense Demi Moure.

  Aínda que por suposto non gustara a todos, a revista foi moi ben acollida. Mesmo o entón ex-xefe de estudos Velo aceptou ser entrevistado no segundo número.

  O éxito tamén chegou fóra das fronteiras ordenses. En maio de 1997 foi nominada no Instituto As Lagoas de Ourense ao premio á mellor revista no seu Concurso de Prensa Escolar "Gaiola Aberta". O asunto serviu para destapar un novo enfrontamento coa dirección pois os Foucellas queixáronse de pouco apoio por non recibir unha axuda para a viaxe, mentres o director alegou que non a podía conceder directamente senón que tiña que ser decidida polo Consello Escolar. Rematou indo un grupo de 9 membros a Ourense e quedaron sorprendidos do espectacular recibimento por parte de alumnos e profesores. Ata lles fixeron asinar autógrafos como estrelas de rock! Finalmente lograron o 1º premio de 50.000 pesetas e o xurado calificou a revista como «a máis orixinal, a única que se apartou da típica idea que se ten da revista de instituto».

No hay comentarios:

Publicar un comentario