viernes, 10 de febrero de 2023

Informe meteorolóxico 2022

  2022 foi un ano excepcional. Xa empezou cunha madrugada tropical o 1 de xaneiro que parecía estar a anticipar toda a calor que viría despois.

TEMPERATURA 
  2022 foi sumamente caloroso, cunha media de 14,9 ºC e unha anomalía positiva de máis de 1,4 graos con respecto aos valores esperados. Hai que remontarse a 1961 para ver cifras tan altas. De feito a temperatura media de cada provincia española foi a máis alta da historia, agás no caso das Canarias, como podedes observar no seguinte mapa (premede para ver máis grande). 
 
 
  O verán resultou o máis cálido desde que existen rexistros. Galicia, como o resto de Europa, foi vítima dunha «megaonda de calor», un episodio de temperaturas extremadamente altas que se prolongan no tempo e abarcan unha extensa área. A anomalía positiva foi ata de 3 graos. 
 
 
As máximas foron infernais, sendo o día 14 de xullo o máis caloroso* do ano con diferenza. Nesa mesma data tamén se viviu un raro evento chamado «Sistema Convectivo de Mesoescala» xerador dunha área tormentosa do tamaño de Galicia que deixou máis de 6.000 raios!!! en 4 horas.
 
  Esa tormenta acendeu ademais a mecha doutra vaga de incendios que deixou varias vítimas e miles de hectáreas de bosques queimadas. 
 
  As condicións dese mes de xullo non se esperaban ata o ano 2049 no peor escenario de cambio climático.
 
PRECIPITACIÓNS 
  Se algo quedou en evidencia no 2022 é que o clima é cada vez máis extremado. Durante os primeiros nove meses do ano houbo unha ausencia moi importante de choiva que, combinada coas altas temperaturas, provocou unha intensa seca. De feito, o déficit de choiva de Galicia en setembro (-35 % e nalgunhas zonas mesmo do -50 %) era o máis alto de España. 
  Pero a partir da segunda quincena de outubro, sen termo medio, pasouse da ausencia de auga á abundancia. Durante tres meses seguidos caeu tanta choiva que Galicia non só superou a seca, senón que acabou o ano con ríos a piques de desbordar e co nivel dos encoros recuperado. 
  Aínda así o volume total de choivas, 1.200 litros por metro cadrado, foi un 7 % menor que a media dun ano normal.
   
* Practicamente toda Galicia superou os 35ºC. Unha decena de localidades chegaron aos 40 e a cidade de Ourense, por primeira vez na historia, rexistrou 44ºC (preto dos 44,2 que houbo en Leiro o 7 de agosto de 2016 -récord galego-). Dentro da miña casa o termómetro marcou ese día 28,5ºC cando o máximo foran 27ºC noutros días de veráns anteriores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario