QUE É UN DOLMEN?
  Un dolmen ou mesa de pedra* é unha
construción prehistórica feita con megalitos (mega = grande, litos = pedra).
  En todos os dolmens hai entre 5 e 9 grandes pedras,
cravadas verticalmente no chan, chamadas chantos
ou esteos sobre as que aparece outra
horizontal, a tampa ou cuberta.
  Normalmente forman unha cámara funeraria
(servían de enterramento) chamada anta.
Posteriormente o dolmen era rodeado con terra e croios formando unha especie de
pequenos outeiros chamados mámoas ou
medorras. Os croios denomínanse couraza.
  Sobre estas medorras o pobo inventou moitas
lendas. Dicíase que estaban habitadas por "mouros" e e que había
fabulosos tesouros, por iso a maioría delas teñen un furado no cumio, o que
significa que foron escavadas para buscar eses supostos tesouros.
  Dentro dalgunhas antas atopouse material
usado como ofrendas funerarias: puntas de frechas, machados... Tamén hai casos
nos que aparecen pinturas e gravados moi sinxelos, normalmente só liñas sen
nengún debuxo especial.
COMO SE FACÍAN?
  Supoñemos, non o sabemos con seguridade
porque non deixaron nada escrito nin había fotógrafos naqueles tempos, que os
construtores dos dolmens arrastraban as pedras usando cordas e troncos de
árbores tal como se ve nas ilustracións. Así abondaría cuns 50 homes
para o transporte e o levantamento do megalito.
  Se isto non fose así, se non empregasen os
rolos de madeira, necesitarían polo menos uns 150 homes.
CANDO E QUEN?
  Os construtores dos dolmens viviron desde hai
uns 5.500 anos (contemporáneos de Ötzi, o home
que se atopou no Tirol), ata hai uns 3.500 anos, é dicir desde o ano 3.500
antes de Xesucristo ata o 1.500 tamén antes do nacemento de Xesucristo.
  Eran
cazadores e recolectores de cereais. Evidentemente tiñan un gran respecto polos
defuntos porque dedicaron moitísimo tempo e traballo aos dolmens. Ademais de buscar
as pedras, movelas e colocalas, tamén lles debía de ser difícil poñerse de
acordo e xuntar tanta xente.
ONDE?
  En toda Galicia hai numerosos dolmens ou
restos deles. Os máis antigos son os máis pequenos e pechados. Os máis modernos
teñen corredor e son máis grandes.
  Na nosa comarca o mellor conservado é o
dolmen de Cabaleiros, que era coñecido como a "Casa da Moura", pero
en case todas as parroquias hai restos prehistóricos.
FONTE PRINCIPAL: Obradoiro da Historia.
| 
   Dolmen é unha palabra que ven do breton tolmen onde tol significa mesa e men pedra, por tanto sería mesa
  de pedra. 
  Mámoa ven do latín mammula, diminutivo de mamma (mama), pola súa forma redondeada que recorda a un peito feminino. 
  Medorra ven da palabra meda, do latín meta (morea).  
   | 
 



No hay comentarios:
Publicar un comentario