sábado, 29 de noviembre de 2025

A emisora do Mesón do Vento

  En 1962 España aspiraba a ser un país moderno e un dos requisitos para logralo era mellorar os medios de comunicación. O 10 de xullo foi nomeado ministro de Información e Turismo o galego Manuel Fraga Iribarne, o home encargado de pilotar este proceso (ata outubro do ano 1969).
  No que respecta a Galicia, ese 1962 na Coruña iniciaron as obras dos novos estudos de RNE que serían inaugurados en marzo de 1963 e que estaban na planta baixa e o 2º piso do Edificio das Cigarreiras, propiedade do Concello e onde tamén se atopaba o Conservatorio de Música e Declamación. Nese momento a nova emisora, que custaba 11 millóns de pesetas da época e que era de marca Westinghouse, esperaba en Madrid a ser trasladada.
  Pero o miolo da cuestión era onde se colocaría esa emisora e a antena que permitisen alcanzar a maior difusión posible. A mediados de 1962 baralláronse varias posibilidades pero ao final o lugar elixido foi o favorito desde o principio, o Mesón do Vento, que contaba cunha vantaxe inobxectable: era o lugar máis alto que había relativamente preto da cidade (menos de 30 km) e que tiña máis fácil acceso (ao pé da N-550).
 
  As obras comezaron na segunda quincena de decembro de 1962 e prolongáronse durante os primeiros meses de 1963. Colocouse a emisora, traída desde Arganda, e construíuse unha xigantesta antena (polo menos parecíao naquela época) de 117 metros de alto, que desde ese momento converteuse no símbolo máis recoñecible do Mesón.
  En maio as obras estaban practicamente acabadas. O mesmo director xeneral de Radiodifusión e Televisión Roque Prol Alonso nunha viaxe que fixo a Oviedo, A Coruña e Santiago aproveitou o día 14 para pasar polo lugar e revisalo. Ese mesmo mes empregados de FENOSA traballaron ás alancadas para deixar rematada a subministración eléctrica á emisora, o que permitiu que comezase a facer emisións de proba xa desde o 25 de xullo.
  Como de costume, no verán Franco trasladouse ao Pazo de Meirás, que se convertía así na capital oficiosa do país xa que todo o goberno viña con el de cando en vez. Fraga aproveitou para revisar os estudos da Coruña e a emisora do Mesón o día 31 de agosto, acompañado de Pío Cabanillas, Roque Prol, Francisco Serrano Castilla, Manuel Aznar Gómez-Acedo e Enrique Mariñas Romero (o director de RNE na Coruña).
 

  Pero a inauguración solemne tivo lugar o sábado 7 de setembro de 1963. En representación do Caudillo acudiu o ministro Fraga, acompañado de numerosas autoridades. Ademais dos que xa estiveran unha semana antes con el, nesta ocasión tamén foron o Capitán da VIII Rexión tenente xeneral López Muñiz, o gobernador militar xeneral Permuy, o xefe do Estado Maior da Rexión xeneral Chamorro, o xefe superior de Policía Mariano Cabrero Hernández, o delegado de Vivenda Luis Carreras Presas, o conselleiro do Movemento Rafael Salgado Torres, o presidente da Deputación Rafael Puga Ramón, os alcaldes da Coruña, Santiago e Ordes (Eduardo Sanjurjo de Carricarte, Ángel Porto Anido e Juan Liñares Castro) e varios directores e personal de emisoras radiofónicas. E por suposto unha autoridade relixiosa, neste caso o bispo auxiliar Dr. Miguel Novoa Fuentes, que sería o encargado de bendicir o lugar.
  Todos eles percorreron as instalacións mentres Fraga lles explicaba as súas características e como funcionaban. Despois o bispo procedeu á bendición dos locais aos que accedeu por segunda vez.
  O ministro pulsou o botón que poñía en funcionamento a emisora e o primeiro que se escoitou foi o himno nacional. Logo o locutor Emilio Díaz anunción o fin das emisiones experimentais e a lectura dun discurso do Caudillo.
 
  Al inaugurar las nuevas instalaciones de Radio Nacional de España en La Coruña, que vienen a sustituir a las que durante largos años han prestado servicios en el campo de la radiodifusión a nuestra Patria, quiero recordar que la emisora que ahora va a ser sustituida, o mejor relevada, ha sido la que en los días de nuestra Cruzada transmitió desde Salamanca primero y desde Burgos después los triunfos de las armas nacionales y por cuyos micrófonos se dio lectura al último parte de guerra anunciando la victoria de todos los españoles.
  De ahí que todos nos sintamos vinculados sentimentalmente a esta histórica emisora que ahora tiene su prolongación en esta otra del Mesón del Viento que comienza a funcionar con gran potencia en este periodo de la Paz en España, esta paz que fue hecha posible por aquella victoria, para señalar un hito importante en la gran labor que mi gobierno viene realizando en el ámbito de la radiodifusión. A través de ella, una región tan importante cual esta de Galicia, llegará a toda España para unirse en el éter con las de otras regiones donde ya existen emisoras potentes o que serán montadas en el futuro inmediato.
  Estas instalaciones cuentan con un moderno equipo técnico; pero no es la técnica sino el espíritu de los que la manejan lo importante en esta clase de servicios. Tengo la seguridad de que el mismo afán y entusiasmo que animó al personal de la vieja emisora durante muchos años, serán los que mantengan la solera de esta otra que ahora inicia su funcionamiento en este punto del Noroeste de España.
  Esta nueva emisora cubrirá la extensa y poblada zona de Galicia y provincias limítrofes y la práctica demostrará que su radio de acción será mucho más amplio para convertirse en un vínculo más que una a todos los hombres y todas las tierras de España.
  Al inaugurar la nueva emisora de Radio Nacional de España en La Coruña desde su centro emisor del Noroeste me es muy grato enviar un saludo cordial a todos los españoles de dentro y fuera de nuestras fronteras.
  ¡Arriba España!
 
  Logo do discurso de Franco, o ministro Fraga deu outro (á súa alta velocidade acostumada) sospeitosamente parecido ao anterior -probablemente el escribira os dous- onde recordou que a emisora substituída foi a que transmitiu en Salamanca e Burgos na Guerra Civil e que a modernización era un logro para Galicia e para toda España. Rematou agradecendo aos concellos da Coruña e Ordes e á Deputación as facilidades que deron e felicitou a todo o persoal que colaborou na tarefa.
  O acto concluíu coa interpretación do himno español.
 
  A emisora Westinghouse tiña unha potencia de 100 Kv e unha longa antena de 117 metros afirmada con cables nun terreo de 4 hectáreas, que contiña baixo a súa superficie 10.000 metros de cobre que forma a rede terrestre. Tamén tiña unha poderosa subestación de transformación con capacidade de ata 4.000 K.V.A. e dúas liñas de transporte para asegurar a subministración de enerxía eléctrica á emisora.
 

martes, 25 de noviembre de 2025

A voda Raña Garza

  Só unha voda saíu na prensa durante o ano 1963.
  A principios de setembro na Igrexa parroquial de Ordes celebrouse a unión matrimonial de María Amelia Garza del Río con Pedro Raña Dafonte. Ambos tiñan en común que a profesión dos pais era o maxisterio. Mª Amelia era filla da mestra de Ordes, Amelia del Río Rey, e do militar Adofo Garza Gutiérrez, falecido en 1947. Pedro, pola súa banda, era fillo dos mestres de Deixebre Pedro Raña Couselo e Dolores Dafonte Fernández. Por certo que un dos irmáns de Pedro, Ángel (1926-2003), sería funcionario da sucursal ordense da Caixa de Aforros de Santiago e a súa irmá máis nova, Mª Cruz, casaría co mozo de Ordes José García Sánchez, irmán da profesora doña Encarnita, e que era propietario da ferraxería que houbo na rúa Lagartos, preto do cruce.
  
   A noiva vestía traxe de brocado e veo longo de tul ilusión. Daba o brazo ao tío e padriño de pía de Pedro, Guillermo Dafonte Fernández, comerciante da Coruña. O noivo entrou acompañado pola nai da súa futura esposa, Amelia del Río Rey, mestra nacional.
  Santificou a unión o sacerdote don César Raña Dafonte, irmán do noivo. Durante a cerimonia Manuel Prado Regueiro, íntimo amigo da parella, interpretou diversas composicións de música sacra. Portaban as arras e aneis os "anxelicais nenos" Maribel García del Río e José Ángel Raña Caamaño.
  Asinaron como testemuñas Manuel Castromil Fraga, José, Jesús e Manuel Rieiro Alvite, Ángel García Valcárcel, Jacinto García Quintas, Ángel Carracedo Torreira, Emilio del Río Sánchez, Pedro e Benjamín del Río Rey, Jaime Veiga Barreiro, Ángel Raña Dafonte, Amancio Espiñeira Pellit, Ramón Fernández Arias, Antonio García Calo, Antonio e Luis Astray Rivas, Antonio del Río Rial, Adonis Bonome, Pedro Garza del Río e Juan Manuel del Río Mosquera.
  Os numerosos invitados foron obsequidos cunha cea no restaurante Nogallás. Os novos esposos saíron en viaxe de lúa de mel polas Rías Baixas e varias capitais.
 
  O matrimonio estableceuse en Sigüeiro onde Pedro traballou na sucursal de Caixa Galicia. Menos de tres décadas despois morreu con só 54 anos en xuño de 1990, deixando tres fillos: Pedro Ángel, Lucía e Adrián Raña Garza.

sábado, 22 de noviembre de 2025

Castro de Carrás

  A parroquia de Montaos tivo moita historia pero o que non tivo foi a capacidade para conservala en bo estado.
  Ao norte de Fosado, despois da última casa, había un castro -chámanlle o Castrelo- pero na actualidade só queda un anaquiño do parapeto que protexía a zona sueste, polo que non se pode establecer cales serían as súas dimensións. No que supoñemos que era a croa atopáronse varios fragmentos cerámicos de moita antigüidade.
  O castro do Dono, que estaba case fronte á igrexa parroquial ao outro lado da estrada N-550, está practicamente destruído desde os anos 60 do século XX. No lugar que ocupaba agora hai varias casas e os terreos que lles pertencen. Calcúlase que tería uns 155 metros de norte a sur e uns 100-110 de leste a oeste. Segundo comentarios dos veciños máis vellos contaba cunha muralla de pedra e terra.
 

  Bastante mellor (pero non demasiado) está o castro de Carrás ou dos Carrás, que podemos atopar a só uns 150 metros ao sur do núcleo e algo ao oeste do Camiño Inglés.
  Como podedes ver no mapa hipsométrico (en verde), onde o Camiño é ese gran suco que vai de norte a sur, só se conserva unha pequena parte do que sería o parapeto do castro, a zona oeste e sur. O resto foi arrasado no pasado e hoxe o interior forma parte dunha parcela moito máis grande. É difícil así determinar o tamaño que podería ter, pero probablemente non pasaría dos 7.000 ou 8.000 metros cadrados (entre 11 e 13 ferrados).
  Foi achado nel un muíño de man.
  Ao contrario que outros moitos castros da zona, é moi doado atopalo. Se chegamos aos Carrás desde Santa Cruz, fronte ao alpendre de bloques da segunda casa (a que ten cor amarela) collemos un camiño á dereita. Este camiño despois dunha gran curva xa nos leva directamente á entrada da leira que abrangue o castro. Avanzamos outros 50 ou 60 metros e xa podemos ver o parapeto cuberto de arborado. Subir por el e cruzar para o outro lado xa é opcional e só para os que sexan un pouco cabras. 
 

martes, 18 de noviembre de 2025

Sufrindo a taxa de rodaxe


  Nos anos 60 a mecanización no agro avanzaba imparable pero os carros de vacas aínda eran os reis indiscutibles da paisaxe. A gran maioría dos campesiños tiñan (polo menos) un carro de dúas vacas e só os máis pobres tiñan carro dunha soa vaca.
  Do mesmo xeito que agora os coches pagan o imposto de circulación, os campesiños tamén tiñan que pagar o denominado "Derecho o tasa sobre rodaje y arrastre por vías municipales". Os alcaldes de barrio eran os que levaban a conta dos carros que había e informaban ao funcionario correspondente para que ninguén se librase do imposto. A cantidade variaba segundo o concello. En Ordes en 1962 a taxa custaba unhas 25 pesetas.
  Pero a situación empeorou en 1963. A Corporación municipal, reunida o 18 de xaneiro, decidiu a modificación da ordenanza fiscal número 18, impoñendo conceptos que antes non figuraban e ampliando a contía das tarifas: 100 pesetas para os carros dunha soa vaca, 200 para os de 2 vacas e... 300 para os de 3 vacas! (sería por se existía algún de casualidade, supoño). Deste xeito acabarían recadando 306.500 pesetas!
 
  Esta tremenda subida, máis onerosa se temos en conta que moitas casas non tiñan un só carro, provocou unha gran indignación no campesiñado ordense, indignación que recolleu o xornal Campiña na súa edición de outubro. E xa tiña que ser grande para que un medio oficial se fixese eco dela naqueles tempos de ditadura.
  Os campesiños queixábanse (e con razón) de que cando a Facenda municipal necesitaba diñeiro botaba man do recurso máis fácil: obtelo do sufrido labrador. A pregunta lóxica era como os concelleiros representantes dos labradores non se opuxeron a un imposto sobre rodaxe dunhas vías municipais (inexistentes na práctica) e non tentaron recadar esas 300 mil pesetas por outros medios.
  A resposta era moi sinxela: a Corporación municipal estaba integrada por un avogado (o alcalde Juan Liñares), 5 industriais, 3 empregados ou funcionarios, un propietario e... un só labrador pero todos da vila ou parroquia de Ordes. Ningunha outra das 13 parroquias estaba representada.
  Por suposto houbo que roelo, pero o feito de que a indignación popular non se expresase unicamente nas conversacións das tabernas e chegase ata un medio escrito era indicativo de que, como dicía Bob Dylan, "os tempos estaban cambiando" e unha nova realidade estaba abríndose paso.

sábado, 15 de noviembre de 2025

Parroquia de Galegos (Frades)


   A parroquia de Galegos está situada ao oeste do concello de Frades, lindando con Barbeiros (Ordes) e Marzoa (Oroso). Ao norte, leste e sur linda con Mesos, Frades e Moar respectivamente.
  Ocupa 7,68 Km² que supoñen o 9,4% do total municipal e ten unha forma irregular, vagamente rectangular e apaisada. O terreo vai descendendo desde case os 385 metros de altura no sur e leste ata os pouco máis de 250 no noroeste e oeste por onde discorre o río Samo que serve brevemente de fronteira con Barbeiros. As cotas máis altas están ao sur (Couto de Vilarello con 384 m) e nunha pequena elevación que vai de norte a sur desde o Carqueixal ata os Montes de Portamión.
  O principal curso fluvial é o Samo, que ten como afluentes o rego Vermello (fronteira con Mesos ao nordés) e o rego do Mouriño máis no centro.
  A principal vía de comunicación é a DP-3802 (a estrada de Ordes a Ponte Carreira), que se localiza ao sur da parroquia facendo fronteira con Moar. Dela saen cara ao norte varias pistas. As tres máis occidentais unen os principais nucleos de poboación. O resto son pistas con orixe na concentración parcelaria coa súa típica trama en cruz.
  Esta estructura viaria  e poboacional determina os usos do solo. En torno aos núcleos hai amplas áreas de pasteiros e leiras de millo, mentres no oeste (a carón do Samo) e sobre todo no sur e leste hai grandes extensións de arboredo, polo que mais da metade do terreo está destinado a uso forestal.
 

  Apenas ten 8 núcleos de poboación (a 2ª parroquia de Frades con menor número) e moi desigualmente repartidos. Case todos están ao oeste, nunha imaxinaria franxa diagonal paralela ao Samo e entre 300 e 800 metros distante del. Só o núcleo de Vista Alegre que se dispersa a carón da estrada principal supón unha excepción. A zona máis cercana ao Samo, o sur, centro e leste están totalmente despoboadas.
  A capitalidade está no núcleo do Pazo, onde podemos atopar a igrexa parroquial (un pouco apartada, iso si) co seu cruceiro, o campo da festa, o pazo e os lugares de recreo.
  A poboación é moi escasa e decrecente. No ano 2001 había 289 habitantes e no ano 2024 só eran 209, ou sexa uns 27 habitantes/Km². O Pazo con 67 moradores e Reboredo con 66 supoñían o 63% do total parroquial. A Ponte e O Outeiro pola contra eran os núcleos con menos xente.
 
Núcleos: O Barreiro, O Castro, O Outeiro, O Paraxón, Pazo, A Ponte, Reboredo e Vista Alegre.
 

  A parroquia estivo habitada desde a prehistoria como testemuña o castro de Galegos que está uns 500 metros ao sur do Pazo.
  Na Idade Media debeu recibir o seu nome "Galegos" probablemente por contraposición á parroquia veciña de Barbeiros onde se asentaron forasteiros que eran coñecidos despectivamente como ‘bárbaros’.
  No Antigo Réxime Galegos pertencía á xurisdición de Folgoso. En 1607 Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del Arzobispado de Santiago" informa que tiña 24 veciños (uns 108 habitantes), máis que Mesos pero menos que todas as demais parroquias circundantes. Nese século XVII edificouse o Pazo de Galegos.
   No Catastro del Marqués de La Ensenada do século XVIII os habitantes declararon ser de señorío do Conde de Altamira a quen lle pagaban impostos. Tamén mencionaban ao propietario do pazo, entón don José Pimentel, que vivía na cidade de Ourense. Eran uns 26 veciños (+- 100 habitantes) que cultivaban coles "gallegas", trigo, centeo, millo, millo miúdo, fabas, castañas, liño... Había unha soa taberna que traballaba un tal José Cancelada (veciño de Barbeiros) que lle regulaba cada ano 120 reais e varios artesáns como xastres, unha tecelá  e ata un zapateiro, Vicente Míguez, que tamén era gaiteiro. Un dato positivo era que non había ningún "pobre de solemnidade".
  A principios do século XIX créanse os primeiros concellos. Galegos queda incluído no de Folgoso, pertencente ao partido de Poulo. En 1835-36 tivo lugar a división municipal definitiva e a conseguinte creación do concello de Frades. En 1847 o Diccionario de Madoz infórmanos que agora os veciños eran 43 (arredor de 227 habitantes -máis que na actualidade-), que cultivaban centeo, trigo e millo ademais de gando e caza. Engade que había tres fontes de auga e dous muíños fariñeiros por toda industria e que o comercio reducíase á importación de viño e augardente.
  En 1873, época na que era párroco don Santiago González Rúa, os habitantes baixaran a 180. Tamén sabemos que en 1887 era alcalde de barrio Andrés Pazos.
  Galegos iniciou o século XX sendo parroquia filial de Marzoa. Polo Anuario Riera coñecemos que en 1911 os habitantes da parroquia aumentaran de novo, chegando outra vez aos 227 do século XIX. Había un muiñeiro, Vicente Rodríguez, e o sacerdote era o de Marzoa, desde 1903 don Juan Fontela. 1914, o ano da 1ª GM, foi moi importante para Galegos porque o dono do pazo, Emilio Folla Jean (m.1932), vendeuno en xuño a Maximiliano Linares Rivas (m.1932), alcalde do Ferrol e da Coruña. Por suposto todos os colonos eran tamén "vendidos" con el.
  En 1928 a poboación non aumentara, había 42 casas na parroquia (29 de planta baixa e só 13 cun piso) e unha escola no Outeiro que entón xunto co Pazo e Reboredo eran os tres lugares máis importantes e concentraban case o 75% da poboación.
  O Alzamento de 1936 non afectou especialmente a Galegos e non hai constancia de ningún morto na posguerra, que foi tan dura como no resto da comarca.
  A sorte cambiou en 1966 cando a propietaria do pazo, Rosario Linares-Rivas Amil-España cedeullo en xullo á congregación de monxas de Santa Dorotea. A súa presenza foi vital para o desenvolvemento da parroquia. Dirixiron unha escola para os nenos do lugar, cederon os terreos e as casas aos 19 caseiros que había e venderon a baixo prezo os terreos para que outros 29 mozos edificaran as súas casas. Tamén doaron á asociación de veciños os terreos para o campo da festa e logo a Fraga do Petón.
  En 2024, Remedios Miguélez, a última das monxas doroteas que vivía en solitario no pazo, abandonouno o día 31 de agosto. A congregación estaba perfilando a cesión do pazo ao Concello de Frades. 

martes, 11 de noviembre de 2025

Festas de 1963


  As festas patronais de 1963 volveron a estar organizadas como as de 1962 polo concelleiro José Galán López (1923-1980) e despois de moitos anos celebrando 4 días, esta vez volveron a durar cinco. Na entrevista que apareceu no xornal La Noche Galán comentou que o orzamento era de 125.000 pts, das que 90.000 eran aportacións do concello e dos veciños, mentres o resto era pagado polas atraccións. Non obstante case nunca o recadado chegaba para cubrir gastos. 
 
 Aquel ano 1963 o noso dramaturgo particular, Víctor González, dera a luz "El Tenorio resucita", obra de tres actos en prosa e verso. Foi estreada a beneficio das festas con Marisol Amor Carreró e Mario Liñares Stolle de protagonistas. Entre os 21 actores tamén estivo, como non, o propio Víctor.
 
  O mércores 14 as festas comezaron pola mañá con repenique de campás, bombas e gaiteiros percorrendo as rúas. Ás 6 da tarde fixo a súa entrada na vila a Banda de Arca que ás 10 da noite sería a encargada de amenizar a primeira verbena nocturna na Alameda. A iluminación estivo a cargo do empresario Eliseo Blanco Rial.
  O xoves 15 houbo dianas e alboradas ás 9 da mañá a cargo da Banda de Arca. Ás 2 da tarde concerto da banda e presentación da prestixiosa orquestra Los Satélites. Ás seis da tarde partido de fútbol entre o R.C. Deportivo e a S.D. Compostela.
 O partido foi un paseo para o Deportivo. O Compostela que remataba de ascender a 3ª División perdeu por 4-0 e só nos últimos 15 minutos se librou un pouco do dominio coruñés. Marcaron os goles Terrén, Beci, Lamelo e novamente Terrén. Destacaron as novas fichaxes do Deportivo como Manolete, Pito, Guitián, Paganini e Pellicer que ao igual que os veteranos xogaron a pracer, gañando o "III Trofeo Ayuntamiento".
   Ás 7 da tarde houbo un baile de tarde e verbena ás 11 da noite.
  O venres 16 foi similar ao día anterior, pero en lugar de fútbol houbo concurso de tiro ao prato.
  O sábado 17 ademais dos bailes con banda e orquestra houbo concurso de tiro ao pichón.
  O domingo 18 foi un día dedicado á vila de Padrón (que devolvería a xentileza en marzo de 1964). Recibiuse á súa Corporación á unha da tarde e comezou á unha e media o concerto da Banda de Arca. Ás 6 da tarde houbo un partido de fútbol entre os equipos xuvenís do Órdenes e do Flavia e unha xincana motorista! na Alameda. A verbena volveu a estar a cargo da Banda de Arca.
 
  Unha vez máis o xornal santiagués La Noche dedicoulles ás festas un especial de 4 páxinas onde, ademais do programa e a entrevista con Galán, había os habituais artigos de Máximo Sar, Víctor González, Fausto Blanco e mesmo un do neno José R. López Brey.
 
 A entrevista máis interesante era a que lle facían a Julio del Río, entón un mozo de 26 anos que levaba 13 meses emigrado a Alemaña. Marchara xa con contrato e traballaba como soldador de estaño para a empresa "Karmann" que facía a montaxe de coches como Volksvagen ou Porsche. Vivía na cidade de Osnabrück nunha residencia da mesma factoría con habitacións de 2 e 4 camas e gañaba unhas 8.000 pesetas mensuais (descontada a habitación) e sen contar horas extras. Para dar unha idea do abundante que era a emigración a Alemaña e Suiza nos anos 60, só en Osnabrück había uns 2.000 españois dos que uns 80 eran galegos. Tamén estaba emigrado en Düsseldorf o seu irmán maior Manuel. Julio aspiraba a volver a Ordes unha vez aforrara o suficiente e establecerse pola súa conta.
  Como moitos xa saberán ese desexo cumpriuse: Julio volveu, montou un taller a carón da súa casa  e logo un concesionario Citroën no polígono. Casou con Jesusa Viqueira (irmá de Toribio das gasosas) e tería 2 fillas e un fillo.
 
  Tamén había o habitual repaso á situación da vila e do concello. A iluminación pública era exemplar pero os problemas coa electricidade eran continuos, especialmente en inverno onde os apagóns día si e día tamén eran a norma.
  O aparcamento no centro da vila comezaba a ser un problema, así que xa se pensaba en habilitar unha zona na beira da Alameda (pero iso non sucedería ata catro anos despois).
  Outro problema era o ensino medio. Había o desexo máis que o proxecto de crear un instituto, xa que só se contaba coas Academias Balmes (adherida a CEAC) e Álvarez (máis coñecida como de Fausto). Igualmente pasarían 3 anos ata ter "A Cárcel" funcionando como academia e 18 ata que nacera o instituto.
  Na parte positiva o novo servizo de Extensión Agraria concitaba eloxios.
  VILAGU, a fábrica de Viriato, tiña xa 50 empregadas e contaba cunhas naves amplas e luminosas e coa maquinaria máis moderna, "organizando o traballo segundo normas racionais de productividade". Para o redactor era un modelo a seguir no concello.
  E remataba falando do edificio que se estaba construíndo case fronte á igrexa parroquial (supoño que o de José Veiras Bello o Pardiñao), que espertaba o interese e as conxeturas dos ordenses sobre o seu destino.

jueves, 6 de noviembre de 2025

O apelido García


  García é o apelido español por excelencia, de orixe prerromano (quizais íbero-aquitano) e cun significado probablemente relacionado con ‘oso’. Segundo o INE e o máis numeroso en España con máis de 2,8 millóns de persoas levando este apelido (77.000 por partida dobre). En Galicia, como vedes no mapa, tamén é moi habitual con case 157.000 portadores, pero está por detrás de Rodríguez, Fernández, González e López.
  Non obstante, a comarca de Ordes parécese máis neste sentido ao promedio español porque volve a ser o máis numeroso en conxunto e tamén é o primeiro nos concellos de Cerceda, Frades e Ordes. Neste último hai máis de 770 portadores do apelido, aínda que a porcentaxe máis alta está en Frades.
 
  Con este alto número é evidente que tivo que haber moitos Garcías destacados na historia de Ordes, aínda que a maioría viviron nos anos finais do século XIX e primeira metade do século XX.
 
Manuel García Bermúdez
(1857-1944) foi un dos homes máis ricos do concello, banqueiro -corresponsal do Banco de España e do Banco Pastor-, propietario de moitas terras no centro da vila e da tenda de tecidos "Casa Carballo" (onde agora está o supermercado Froiz). Por suposto tamén estivo metido en política e chegou a ser alcalde brevemente en 1920. O seu fillo Andrés morreu moi novo, deixando un fillo chamado Manuel Gª Gerpe.
Manuel García Gerpe (1908-1949) foi avogado e político, líder de Esquerda Republicana en Ordes. Afortunadamente o Alzamento sorprendeuno cando estaba en Madrid, así que salvou a vida, pero logo enfrontou os campos de concentración en Francia e o exilio en Arxentina onde morreu.
Juana García Mouriño a señora Juana (1881-1969), outra filla de Manuel García, casou en 1900 co procurador Pedro Concheiro Rodríguez (m.1922) e foi a matriarca da familia Concheiro García os de Carballo. Como el morreu moi pronto, ela foi a que levou as rendas do negocio familiar.
 
José García Álvarez, natural de Avilés, foi tamén un home moi rico. Era notario do partido e cobrou moitos servizos en terras. Morreu en 1925, o 1º falecido (que saibamos) en accidente de tráfico en Ordes. A súa muller, Carmen del Río -de Mesía-, e a súa filla Carmen morrerían antes, en 1918, na célebre epidemia de gripe "española". O seu fillo José García del Río (1902-1987) foi inspector de Abastos, capitán de cabalería, procurador e mestre, pero xa pasou a maior parte da súa vida fóra de Ordes e morreu na Coruña.
José García Barros
(m.1923) foi un avogado santiagués e ademais xornalista da "Gaceta", que se estableceu en Ordes onde tamén exerceu de xuíz municipal.
Manuel García Rivas, tío de Domingo García Sabell, foi procurador en Ordes e viviu na que fora a casa de Saturnino Aller (e logo futuro Nogallás). Do ano 1925 ao 1929 (polo menos) foi alcalde de Ordes. Durante a breve época da Fronte Popular sería delegado gobernativo. Despois da guerra marchou da vila e estableceuse en Santiago, onde morreu.
José García Fernández (1894-1937), natural de Almería, foi un mestre que exerceu en Ordes e tamén un dos dirixentes da Fronte Popular. Despois do Alzamento foi detido e sería un dos fusilados en febreiro de 1937 en Boisaca.
 
Houbo outro José García Fernández (1877-1953) menos coñecido, que foi o pai de Alfreda García Gende Freira ou Fleira (1910-2001), unha das panadeiras máis famosas de Ordes porque o seu establecemento estaba fronte á Alameda. Do seu matrimonio con Andrés Blanco, tivo catro fillos, entre eles o procurador e empresario Fausto de Fleira.
Marcelino García Campelo (1918-1989), procedente de Mercurín, casou con Pepa de Luis (Alfonso Senra 35) coa que tivo varios fillos. Un deles é o moi coñecido fontaneiro Juan García Eirín, cuxos fillos son García Sánchez.
 
No Alto naceron os irmáns García Calvo (Jesús, Manuela, Jesusa, Estrella, Concepción, José e Ricardo). Jesús e Manuela casaron con dous irmáns (María e Manuel Regos Barreiro Rúa do Casal) e viviron os dous no Casal. Estrella viviu na Salgueira. Quizais o máis coñecido foi José García Calvo (1920-2009), zapateiro que tivo o seu taller en Alfonso Senra 1 e casou con Dorinda López Recouso (filla do burraxeiro de Loureda).
 

Pero indudablemente a familia con máis sona que leva este apelido en Ordes son os Gharcías do Casal, que xa vivían alí desde principios do século XIX polo menos. José García Boquete (1874-1955) casou con Manuela Varela Méndez (1882-1965) e tiveron 8 fillos. O máis coñecido foi o primoxénito, José García Varela (1906-1962) que aprendeu o oficio da construción co meu bisavó Juan Ferreiro Franqueira. Despois voou pola súa conta e sería quen edificaría a Casa do Concello e "A Cárcel" (logo Academia de Arriba) entre outros. Non menos coñecidos son os seus fillos, José García Sánchez, propietario da ferraxería que había na rúa Lagartos e Encarna García Sánchez, a profesora doña Encarnita.
 
En Castrelos teñen a súa orixe os Gharcías de Leira, que son fillos do capataz de legoeiros (en castelán "peones camineros") Manuel García López (1905-1996) e de Manuela Gómez Gaudeoso. Manuel tivo a xenerosa idea de construír un edificio na Prolongación dos Lagartos para que vivira nel a súa prole. Así que alí estiveron ou están 6 dos irmáns. Dúas quedaron en Castrelos e outro, José María García Gómez (1938-2005), o 5º irmán, casou con Avelina Caamaño Louro, filla de Ricardo Caamaño e María Louro, os propietarios desde 1960 dun bodegón de viños e tenda-para-todo na entón rural A Corveira-Vilaboa, que en 1974 daría orixe ao "Restaurante Caamaño".
Aínda que coínciden nos apelidos, Ricardo, Manuel e Juan García López non eran irmáns do legoeiro. Os dous primeiros viviron en Loureda, casados con Emilia Candal Fernández e Isolina Presedo Rivas, e o último no Piñeiro de Mercurín e estaba casado con Genoveva Castro García.
 
Na comarca tamén hai moitos personaxes co apelido García, destacando o empresario fradense Ramón García Francos e os alcaldes de Cerceda José García Liñares e o seu sucesor Juan Manuel Rodríguez García.