viernes, 29 de agosto de 2025

Ensino medio en Ordes

 
  Na primeira metade do século XX a situación do ensino medio na maior parte de España era deplorable. Só había institutos (e poucos) nas capitais de provincia ou en cidades de certa importancia como Santiago. Deste xeito os rapaces do rural non podían aspirar a estudar bacharelato e moitos, especialmente as rapazas, ata tiñan problemas para ter estudos primarios.
  A única solución, e só para familias de bo nivel económico das vilas, era pagar unhas pasantías e logo ir facer os exames na cidade para acadar o título de bacharelato.
  En Ordes, do ano 1916 a 1944, viviu o mestre máis coñecido da nosa historia: Nicolás del Río Castelo. Deu clase a centos de escolares e pasantías aos fillos das familias máis podentes de Ordes, aos que despois acompañaba en xuño ou en setembro ata Santiago cando facían os seus exames, como podedes ver neste artigo do xornal El Compostelano de 26 de setembro de 1924.
 
  En los exámenes que se vienen celebrando en el Instituto Nacional de 2ª enseñanza de esta ciudad han obtenido las honrosas calificaciones: dos sobresalientes, seis notables y cuatro aprobados los alumnos Nicolás del Río Barros, Rafael Álvarez Salgueiro, Juan Liñares Castro, Ángel Mariño Vilela, Manuel Álvarez Salgueiro y Leonardo García del Río, los cuales fueron preparados por el maestro nacional de Órdenes y corresponsal nuestro, D. Nicolás del Río Castelo, a quien felicitamos lo mismo que a sus alumnos.
 
  O estandarte de don Nicolás foi recollido a finais dos 40 principalmente por Mariano del Amo Algara, irmán do famoso director de cine Antonio del Amo. Don Mariano fora director de Institucións Penitenciarias na República en Valencia. Proba do seu bo carácter é que os presos que estaban ao seu cargo asinaron unha petición para que non fose represaliado cando o bando nacional chegou á cidade. Casou con Marina Pol Amor e o matrimonio viviu no que hoxe é Alfonso Senra 65. Detrás desa casa nunha pequena construción tivo a súa primeira academia (a da foto) ao lado dun horto onde nos seus ratos libres plantaba patacas, pementos... e onde había tamén unha pereira.
  Posteriormente nos anos 50 montou a Academia Balmes na rúa Rosalía, nunha casa que pertencía a Pazos. Esta funcionaba en réxime de padroado. Como anécdota había unha profesora moi guapa, doña Erundina, que traía tolos aos rapaces. 
 
  
   
Manuel Moar Martínez: D. Mariano era un home honesto, culto, noble, dialogante e xusto que tiña un ideal democrático e republicano. Lembro unha frase que me dixo a mín e que xamais esquecerei: "Respeta y serás respetado". Nos intres en que os rapaces o faciamos enfadar tiña unha expresión sempre presente que era "¡Demonios encendidos!".
José Manuel Verea Rumbo: D. Mariano formó en su academia, y después en la Academia Balmes a generaciones. Creo que es comparable a D. Nicolás del Rio. No sé si tenía alguna carrera, pero si una cultura terrible. Lo recuerdo en la academia Balmes y substituía a cualquier licenciado de los que había, y tanto te daba clase de francés o inglés como física, historia o griego. Lo pueden acreditar otros alumnos. Enseñaba con sus charlas informales, fuera de las clases, muchísimas cosas, con los paseos a que nos llevaba a lo que él llamaba la "Robleda", que es la fraga que había en el Piñeiro, intentaba que los alumnos conociesen y reparasen en el campo y que nos aficionáramos a la gimnasia, cosa que en aquellos tiempos era algo raro. Desde aquí mi reconocimiento a D. Mariano.
 
  Tamén podemos citar a Ramona Pérez Arcay doña Moncha (1917-1968), muller do garda civil Jesús Quintela Regueiro, que deu clase na hoxe rúa Ramón Carro no que pomposamente ela chamaba "Colegio La Inmaculada", aínda que tamén estivera nunha casa dos Mariños das Corredoiras e antes aínda no antigo Campo da Feira.
 
  En 1940 só cursaban ensino medio o 12 % dos alumnos, porcentaxe que subiu en 1950 ao 19 %. En febreiro de 1953 promulgouse a Ley de Ordenación de la Enseñanza media, que tiña como obxectivo principal a expansión do Ensino Medio. Para acadar esa meta implementouse unha medida que resultou moi efectiva: dividir o bacharelato en dous niveis, elemental (4 cursos) e superior (2). Así os rapaces ata 1976 estudaban 4 cursos de Primaria obrigatorios. Logo dunha Reválida podían estudar 4 anos de bacharelato elemental, 2 de bacharelato superior (5º e 6º) e só se querían entrar na universidade un curso que entón se denominaba PREU (e máis tarde sería chamado COU).
  Pero o obstáculo seguía sendo o mesmo: a principios dos anos 50 só había en España 900 colexios privados e 120 institutos públicos pero moi mal repartidos. O ministro Ruíz Jiménez salientaba que había numerosas vilas de máis de 20.000 habitantes sen instituto nin institucións privadas importantes. Iniciativas como os estudos nocturnos e as chamadas "Seccións Filiais" paliaron algo o problema nas cidades, pero no rural seguían tendo que estudar por libre como 30 anos atrás, así que só o podían facer os alumnos de altos recursos. De todas formas a mellora económica notouse e no ano 1960 a porcentaxe de alumnos xa subira ao 36 %.
  En xuño de 1960 deuse un novo paso: a creación dos CLA (Colexios Libres Adoptados). O Ministerio pretendía que todas as cabezas de comarca e localidades importantes tivesen un CLA. En colaboración co concello que debía aportar un edificio de polo menos 4 aulas para 25 alumnos, outras salas necesarias e mobiliario e aceptar ao director e vicedirector que o Ministerio impuxese.
  Desta forma deuse un serio impulso ao ensino medio no rural. A estrutura previa de pequenas academias informais de ensino libre transformouse noutra de colexios semioficiais que dependían dun instituto. Os exames finais eran feitos por profesores do instituto matriz, pero no propio CLA (terreo amigo) e contando coa opinión dos docentes que os coñecían.
 

  Aquí aparece un novo personaxe: María de los Ángeles Álvarez Gil, unha profesora ourensá que casou con Fausto Valentín Blanco García, maís coñecido como Fausto de Fleira. El era procurador (e correspondente do xornal El Correo Gallego) e tiña unha gran visión comercial. Primeiro montaron unha academia detrás de Alfonso Senra entre o bar "7 mares" e a casa dos seus pais e logo trasladouse a unhas casiñas que aínda están en Vilar. Alí tamén montou un salón de baile aproveitando a incipiente movida daqueles anos. O nome oficial do centro era Academia Álvarez pero todo o mundo lle chamaba "Academia de Fausto" ou "Academia de Vilar".
  Foi o principal centro de estudo medio ata 1967 en que se empezou a usar como outra academia o edificio destinado a ser o cárcere do partido, que fora construído polo contratista José García Varela (1906-1992) -e que aínda non lle tiñan pagado-. Este centro sería agora un CLA dependente do Instituto Xelmirez de Santiago, pero popularmente sería coñecido como "Academia de Arriba" ou directamente "A Cárcel". A súa directora acabaría sendo a filla do construtor, Encarna García Sánchez, eternamente doña Encarnita.
  As medidas para dar impulso ao ensino medio foron tan efectivas que no ano 1970 a porcentaxe de alumnos subira a un espectacular 88 %.
 
  En 1971 Mª Ángelez Álvarez aprobou as oposicións, o que foi o principio do fin da súa academia, ao ano seguinte Fausto xurou como procurador na Coruña e así o curso 72-73 foi o último desta institución.
  Deste xeito "A Cárcel" quedaría como único centro de ensino medio ata decembro de 1980 en que os alumnos se trasladaron ao Instituto Público do Paraíso, aínda que a inauguración oficial sería en outubro de 1981. En 1998 cambiaría de nome a IES Nº 1, xa que en 1999 comezou a construcción doutro instituto na zona de Vilavaldés, que sería o IES Nº 2 e que empezaría a funcionar no curso 2000-01.

martes, 26 de agosto de 2025

Traxedia en Guindibóo


   O martes 6 de novembro de 1962 foi un día tráxico que tardaría en ser esquecido no lugar de Guindibóo.
  Alí vivía Manuela Juncal Pazos co seu fillo Francisco Iglesias Juncal. Este tiña 28 anos e estaba solteiro. Levaba ano e medio en Ordes despois de pasar tres anos en Venezuela, país ao que pensaba volver e para iso estaba a tramitar a documentación.
  O pozo da súa casa, que databa dos anos 20 ou 30, ultimamente estaba quedando sen auga a finais do verán. Así que Francisco tomou a fatídica determinación de profundar algún metro máis para evitar estes períodos de seca.
 Para este traballo buscou a axuda dun irmán maior, Manuel, e dun  amigo que era algo parente seu: Juan Juncal Corbelle, de 34 anos, casado  con Concha Villaverde Mosquera e con dous fillos de pouca idade (unha nena de 3 anos e un bebé de apenas dous meses).   
 
  Xa tiñan baixado ao pozo algunha vez para facer traballos de limpeza e comprobado que, debido aos seus 16 metros de profundidade, era difícil o labor por falta de osíxeno. Así que Manuel Iglesias quedaría no exterior proporcionándollo por medio dunha bomba a Juan e Francisco.
  Despois de deslizar unha lámpada para a iluminación, os dous homes baixaron por unha corda e puxéronse a picar. Durante uns 30 minutos a operación transcorreu sen problemas, pero sobre as 11 da mañá chegou a traxedia. Probablemente unha bolsa de gas metano estalou ao saltar unha faísca produto dun golpe de pica contra unha pedra.
  Manuel só viu o resplandor dunha labarada. Asustado, colleu terra e botouna ao pozo para sufocar as chamas. Efectivamente apagáronse, pero o fume impediulle ver nada. Logo chamou ao resto da familia e aos veciños pedindo axuda. Pero estaba claro que todo intento de baixar sería un suicidio porque obviamente había gas no pozo.
  Chegaron os gardas civís de Ordes ao mando do tenente José Vila López e o comandante de posto José Camba López, chegou tamén o xuíz de Instrución Martín Otero Fernández e chegaron logo os bombeiros de Santiago, pero non tiñan material adecuado para tal rescate.
  Houbo que recorrer á empresa Calvo Sotelo de Pontes de García Rodríguez que enviaría a Guindibóo unha parella do seu equipo de seguridade e salvamento e ao experto perito Antonio Abeijón.
  Pero mentres non chegaban, os veciños non permaneceran quietos e tiñan disipada a fumareda con longas ramaxes. Iso permitiulles ver os corpos carbonizados de Juan e Francisco. Ata baixaron, colgado dunha corda, un can da veciñanza para comprobar se seguía habendo gas. Foi subido uns 8 minutos despois con vida pero desmaiado, o que disuadiu aos máis temerarios de baixar ao pozo. Finalmente, ás 8 e media, xa de noite, chegou o equipo de seguridade. Inmediatamente un dos compoñentes, perfectamente equipado, baixou ao pozo e logrou facer subir os cadáveres.
  Con autorización xudicial foron trasladados aos seus domicilios. Dous días despois serían enterrados, evento que paralizou totalmente a parroquia.
 
  A familia Juncal Corbelle parecía estar marcada pola fatalidade. Outros dous irmáns morreron en distintos accidentes. Concha Villaverde Mosquera, a viúva de Juan, faleceu en 2008 aos 74 anos.
  Manuela Juncal Pazos, a nai de Francisco, morrería en 1975 e o seu fillo Manuel Iglesias Juncal morrería no ano 2006, mentres a muller deste, Estrella Juncal Grela, faleceu no ano 2014.

sábado, 23 de agosto de 2025

O ano 2011


  En xaneiro do ano 2011 espertou a Primavera Árabe: comezou en Túnez, que viu fuxir ao presidente Zine el Abidine Ben Ali (23 anos no poder), logo pasou a Exipto onde Hosni Mubarak tamén deixou o poder (levaba 30 anos). En febreiro chegou a Bahrein e a Libia, países nos que os gobernos desataron unha forte represión, mentres o rei de Marrocos Mohamed VI prudentemente anunciou un recorte dos seus poderes e unha reforma da Constitución. En marzo serían Siria e Yemen os que continuasen con protestas e represión. Mentres en Siria Bashar al-Ásad aguantou a pé firme, en Yemen Ali Abdalá Saleh acabaria renunciando despois de resistir un tempo. O Comité de Seguridade da ONU, mentres, aprobou usar a forza para intervir en Libia. Os rebeldes gañarían en agosto e, en outubro, o propio Gadafi foi capturado e executado. A primaveira tería un inverno amargo para Occidente: nas primeiras eleccións democráticas en Túnez o claro gañador foi "En Nahda", un partido islamista.
  Outras novas foron a Independencia de Sudán do Sur despois dun referendo, a renuncia de Fidel Castro, a morte de Osama Bin Laden, a victoria en xuño de Ollanta Humala en Perú (o 1º presidente de esquerdas democraticamente elixido) e o movemento Occupy Wall Street copiado de España, porque non hai que esquecer que seguía a crise económica global.
  A catástrofe máis terrible tivo lugar o 11 de marzo en Xapón co terremoto máis forte da súa historia e un devastador tsunami que provocou miles de mortos e arrasou o nordeste do país. Ademais provocou unha fuga na central nuclear de Fukushima.
 
  2011 foi o ano da divertida canción "Party Rock Anthem" de LMFAO e de "Rolling in the Deep" e "Someone Like You" de Adele, mentres en España escoitábamos "Solamente tú" de Pablo Alborán e comezaba o festeiro "Ai se eu te pego" de Michel Teló. En cambio o cine viu unha morea de secuelas moi taquilleiras (quizais a mellor Ghost Protocol) destacando apenas a orixinal Moneyball. Na TV apareceron dúas series míticas: Game of Thrones e Black Mirror.
 

España seguía sumida na crise económica, o que propiciou tamén unha crise política. As cousas pintaban tan mal que un devaluado Zapatero anunciou en abril que non se presentaría ás seguintes eleccións (o seu sucesor sería Rubalcaba). Os "Indignados" encheron as prazas de España e unha gran manifestación o 15 de maio daría ese nome (15-M) a un movemento do que nacería Podemos. As eleccións autonómicas e municipais dese mes constataron o mal momento do PSOE cunha enorme derrota. A outra gran noticia do ano foi que ETA anunciou o fin da loita, aínda que non entregou as armas. Para os fumadores tamén foi un mal ano porque en xaneiro entrou en vigor a nova Lei anti-tabaco que prohibía fumar en calquera lugar pechado. En novembro a prima de risco española acadou máximos históricos. No medio deste clima de intensa crise as eleccións xerais de novembro foron gañadas polo PP con maioría absoluta, iniciando así o goberno de Mariano Rajoy.
Galicia, que tamén sufría paro e declive económico, contemplou a inauguración da Cidade da Cultura sen tela acabada, pero o que máis tinta fixo correr foi o roubo do Codex Calixtinus na catedral. Para colmo chegaron as primeiras velutinas á costa de Lugo.
 
Ordes volveu a vivir un ano electoral, e aínda que houbo novas importantes no primeiro trimestre como a finalización das obras da cidade deportiva en marzo ou a inauguración do Museo Xoxardo, o pobo estaba máis atento aos movementos preelectorais. Repetían liderado Manuel Regos de UxO, Xesús Pedreira do PSOE e Gonzalo Castro do BNG (este último reforzado coa volta de Ramiro Recouso para o posto 3º da lista). José Luis Martínez Martís encabezaba o PP e a novidade sería a empresaria Ana Mª Álvarez Pérez (ex-PSOE) que se presentou por Cidadáns, partido entón en auxe. A campaña foi moi seguida e ata Alberto Núñez Feijoo veu dar un mitin a Ordes.
 

  As eleccións do 22 de maio tiveron unha participación histórica de máis do 80 % e clarificaron a situación: Regos triunfou, pasando do 23 ao 36 % dos votos e gañando máis de 1050 novos electores. Martís podía considerarse o outro gañador pois pasou do 19 % (de Martino) ao 35 % e o PP con el gañou 1.400 novos votos. Ana Mª Álvarez tampouco se podía queixar, pero para PSOE e BNG foi unha total derrota. O BNG baixou case 600 votos e perdeu un edil, mentres O PSOE (participando no goberno) perdeu 2 actas e case 900 votos.
 

ELECCIÓNS MUNICIPAIS de MAIO de 2011

Censo: 10.670

Votos totais: 8.581 (80,5 %)

Abstencións: 2.089 (19,5 %)

Votos en branco: 142 (1,6 %)

Votos nulos: 144 (1,6 %)

Concelleiros: 17

Partido

Edís

Votos

%

UxO

7

3.098

36,72

PP

6

2.956

35,04

BNG

2

955

11,32

PSOE

1

757

8,97

CideGa

1

529

6,27

 
  Non obstante Regos non tivo unha maioría tan clara como na primeira lexislatura. Silvia Marín non puido lograr máis que o apoio de Pedreira (ao que non lle quedaba outra), pero a oposición, se ben sumanba 9 edís por 8 do goberno, tiña demasiadas diferenzas como para aliarse permanentemente. De todas formas uníronse para botar abaixo algunha proposta do goberno como os soldos de dedicación exclusiva para dous concelleiros.
  O 13 de xuño, en cambio, houbo unanimidade para condenar un atentado con bomba contra a sede do PP ordense.
  A noticia máis dramática do ano chegou a finais de agosto e foi un accidente en Mercurín. Mª Isabel Gómez Villaverde (59 anos), a súa cuñada Jesusa Monje Guillín (49) e un sobriño das dúas, Antonio Gómez Juncal (40) morreron atropelados cando marchaban de noite a pé peregrinando cara a Caión. O enterro congregou á corporación municipal e a 3.000 persoas silenciosas e aturdidas pola magnitude da traxedia.
  Pero as festas non podían parar e houbo a habitual restra de celebracións ao longo do ano, entre as que destacaron a 4ª Gala contra o cancro e a mítica última edición de Brincadeira en Ordes encabezada por Europe. As festas patronais volveron a ter ás tres orquestras máis top: Panorama, París de Noya e Olympus.
  2011 foi bo no ámbito deportivo co equipo A.C. Órdenes de Hóckey acadando en Getxo o ascenso á 1ª División Nacional e o xuvenil do Ordes de fútbol o ascenso á Liga Galega.
  O fin do ano chegou novamente con polémica. Xa rematadas as obras do novo Consistorio, descubriuse (convenientemente tarde) que a Casa do Concello vella tiña uns preocupantes danos estruturais e era necesario reformala.

martes, 19 de agosto de 2025

Fusilamento en Sigüeiro

   Velaquí a transcrición dun documento que se conserva no Arquivo Histórico Universitario de Santiago (Fondo Castroviejo Blanco Cicerone) e do que me pasou unha copia Marco Antonio del Río Pardo.
 
Fusilamiento de dos facciosos carlistas
  En Sigüeiro a 2 de Diciembre de 1835, fueron fusilados ante el Juez de primera instancia de Órdenes D. Aquilino de Urenta? y el señor D. Capistrano Martínez Comandante del Destacamento del pueblo de Sigüeiro, Francisco Ríos, natural de San Clemente de Mercurín y residente en aquel entonces en Sta María de Budiño, y Juan Pombo, natural y vecino de Sta María de Bardaos lugar de Villarprego, que fueron fusilados en el pueblo de Sigüeiro en la fecha indicada, ante el excmo Diego Antonio? Vilarelle, fueron enterrados los facciosos en el frontis de la Ermita de Sta Catalina*. El Francisco Ríos es hijo de Manuel del Río y María Antonia García de Fuentes.
  Y el Juan Pombo es hijo de Rafael Pombo y Gregoria Liñares.
  Fueron cogidos en la Puente* en la larga de Castelo.
 
* A ermida de Santa Catalina estaba a carón da estrada e non onde se atopa a actual igrexa da Barciela.
  Posiblemente o lugar da Ponte na parroquia de Castelo (Trazo).
 
  Estes feitos encadránse na 1ª Guerra carlista. Tanto en Sigüeiro como en Leira había destacamentos de tropas gobernamentais para protexer o tráfico de viaxeiros e mercadorías pola estrada. O forte de Sigüeiro estaba preto da ponte. 
  Antonio María López Verea foi o primeiro xefe dunha partida carlista que operou pola zona ata a súa morte en 1836. En setembro de 1834 no propio Sigüeiro atacou a un par de militares e a un paisano e mutilou a outro soldado. En Santa Cruz de Montaos -lugar ideal por estar á mesma distancia dos destacamentos de tropas de Leira e Sigüeiro e pola costa que ralentizaba a velocidade dos vehículos- o 12 de decembro de 1835 atacou unha dilixencia fortemente protexida por entre 30 e 40 homes, matou a 7 escoltas e ao condutor e queimou a dilixencia.
  López Verea morreu en 1836 e foi substituído por Ramón Ramos, natural de Aiazo. As accións continuaron, así en febreiro dese ano houbo un sanguento combate en San Vicente do Pino e logo en San Mamede dos Anxos. O 11 de agosto de 1837 os "facciosos" Antonio Mosquera e Gabriel Salvado foron abatidos en Beán e houbo novos enfontramentos en setembro. Nese ano era habitual que as tropas de Sigüeiro fixesen unha ronda de vixiancia que pasaba por Poulo e Leira e volvía logo ao forte.
  En 1838 a acción máis importante foi o 1 de decembro o ataque a un convoi na Costa de Montaos. O  chamado Escuadrón de la Constancia, mandado polo tenente coronel Enríquez, no medio dun forte temporal, atacou o convoi, custodiado por forzas do 3º batallón do Rexemento de Castela ás ordes do capitán Víctor Velasco. O auxilio dun destacamento de cabalería mandado polo capitán Juan Antonio Cobián, conseguiu que o convoi seguise a súa marcha a pesar dos ataques carlistas. Neste combate morreu, entre outros, o capitán José Taboada, comandante do cantón de Melide.

viernes, 15 de agosto de 2025

Festa e vodas en 1962


  As festas do ano 1962 no foron organizadas por unha comisión de xente xoven da vila como era costume. Non sabemos os motivos, pero ninguén se decidiu a organizalas, así que o alcalde Juan Liñares nomeou como responsable ao concelleiro José Galán López (1923-1980), aínda que recibiu axuda doutros concelleiros. O orzamento foi dunhas 100.000 pesetas da época.
  O xornal compostelán La Noche dedicoulles un especial de tres páxinas, cheo de anuncios e de diversos artigos. Curiosamente esqueceu publicar o programa así que non sabemos que orquestras houbo, pero si que estivo a incombustible Banda de Arca.
 
Nese especial había unha entrevista con Alfonso Romero, representante dos tractores Ebro, que coa axuda de Ovidio Prado levaba vendidos máis de vinte na comarca. Outra entrevista era ao párroco don José Fernández, que rematara a parte máis importante da reforma da igrexa parroquial, e outra a un suposto madrileño "Juan Cibeles" onde poñía a Ordes polas nubes. Había un artigo gracioso de Máximo Sar falando das "cazatas" (as saídas para cazar, excusa para facer enchentas e fardar das propias "fazañas"), outro artigo nostálxico de Víctor González Faya e outro máis de Fausto Blanco onde disertaba sobre a historia da vila. Ademais Purita Patiño Gago pedía unha alegre cabalgata para que se luciran as mozas ordenses.
  Pero o máis interesante era o resumo das novidades no concello. O préstamo de 1.800.000 pesetas que tiña concedido o BCL a Ordes íase empregar en moitas obras. Estaban en construción 6 escolas (2 en Beán, 2 en Leira e 2 en Ordes) e íanse subastar as de Faramilláns, Vilasenín e Sar. Construción  de postos na feira da Adina, no campo da feira de Ordes e nos baixos do consistorio. Pretendíase que o alumeado a base de mercurio chegase ás outras rúas da vila ademais da principal. Pavimentouse a rúa Directorio (hoxe Rosalía). Estaban próximos a inaugurarse un Centro de Inseminación para o gando e unha centro comarcal de Consulta Tisiolóxica. Foi ampliado o cadro telefónico. Outros proxectos que non se vían tan próximos eran a traída de augas e a pavimentación da Alameda (que costaría 100.000 pesetas).
 
  Ese ano houbo moitas vodas pero só dúas apareceron na prensa.
  O luns 20 de agosto de 1962 ás 5 da tarde na igrexa parroquial de Ordes profusamente adornada tivo lugar a voda de dos mozos do Recreo, Mª del Carmen de la Soledad Mariño Franqueira e José Manuel Castro Ferreiro. Ela era filla do comerciante e ex-alcalde Rafael Mariño e de María Franqueira e el do bolicheiro José Castro del Río e de Dolores Ferreiro del Río, todos eles de familias "de toda a vida" e por tanto moi coñecidos na vila.
  Aos acordes da marcha nupcial fixo a súa entrada no templo a noiva, acompañada do padriño, o seu irmán Rafael Mariño Franqueira, perito industrial que traballaba en Fenosa. Esperaba o noivo coa madriña, a súa irmá Elvira Castro.
  Oficiou a cerimonia o párroco de Ordes don José Fernández Fuentes que dirixiu unha "emotiva plática" ao novo matrimonio.
  Portaban as arras e os aneis as "lindas nenas" María Dolores e María Estrella Ferreiro Díaz, fillas de Ramón o Practicante e primas por tanto do noivo. A noiva lucía un precioso traxe de raso natural e veo de tul ilusión suxeito con orixinal tocado.
  En representación da lei actuou o seu tío político, o avogado Manuel Astray Rivas. Asinaron como testemuñas Ramón Ríos Silva, Eduardo Somoza del Río, Manuel Mariño Vilela, Nicolás Prado Armas, Manuel García Arceo, Manuel Verea Remeseiro, Antonio Iglesias Carrero, Ramón Ferreiro Regos, Francisco Mariño Vilela e Antonio Astray Rivas.
  Os numerosos invitados ao acto foron "esplendidamente obsequiados" con un lunch no Salón Moderno, servido pola sala de festas "La Granja" da Coruña.
  Os novos esposos saíron de viaxe por diversas capitais, para logo dirixirse a Hamburgo onde fixarían a súa residencia en principio. O matrimonio duraría máis de 50 anos ata maio de 2015 cando morreu José Manuel,  deixando unha única filla, Carmen Castro, e unha neta, Miriam.
 
  O xoves 8 de novembro, na igrexa de San Xurxo na Coruña, os que casaron foron Mª Dolores Torrón Durán co xuíz, natural de Frades, José María Botana López. Oficiou a cerimonia don Rafael Taboada. A madriña era a nai do noivo, Josefina López Taboada, e o padriño o pai da noiva, coronel de Infantería (con uniforme de gala) Francisco Torrón Dumas. Despois da voda a noiva foi ao seu antigo colexio, Compañía de María, a depositar o ramo aos pés da Virxe. Despois da festa no "Hotel Embajador", os xa esposos marcharon de viaxe a Portugal e cidades de España antes de establecerse provisionalmente en Alcañiz. O matrimonio tería tres fillos e duraría ata mazo de 2025, data en que morreu José Mª Botana.

martes, 12 de agosto de 2025

Gala contra o cancro 2010


   O venres 30 de marzo de 2010 tivo lugar a 3ª Gala contra o Cancro (a 2ª en Ordes) organizada pola orquestra Panorama e o Concello. Unhas 25.000 persoas achegáronse á vila para contemplar un desfile de cantantes non tan nutrido como no megaconcerto do ano 2009 pero aínda así impresionante. O numero de asistentes estivo lonxe das 55.000 persoas que se esperaban pero o tempo tampouco xogou a favor.
  Isabel Pantoja era a indiscutible cabeza dun cartel, completado por Sergio Dalma, Soraya, Seguridad Social, Kate Ryan, Melocos, Tamara, Santa Fe, Juan Magán e de novo, repetindo, Carlos Baute. Lito, un dos cantantes da Panorama, declaraba que era unha oportunidade única porque Isabel Pantoja nunca cantara cunha orquestra que non fose a súa acompañándoa, aínda que a el facíalle máis ilusión a participación de Sergio Dalma.
 

  Con case unha hora de atraso, preto da medianoite deu comezo a gala, conducida por Carlos Baute e Soraya. O dúo foi o encargado de presentar aos doce artistas. A estrutura do concerto foi a misma que nas anteriores edicións: cada cantante interpretou dúas cancións, a primeira acompañada polos vocalistas da orquestra e logo outra en solitario pero co acompañamento musical de Panorama. Polo medio actuacións da orquestra que aproveitaba esta cita multitudinaria para presentar o seu último traballo "Dale al boom, boom". As ganancias da venda dos CDs (que custaban 10 €) e de camisetas (6 €) estaban destinadas á Asociación contra o Cancro. Lito explicou antes da gala que o primeiro ano entregaran 16.000 € e o anterior 22.000, cifra que confiaba en superar.
  Un dos triunfadores da noite sería Sergio Dalma, que foi recibido cunha das maiores ovacións. Comentou que viviu «unha noite galega» debido a que viña de cantar no García Barbón de Vigo. Destacaron tamén a presenza internacional da belga Kate Ryan e a do badalonés Juan Magán, quen informou que as imaxes da súa actuación serían usadas no vídeo promocional do seu último disco.
 
 
  Pero sen ningunha dúbida, a gran protagonista da noite era a tonadilleira Isabel Pantoja, artista que non se prodigaba en actuacións benéficas e menos sen os seus músicos propios. E non só non defraudou, senón que deixou a anécdota máis comentada porque sufriu unha aparatosa caída ao termo da súa actuación. Facendo un xiro, a súa longa saia xogoulle unha mala pasada e a cantante deu co seu corpo no chan. Isabel saíu airosa do suceso, primeiro coreando a "Salve rociera" aínda sentada no escenario, e despois tomándoo con humor -«No me digan que no me caí con arte». Foi atendida de inmediato no centro de saúde de Ordes e aínda que os médicos lle dixeron que se trataba dunha pequena escordadura sen maior importancia, ela insistiu en someterse a unha exploración exhaustiva, dado que nese mesmo pé sufrira outra lesión similar había poucos anos. Foi trasladada a Santiago, onde lle fixeron unhas placas no Hospital Clínico, co mesmo diagnóstico.
  E así, sen maiores incidentes, rematou a 3ª Gala contra o Cancro de Panorama.