A nivel mundial o ano 2025 foi o 3º
máis cálido, só 0,01º por detrás de 2023
e 0,13º do 2024 que (de momento
segue a ser o ano máis cálido coñecido).
Ademais da suba das temperaturas, máis
pronunciada canto máis preto dos polos se fagan as medicións, tamén foi moi
preocupante a concentración de dióxido
de carbono que volveu a marcar un máximo histórico en 2025. Nada menos que 426
partes por millón (ppm), un aumento do 1,1 % respecto ao 2024. Teñamos en conta
que cando comezou a medirse, en 1958, roldaba as 315 ppm. É dicir, sufrimos un
aumento de máis de 110 ppm desde aquela data.
TEMPERATURAS
En Galicia 2025 foi o cuarto ano máis cálido desde 1961 (despois do 2023, 2022
e 2024), cunha temperatura media de 14,7ºC (1,1º por riba da media).
Todas as estacións tiveron temperaturas algo
máis altas do normal, pero foi en verán cando máis destacaron, xa que foi o máis cálido desde que
existen rexistros. Houbo dúas ondas de
calor en xullo e agosto (cando antes o normal era unha cada tres ou catro
anos). Non obstante sobresaíu o mes de xuño
-no que tecnicamente non houbo unha onda de calor propiamente dita- que foi o máis cálido da historia con 20,5ºC (unha anomalía de 2,8º
sobre a media). En xullo (1,3º sobre a media) houbo récords históricos como os
42,8º de Vilamartín de Valdeorras. En agosto (1,9º sobre a media) tamén foi
significativa a duración da onda de calor que se prolongou 16 días.
Esas temperaturas tan altas e unha primavera
chuviosa provocaron que medrara unha abundante vexetación que ardeu en agosto con
lumes explosivos contra os que foi dificilísimo loitar. Houbo preto de 1.500 incendios que queimaron unha
superficie de case 120.000 hectáreas.
PRECIPITACIÓNS
Foi un ano bastante húmido, sendo a
precipitación media de 1.524 litros por
metro cadrado, un 18 % máis do normal.
A pesar de comezar bastante mollados cun mes de xaneiro extremadamente
húmido e un abril tamén moi chuvioso, de xuño ata mediados de outubro caeu moi
pouca auga.
E de repente... o diluvio. En novembro rexistráronse 422 litros por metro
cadrado, unha auténtica barbaridade.
Está claro que o orballo tradicional está a
ser substituído por precipitacións máis concentradas no tempo e máis intensas.
E por tanto tamén máis perigosas porque isto aumenta exponencialmente o risco de inundacións e danos.
Na comarca de Ordes os tres concellos
centrais (Cerceda, Ordes e Oroso) foron os que menos precipitacións rexistraron
(entre 1.600 e 1.800 litros
por metro cadrado ao ano) e aínda así foron altas. Mesía e Frades superaron os 1.800 e nas zonas máis occidentais de Tordoia e Trazo caeron máis de 2.200 litros.



No hay comentarios:
Publicar un comentario