lunes, 6 de abril de 2026

O ano 1965


En 1965 o mundo asistía asombrado á carreira espacial entre a URSS e os EEUU con vantaxe para os primeiros que logaron o 18 de marzo que Alexei Leonov dese o primeiro paseo (só 12 minutos) fóra da súa nave.
Uns Estados Unidos baixo o mandato de Lyndon B. Johnson enfrontábanse á discriminación racial, que provocou en febreiro o asasinato do activista MalcolmX, en marzo a marcha pacifista de Alabama reprimida duramente polo gobernador do estado (Domingo Sanguento), un dobre asasinato de dous deses manifestantes e por fin en decembro a condena de tres membros do KKK por ese crime. En cambio en política exterior mandou as primeiras tropas a Vietnam e invadiu a República Dominicana por temor a que se convertese noutra Cuba. Ese ano tamén se produciu un colosal apagamento de 14 horas en 8 estados da costa leste, incluída a cidade de Nova York.
  En Europa Pablo VI deu por concluído o concilio Vaticano II que renovaría a Igrexa católica e Charles de Gaulle foi reelixido co 54 % dos votos fronte a Mitterrand. En África Alxeria viu como Ahmed Ben Bela foi derrocado por Houari Boumedienne e se independizaba Rhodesia mentres en Asia independizábase á súa vez Singapura, librábase unha breve guerra entre a India e Paquistán e Ferdinand Marcos chegaba ao poder en Filipinas.
 
1965 foi un ano de grandes películas como Doctor Zhivago ou The Sound of Music. No campo da música os Rolling Stones querían "Satisfaction" mentres os Beatles pedían "Help" e nos USA Bob Dylan sentíase "Like a Rolling Stone". Na televisión apareceron series míticas como I Dream of Jeannie, The Wild Wild West e sobre todo Get Smart.
 
España estaba en pleno "desarrollismo", mellorando a súa economía ás alancadas, e ata construíndo unha central nuclear: Zorita. O ano iniciou co nacemento do UHF (a "2ª cadena", sempre moi lonxe da 1ª). Pero a nivel político volveron as protestas estudiantís na Universidade de Madrid, o que provocou a disolución do SEU e a expulsión de catedráticos como Aranguren, Tierno Galván ou García Calvo. Non obstante o peor dese ano foi un terrible accidente de tren en Grisén. No ámbito da cultura Martín Patiño con Nueve cartas a Berta iniciou o chamado "nuevo cine español", pero por suposto tiveron máis éxito Per qualche dollaro in più, Más bonita que ninguna coa encantadora Rocío Dúrcal e Historias de la televisión, que ademais arrasaron coas cancións Más bonita que ninguna e sobre todo Chica ye-ye. No mesmo ano que recibimos a visita dos Beatles, o seu reflexo español, Los Brincos, triunfaban con Borracho. Na televisión comezaron o mítico Estudio 1, presentando obras clásicas de teatro, e a serie Tiempo y hora.
Galicia sufriu un gran temporal que case destruíu o porto de Malpica. A mellora económica era lenta pero constante e ese ano víu a luz o decreto para a creación do Polígono das Gándaras de Budiño (Porriño). En política xurdiu na clandestinidade o PSG (Beiras, García Bodaño...) e desaparecía completamente a guerrilla coa morte do "Piloto" preto de Belesar, aínda que algún atentado contra a construción do encoro de Castrelo de Miño pareceu desafiar esa percepción. No campo da cultura creouse a cátedra de Lingua e Literatura Galega na USC, o padre Seixas celebrou a 1ª misa en galego e apareceu o 1º número de "Terra e Tempo" (voceiro da UPG).
 

Ordes tivo unha gran festa coa chegada dos restos mortais de Manuel Lois, pero pouco despois sufriu un duro golpe económico coa desparición do seu partido xudicial. Ese ano constituíuse o Circulo Cultural y Recreativo. Ah! e xa había venda de peixe conxelado.
XANEIRO: Voda de Mª Cruz Concheiro Varela con Jesús Somoza Almuiña. O almacén de Ordes do SNT abriu os martes todos o meses. Morreron o neno de 5 anos Antonio José Magán Ríos (atropelado), Eduardo Somoza del Río* aos 66 anos, Francisco Rey Presedo (77), Juana Vieites Franqueira (83) e José Uzal Martínez (84) en Buscás.
* Eduardo Somoza del Río (1899-1965) pertencía a unha distinguida familia coruñesa con casa de campo en Palavea. Era fillo de Eduardo Somoza e Luisa del Río. Unha das súas irmás, Julia, estaba casada co aristócrata sevillano Hernán Martín de Barbadillo, conde de San Félix e alcalde da Coruña en 1937. Outra, Luisa, co avogado Pedro López Sors y Freire de Andrade.
  Eduardo foi xuíz comarcal en Ordes e concelleiro. Casou con Mª Carmen Viqueira, irmá de Mundito, coa que tivo 3 fillos: Mª Carmen, Mª Luisa e Eduardo Somoza Viqueira.
 
FEBREIRO: 7 feridos leves ao volcar un autobús de Pallas na estrada a Carballo. Aprobadas obras na zona de concentración parcelaria de Beán. Morreu Remedios Viqueira Franqueira aos 78 anos e Jesús Iglesias Manteiga aos 51 anos en Vilamaior. En Santiago faleceu o médico Ignacio Castro Iglesias.
MARZO: Morreron Ramona Fuentes González en Ordes e Jesús Rama Fariña aos 77 anos en Parada.
ABRIL: Morreu Juana Ferreiro Eirín (dos de Luis) aos 70 anos.
MAIO: Partido de adestramento en Ordes entre o Compostela e o Racing do Ferrol. Morreron Antonio Salvador y Guzmán de Pallavicini, César Abraira Díaz, Juan Caramelo Varela aos 65 anos e Clara Rivas Marzoa, viúva de Manuel Astray Mato. Tamén faleceu en Poulo Antonia Ramos Moar aos 86 anos.
XUÑO: Gran Homenaxe ao soldado Lois. Bendecida a nova igrexa parroquial de Deixebre nos Carballos. Voda de Mª Carmen Castro Silva con José Luis Méndez García. Morreu con 86 anos Consuelo Pérez Fernández, muller do latoeiro Manuel Vilariño Freire.
XULLO: Internado nun hospital de Santiago o xuíz Martín Otero por un accidente de coche.
AGOSTO: Estableceuse en Ordes o antropólogo Gustav Henningsen, para realizar o seu estudo etnográfico. Festas patronais organizadas polas mulleres. Primeiros pasos para a constitución do Círculo Cultural y Recreativo.
SETEMBRO: Peregrinación do arciprestado de Berreo de Arriba a Santiago.
OUTUBRO: Voda de Marisa Regueiro con Juan de Carril. Adestramento do Deportivo en Vista Alegre. Roubado un coche en Ordes! Sorprendidos varios cazadores da zona usando redes e un furón. Decepcionante feira anual de bois na San Luca de Benza con poucos concorrentes e prezos baixos (a res máis cara só valeu 52.000 pesetas). Morreu Jesús Conde Sánchez aos 28 anos.
NOVEMBRO: Decreto sobre Demarcación Xudicial: o partido xudicial de Ordes absorbido por Santiago, agás Cerceda que pasou a pertencer ao da Coruña. Morreron Jesusa Carballido Franqueira aos 60 anos, José Castro Regos (marido de Manuela Iglesias Gómez) e Manuela Varela Méndez dos Garcías do Casal.
DECEMBRO: Orzamentados 2,4 millóns de pesetas para a estrada Ordes-Ponte Carreira e 500.000 pts para Mesón-Cerceda en 1966. Morreron José Recouso Viqueira de Reboredo aos 73 anos, Jesusa Carballido Franqueira aos 65 anos e, en Mercurín, Juan Boquete García (marido de Jesusa Pena Gestal) aos 69 anos. Antonia Santos Figueira de 70 anos, veciña de Leobalde, morreu atropelada polo tren ao cruzar a vía e a moza de 17 anos, natural de Parada, Jesusa Remuiñán Liste suicidouse no parque de Santa Margarida na Coruña.
 
 
 E para rematar cun sorriso un chiste daquel ano 1965.
 Manoliño atopa ao seu amigo Pepiño correndo coma unha lebre e pregúntalle:
-Onde vas así correndo?
-Á casa para que me pegue a miña nai porque rachei os pantalóns xogando.
-E por que tanta présa, se total vaiche pegar igual?
-Porque teño que chegar antes co meu pai, que se está el serán dous a pegar!

jueves, 2 de abril de 2026

Os de Parente

  Na primeira década do século XX Estrella Corbelle Piñeiro casou con Pedro Sánchez Neira, que tiña unha carnicería na entón "Calle Real" e hoxe Alfonso Senra. Eran por tanto unha familia acomodada, pero iso cambiou totalmente coa morte prematura do marido.
  Estrella e os cinco fillos do matrimonio quedaron practicamente na rúa. A situación mellorou lixeiramente cando casou en segundas nupcias con Domingo González Parente (1892-1971), un albanel que veu de fóra.
  Con todo os primeiros tempos (os anos 20) foron tan duros que o matrimonio viuse obrigado a deixar a Eliseo e a Amador no Hospicio Provincial. Aos poucos a súa situación foi mellorando e Domingo, un home moi traballador, ensinoulles aos seus fillos varóns o oficio de albanel. Ademais dos 5 de Sánchez Neira, tivo 4 fillos propios, pero todos eles foron coñecidos como os de Parente. Mesmo á súa muller, Estrella, tamén lle chamaban a Parenta.
 
Pedro Sánchez Corbelle (1909-1971) casou con Jovita Seoane Cotón, con quen viviu no Recreo. Jovita era moi amiga da miña avoa, polo que o meu pai, Juan de Babila, traballou con Pedro de aprendiz de albanel. Tivo unha única filla, Mª Carmen, que casou con Jesús Bello Carballeiro (1943-2009).
Benigno Sánchez Corbelle (1910-1965), que de mozo tocou na Banda de Música de Ordes, tamén comezou traballando de albanel. Co tempo chegaría a ser responsable de varios edificios da Compañía Telefónica. Casou con Estrella Farto coa que viviu na Coruña. Foi o primeiro dos irmáns en morrer (aos 55 anos).
Eliseo Sánchez Corbelle (1912-1990) cambiou a paleta polo uniforme da Garda Civil. Casou con Manuela Chico coa que tivo 4 fillos.
Amador (1913-1979) non casou e rematou os seus días vivindo na rúa República Arxentina xunto á súa nai e a súa sobriña Lourdes, filla maior do seu medio irmán Joaquín.
María Sánchez Corbelle (?) casou co avogado Bonifacio Merino Delgado, que polas súas ideas republicanas viñera fuxindo de León a Galicia. Logo volverían a establecerse na cidade de León onde el montou un bufete e xestoría. O matrimonio tivo tres fillos: José Mª Merino Sánchez (que naceu na Coruña), Roberto e Margarita.
 
Joaquín González Corbelle (1920-1987) traballou en Ordes no seu negocio de construción, pero logo casou cunha moza de Frades, Concepción Costoya Garea (1921-1991), así que estableceuse na Ponte Carreira. Foi o de familia máis extensa pois tivo 8 fillos.
Iluminada González Corbelle (1923-1994) casou co fradense José Garea Souto (1925-2001) co que montou un dos bares máis emblemáticos de Ordes: O Sótano. Na súa etapa de esplendor estaba no Recreo, preto do cruce. Logo trasladouse á República Arxentina pero xa lonxe dos seus mellores tempos. O matrimonio tivo dous fillos, José e Lino, moi coñecidos, ao igual que os seus netos.
Eugenio González Corbelle (1924-1996) tamén estivo no negocio da construción. Casou con Elvira de Conde coa que viviu en Alfonso Senra e tiveron dous fillos, Eugenio (1957-2013) e Salomé.
Manuel González Corbelle (1925-1966) foi o que morreu máis novo. Casou con Luisa López Quintás (1929-2016) Luisa do Albardeiro -os seus pais eran Francisco López Cea o Albardeiro (1903-1980) e Rosina Quintáns Cendón (1904-1992)-. Con ela viviu na rúa Casabella onde criaron dous fillos, Francisco Manuel e Feliciano.
 

domingo, 29 de marzo de 2026

Festas patronais en 1964

   As festas patronais de 1964 rexistraron novidades. Se en 1962 e 1963 estiveran organizadas polo concelleiro José Galán López (1923-1980), esta vez rexeitou ese traballo polas dificultades cada vez maiores para recadar unha cantidade suficiente de diñeiro. Ante a posibilidade real de quedarse sen festas, a última hora varios notables da vila formaron unha comisión que salvou a situación. O presidente foi o empresario Viriato Lamas Gutiérrez, secundado por Laureano Iglesias del Río (secretario), o seu tío Viriato Lamas Fernández o Vello Viriato (tesoureiro) e os vogais Ángel Lamas Gutiérrez, Javier Veiga López e o panadeiro Eugenio Pena Martínez (marido de Milagros).
  O orzamento era de 115.000 pesetas que se xuntaron grazas ás aportacións do pobo e do comercio. O Concello tamén colaborou, pero menos que outros anos debido ao precario estado da facenda municipal.
 
  No campo musical as festas contaron coa habitual participación da Banda de Arca e a da orquestra coruñesa Sintonía. A iluminación nocturna na Alameda estivo a cargo do industrial pontevedrés Filgueira e contou con motivos típicos de Galicia como potes e gaitas nos extremos. Outra case novidade foi unha xincana motorista no campo de fútbol ademais dos habituais xogos de recreo popular como cucañas, carreiras de sacos e de cintas... Tamén se estreou a nova comparsa de xigantes e cabezudos adquirida había pouco tempo en Valencia e que viña a substituír a unha máis antiga, que estaba totalmente estragada, motivo polo que deixaran de saír ás rúas os últimos 6 ou 7 anos eses divertidos personaxes.
  O sábado 15, o día grande, contou co espectáculo estrela das festas: un partido entre o Deportivo e o Racing de Ferrol. Se ben para o Deportivo era un mero adestramento e combinaba xogadores do Fabril con outros do seu 2º equipo, o partido tivo unha considerable cantidade de público que contemplou a súa victoria por 2-0 con goles de Machicha e Pito.
  O martes 18 como fin de festa celebrouse unha romería galega cun xantar típico a base de "roupa vella" no piñeiral que había en Vilar. De paso un concurso de baile rexional e a actuación do coro que dirixía Viriato o Vello.
 
  Unha vez máis o xornal santiagués La Noche dedicoulles ás festas un especial de 4 páxinas onde, ademais da entrevista cos membros da comisión había os habituais artigos de Máximo Sar, Víctor González Faya e algúns divertidos apuntes dun tal Remol. Engadía ademais un informe sobre o entón novedoso servizo de Extensión Agraria e unha entrevista con Luis Villares, o propietario de Artesanía Villares.
  O máis interesante era unha entrevista a José Galán, na súa calidade de alcalde interino por ausencia do titular Juan Liñares. Nela falaba dos logros e dos proximos obxectivos. O principal motivo de alegría era a recente creación dun Colexio Libre Adoptado, (a Academia de Vilar da que era directora Mª Ángeles Álvarez Gil) importantísimo para que as familias menos podentes da comarca tamén puidesen pagar ensino de nivel medio aos seus fillos. Dentro do que faltaba estaba o tema da traída da auga, aínda en proceso de estudo, o problema do aparcamento (que hoxe daríanos risa) e o da escaseza de vivenda, xa que os alugueres estaban moi altos e o que os podía pagar tamén se podía facer cunha casa en propiedade (como vemos, non é un problema novo).

martes, 24 de marzo de 2026

Fieitos da comarca

  Os fentos -na nosa comarca sempre se lles chamou fieitos- son plantas moi primitivas que naceron antes de que se "inventaran" as flores, pero o que si apareceu con eles foi a lignina (a madeira), así que son o equivalente aos primeiros vertebrados do reino animal.
  Como gustan de sitios húmidos Galicia é unha zona onde abundan moito. De feito hai máis de 70 especies diferentes. Na nosa comarca redúcense a unhas 38*, pero as máis habituais e facilmente observables polo seu tamaño son cinco.
 
 
O rei indiscutible é Pteridium aquilinum, o fieito de monte.
Encántanlle os solos ácidos, non os calcarios, así que aquí está na súa salsa. Antigamente era abundantísimo porque formaba parte do sotobosque dos piñeirais, pero hoxe non lle vai tan ben cos eucaliptais.
  Era moi apreciado como substituto da palla cando esta escaseaba ou non se quería gastar. Usábase para estrar as cortes, para axudar a acender o lume da lareira e tamén para chamuscar a pel dos cochos sacrificados na matanza (así desaparecían os pelos e o coiro separábase máis facilmente da graxa). Máis atrás, no século XIX, tamén se empregaban as súas cinzas para facer lixivia e a súa raíz moída como remedio contra os parásitos intestinais e como purgante.
 
  Se abandonamos o monte e nos achegamos a ríos e regatos aumenta a variedade. Na ribeira do regato Mercurín podemos atopar outras catro especies.


Athyrium filix-femina, a fenta ou fento femia é moi abundante. Pode custar un pouco distinguilo do fento macho pero é un pouco máis suave ao tacto. É o preferido polos pescadores para poñer no fondo dos seus cestos e así conservar as troitas durante todo o día.
Dryopteris filix-mas, o fieito macho, é máis grande e normalmente dunha cor verde un pouco máis escura. Nalgunhas zonas era unha das herbas de San Xoán.
 
 
Blechnum spicant, o fento fero (lonchite en castelán), destaca por ter unhas follas estreitas que parecen en certo modo unha raspa de pescado e unha cor verde bastante escura.
Polypodium vulgare, fento dos valos ou fento das pedras e fieita na nosa comarca, como o seu nome indica medra en pedras ou árbores situadas en zonas húmidas.
Nota: as 4 fotos están feitas no Paseo do Río Mercurín.
 
 
 * Segundo Henrique Niño Ricoi na nosa comarca hai as 38 especies que vedes a continuación. Levan a letra "A" as que el cualifica como "abundantes". As outras son pouco abundantes, raras ou esporádicas.
  Tedes que ter en conta que moitas destas especies son moi pequenas e costa pensar en elas como fieitos, pero se prestamos atención é fácil ver en moitas vellas paredes de pedra o que en castelán chaman culantrillo, como o culantrillo menudo (Asplenium trichomanes), culantrillo negro (Asplenium adiantum-nigrum)... No muro leste do cemiterio do Piñeiro podemos ver a pequena Anogramma Leptophilla. Na Vía Verde tamén localicei exemplares de Equisetum arvense. 
 

FENTOS DA COMARCA DE ORDES

Adiantum capillus-veneris

Asplenium billottii

Asplenium onopteris (A)

Asplenium scolopendrium (A)

Athyrium filix-femina (A)

Cystopteris viridula (A)

Woowardia radicans

Dryopteris aemula (A)

Dryopteris dilatata (A)

Dryopteris guanchica Gibby & Jermy

Equisetum arvense (A)

Equisetum telmateia

Anogramma leptophylla (A)

Pteridium aquilinum (A)

Isoetes longissimus bory

Ophioglossum lusitanicum

Osmunda regalis (A)

Polypodium intejectum Shivas (A)

Stegnogramma pozoi

Asplenium adiantum-nigrum (A)

Asplenium ceterach

Asplenium ruta-muraria

Asplenium Trichomanes (A)

Cystopteris fragilis

Blechnum spicant (A)

Davallia canariensis (A)

Dryopteris affinis (A)

Dryopteris filix-mas (A)

Polystichum setiferum (A)

Equisetum palustre

Hippochaete ramosissima

Hymenophyllum tunbrigense

Isoetes histrix bory

Lycopodiella inundata

Ophhioglossum vulgatum

Polypodium cambricum

Polypodium vulgare (A)

Thelypteris palustris Schott

 
  Se queredes saber máis sobre outros tipos de plantas premede en:

viernes, 20 de marzo de 2026

Toponimia de Ordes (2)

 

Gosende: Aínda que debido á nosa gheada Ghosende recórdanos ao nome castelán José, en realidade procede dunha Gundesindi medieval, posesión dun señor co nome xermánico Gundesindus (de gunths ‘loita’ e sinths ‘camiño, expedición militar’). Para Dolores González de la Peña en cambio ten a súa orixe na palabra gasindius ‘socio militar’, relacionado coa dominación sueva.
Lagartos: palabra que ven do latín lacertu. Orixinalmente era a "Calle Nueva", pero o nome popular é moi antigo. Tal vez porque había moitos destes réptiles no lugar, pero parece máis probable que sexa un nome burlón sobre os seus veciños, quizais inventando por algún natural do Recreo, rúa coa que sempre houbo unha gran rivalidade. Ata as mozas se metían unhas coas outras e tiñan esta copla:
        As dos Lagartos mataron un burro e as do Recreo comérono crudo,
        as da Fonte Estrei mandaron recado, que lle gardaran a punta do rabo.
O curioso é que o nome foi plenamente aceptado por toda a vila. No ano 1936 a denominación oficial cambiouse a "Calvo Sotelo" ata o 2007 no que de novo foi cambiada esta vez polo seu nome popular, nunca esquecido.
Laranxal: era o nome do horto, propiedade de Florencio Pol, onde se construíu o 1º cemiterio que non estivo no adro das igrexas. Aínda que esta árbore froiteira non se dea ben en Ordes alí debeu haber un grupo delas. Cando se fixo o cemiterio "ir pro naranxal" converteuse na vila en sinónimo de falecer. Na zona sur xogáronse partidos de fútbol ata os anos 40 nun campo que tamén se chamaba pomposamente "Stadium del Naranjal" en castelán. Por certo que a palabra laranxa procede nin máis nin menos que do idioma persa narang que o árabe transformou en naradj.
Merelle: agora un arrabaldo da vila a carón da N-550, o topónimo deriva de Mirellus, nome que consta da partícula mir ‘famoso, ilustre’ (mesma que hai noutros nomes como Ramiro, Arximiro ou Ardemiro) e un diminutivo -ellus que tal vez substitúa ao xermánico -ila ou a (h)ildi ‘combate’.
Mesón de Deus: o lugar tomou o nome da casa de postas, enclave histórico onde foi detido Porlier e que hoxe aínda funciona como restaurante.
 
 
Paraíso: esta palabra que nomea un dos barrios novos de Ordes (a nosa pequena "cidade escolar") procede... tamén do idioma persa, pois faradis era para eles un xardín. Pasou ao grego como paradeisos e logo ao latín como paradisu xa co significado de ‘paisaxe idílica’.
Penelas: do latín pena ‘rocha’. Unha penela é unha rocha pequena a rentes do chan. Era un lugar propiedade do concello, que llo deu a familias pobres que non tiñan terras. A súa moradora máis famosa foi Pura de Penelas.
Recreo: palabra que ven do latín recreare e que orixinalmente significaba ‘recobrarse dalgunha enfermidade’. En principio a rúa era "Vista Alegre" pero popularmente sempre foi coñecida como "Recreo" quizais porque sempre houbo pousadas e casas de hospedaxe onde se aloxaban os moitos visitantes que tiña Ordes a principios de século. Oficialmente tivo outros tres nomes: "Saturnino Aller" (13 anos), "Santiago Casares Quiroga" (2 meses) e "José Antonio Primo de Rivera" abreviado en "José Antonio" (71 anos!), pero sempre para todos os ordenses foi o Recreo. Desde o ano 2007 ese é o seu nome oficial.  
Piñeiro: do latín pinu. A aldea orixinaria do Piñeiro constaba nos anos 30-40 de tres casas (Gómez, Carballido e Villaverde) e había algunha máis a carón do cemiterio, pero a orixe do barrio foi nos anos 60 do século XX coa chegada de moita xente de fóra de Ordes.
Raxide: probablemente veña dalgún propietario medieval cun nome (quizais Ragitus) empezado pola partícula ragin ‘conselleiro’.
 
 
Reboredo: este hoxe arrabaldo da vila, que foi fogar das famosas Laghorcias e das familias Couto e Recouso debe o seu nome ao carballo. Reboredo é un fitotopónimo que ven de roburetu, e este á súa vez de robur, a palabra latina que nomea o carballo.
Regueiro: pequeno rego de auga. Rego procede do latín riguu, aínda que non se descarta unha posible orixe pre-latina.
Sar: palabra sempre relacionada coa auga que debe proceder dunha base pre-latina *s'r co significado de ‘fluír, manar, xurdir’. O lugar de Sar ordense está atravesado por un afluente do río Cabrón.
 
 
Vilar: quizais sexa o topónimo máis numeroso en Galicia, coas súas moitas variantes como Vilariño ou Vilares. Procede da palabra latina villare ‘aldea pequena, lugarexo’, que á súa vez procede de villa ‘vila’. Vilar foi fogar das familias Recouso e Viqueira.
Vilavaldés: a casa da familia Álvarez Valdés a carón da N-550, hoxe en ruínas, deu orixe a este esquecido topónimo. 
Vilaverde: fogar da familia Mosqueira, a pequena "vila verde" deu orixe a un dos apelidos máis habituais en Ordes. Neste lugar naceron personaxes como o sodado Lois e o gaiteiro Manuel Viqueira. Ata 2012, ano en que morreu Evaristo Moure, tamén era lugar de cita dominical de moitos cazadores para comprar e cambiar cans ou simplemente darlle ao palique.
Vista Alegre: Un dos topónimos máis habituais en España desde o século XIX, quizais polo seu aire optimista. En principio nomeaba á maioría da rúa do Recreo pero foi quedando relegado unicamente á súa parte superior onde nos anos 50 se construíu o campo de fútbol.

martes, 17 de marzo de 2026

Problemática agraria nos 60

  Nos anos 60 o éxodo rural cara ás cidades intensificouse. Era imprescindible para o crecemento industrial e económico do país pero tamén empezaba a creación desa "España vaciada" que agora nos amola e para a que temos que buscar solucións.
  La Voz de Galicia, consciente dos enormes problemas que vivía o campo e que estaban na orixe do seu abandono dedicou moitas páxinas a mostrar as pequenas traxedias cotiás do rural e a poñer o foco en problemas como o descoido escolar dos nenos ou a falta dun soldo axeitado para os mozos.
  Esta historia, que apareceu na edición do xoves 21 de maio de 1964, tiña protagonistas ordenses.
 
EN ÓRDENES UNA JOVEN SOSTIENE LA CASA
La historia auténtica de AC, una muchacha de 22 años, vecina del municipio coruñés de Órdenes, resulta aleccionadora. Es la penúltima de 6 hermanos, tres de ellos varones, hijos de un modesto matrimonio de labradores, que completa su necesidad de tierras llevando en arrendamiento las de un rico propietario de la localidad. El hermano mayor se hizo conductor cuando cumplió el servicio militar, y ya no regresó a la aldea, sino para visitar a su familia, describirles lo bien que vivía (al menos comparativamente) y llevarles algún regalo a los hermanos. Un poco más tarde AC y su hermana mayor se fueron a servir a La Coruña. Y aunque aquello no agradó a los padres, quedaban todavía en la casa dos varones y la pequeña, y sus brazos bastaban para cultivar las tierras y cuidar el ganado. Pero uno de ellos enfermó del riñón durante su instrucción militar, y aunque quedó bastante bien de la operación, es hoy inútil para los trabajos que exigen esfuerzos y busca afanosamente la solución de su vida, impulsado por el gesto de sus padres que le recuerda constantemente su desgracia.
Y llegó el día en que el tercer varón fue llamado a filas. Volvió y reinició sus tareas en la explotación familiar, pero a las pocas semanas, y a causa de haber pedido a su padre algún dinero para las "convidadas" de la romería de Santa Margarita, surgió un desagradable incidente (el padre le daba tres duros y él quería veinte). Al otro día solicitó un jornal y tuvo que soportar una nueva bronca. Al no existir la menor posibilidad de acuerdo decidió trabajar para los vecinos y descontar la comida del salario. Dormir... duerme en cualquier sitio.
Así las cosas, los padres llamaron a AC y a su hermana. Pero la mayor se cansó muy pronto de no cobrar a fin de mes y una mañana regresó a La Coruña en el coche de línea. Más tarde el hermano mayor, vecino de un pueblo costero muy próximo a Finisterre, se llevó con él a la pequeña a pasar una temporada. No quiso volver y quedó AC sola en la casa. El padre murió y las tierras se siguen cultivando, dedicando mayor superficie a prados o a pastos porque dan menos trabajo. Ella comienza a olvidar que es mujer y la madre, aunque a regañadientes, ha de contratar mano de obra asalariada. El único que no puede trabajar allí es su hijo que "no debe" cobrar. AC asegura que también ella terminará marchándose.  
 
  De todos modos, na mesma edición, o redactor E.A. recoñecía que os campesiños non podían pagar soldo aos seus fillos propoñendo un exemplo hipótetico.
  Supoñía un labrador bastante privilexiado con 80 ferrados de labradío, 20 de prados e 500 de piñeirais, e ademais 6 vacas, varios cochos, galiñas... (menos do 2% do campesiñado cumpría tales condicións).
  Supoñía tamén unha excelente produción de 60 metros cúbicos de madeira ao ano e resumía as colleitas nunha tamén moi boa de millo (8 ferrados de millo por ferrado plantado) de 640 ferrados. Supoñendo tamén optimistamente que a madeira a vendía (1.000 pts o metro cúbico) por 60.000 pesetas, que as vacas lle daban 4 cuxos que vendía (8.000 pts cada un) por 32.000 pesetas e que o valor da colleita alcanzaba as 64.000 pesetas, ese hipotético labrador acadaba nun ano excelente uns ingresos de 156.000 pesetas anuais.
  Isto parece bastante bo, pero claro, para isto necesitaba 5 persoas traballando unha media de 8 horas*. Se a esas persoas lles pagase un salario mínimo de 1.800 pesetas mensuais (21.600 anuais), gastaría 116.000 pesetas anuais. É dicir nun ano excelente quedaríanlle 40.000 pesetas, das que habería que descontar prezo de sementes, abonos, sulfatos, reparacións, transporte, impostos, contribucións...
  Pero claro os anos excelentes non eran todos, unha mala climatoloxía, unha enfermidade no gando, gasto en veterinarios, incendios forestais... podían deixar en nada os beneficios dese podente labrador . Así que imaxinade o que podía pasar cun campesiño promedio que tiña catro leiriñas por aquí e por acolá, un par de vacas e tres guichas de monte.
  Por esta razón multitude de campesiños pobres só podían sobrevivir contando cos brazos de toda a familia (sen cobrar). As cousas só cambiarían cando a maquinaría agrícola abaratase e fose quedando ao alcance de todos os labradores.
 
E.A. contaba que, falando cun labrador con bastantes terras, lle comentou que non entendía como andaba a pé todos os días 10 km para traballar como obreiro nunha empresa e esta foi a súa resposta:
-Mire. Gánolle unhas 3.000 pesetas cada mes. E na casa n'as fecemos entre todos!
 
* E aínda habería que contar a paga dos domingos, pois alguén tería que preocuparse dos animais ese día.