Ramiro Recouso Liste naceu no ano 1968 no País Vasco. Era fillo de Ramiro Recouso
Mosquera dunha extensa familia de Parada e de Julia Liste Gómez (1939-1990), a
filla máis nova de José Liste Baleato do lugar de Rial en Trasmonte. En 1974, cando Ramiro tiña 6 anos,
volveron a Ordes e viviron no Campo da Feira.
Estudou no Colexio Castelao e no IES Nº 1. A pesar de pertencer a unha xeración que accedeu masivamente á universidade, el, orfo de pai desde moi novo, non tiña recursos para iso e viuse
obrigado a traballar. En 1987, aos
19 anos, ingresou na empresa Cristín
que xa non deixaría nunca. Alí iría escalando e dándose a coñecer. Tres anos
despois, en 1990, morrería a súa nai.
No ano 1994
afiliouse ao BNG. A asemblea local estaba constituída maioritariamente por
rapaces moi novos, bastante radicais e con pouco tirón popular, así que a
figura de Ramiro con don de xentes, boa oratoria e unhas ideas máis realistas
foi recibida como auga de maio. Pronto foi elixido responsable local e o éxito
foi inmediato.
Nas eleccións de 1995 o BNG acadou uns sorprendentes 4 concelleiros (el, Charo,
Victorino e o seu curmán Manuel Recouso Soneira). Ramiro era un político moi valorado polo pobo, pero portas
adentro a tensión aumentaba. O seu primitivo papel de mediador foi deteriorándose conforme
ía achegándose máis á UPG. Aquí pode que
tivese influenza a súa parella Susana Grille
(da que se separaría posteriormente).
Nas
eleccións de 1999 todo estalou polos
aires. No momento da confección das listas a asemblea (agora perfectamente
controlada pola UPG) humillou a Victorino Cores e desterrou ao fondo da lista
aos ex-ARO. O BNG tiña previsto obter 6 concelleiros e sufriu unha gran
decepción ao volver a quedarse con 4.
A maioría dos desprezados deixaron o partido e pouco
despois Ramiro contemplou "con amargura" como Victorino Cores
desertaba pactando coa Democracia Galega de Martino e como nas seguintes
eleccións de 2003 o Bloque perdía o
seu rumbo ascendente.
En xaneiro de 2004 decidiu que o seu tempo pasara e deixou o liderado do Bloque
ordense. Agora dedicaríase preferentemente ao traballo. No campo empresarial tivo
un golpe de sorte, pois o PP galego perdeu a maioría absoluta no ano 2005 e comezou o goberno bipartito.
Desde ese ano as empresas Cristín multiplicaron exponencialmente a súa
facturación. Por exemplo todos os billetes de
avión para viaxes de membros do goberno do BNG e cargos do partido eran
comprados a Viaxes Cristín. No 2006 o BNG
quixo substituír Ferroser, a empresa que xestionaba todos os Centros Comarcais,
pola empresa Cristín. Dentro do ecosistema BNG isto perxudicaba o poder da CIG
que protestou con forza e logrou paralizar a operación.
Quizais para pagar estes favores, Ramiro retornou
de novo á política activa. En setembro de 2006
o candidato do Bloque foi Gonzalo Castro pero, ao ser moi descoñecido no
concello, o partido volveu a botar man de Ramiro como soporte no 3º posto. O resultado
non foi nin bo nin malo e o Bloque estancouse totalmente nesta etapa.
No ano 2010
Ramiro mudouse ao lugar da Rúa na parroquia de Pereira. Pouco despois empezou a
súa loita contra o cancro que soportou con destacable firmeza de ánimo.
No ano 2013
Gonzalo Castro e Montse Rei renunciaron ás súas actas de concelleiros e Ramiro,
a pesar da súa enfermidade deu de novo un paso adiante e prestoulle un último
servizo ao partido. Nas eleccións de 2015
volveu a ser cabeza de cartel e sacou tres concelleiros. O PP acadou 7 edís e
UXO 6, así que pactando con UXO podería
tocar o poder municipal. Moitos dixeron que foi a súa integridade e outros que
o seu odio a Regos o que impediu aquel hipotético pacto. O que é seguro é que
en Ordes o BNG actuou cunha estratexia completamente distinta á que usaba no resto
de Galicia (que era impedir a calquera prezo os gobernos do PP).
Ramiro non tivo que sufrir moito
tempo o mandato de Martís, morreu o 29 de outubro daquel ano 2015 no Hospital Clínico de Santiago
aos 47 anos de idade. Foi incinerado no tanatorio de Ordes despois dun acto
civil. O Concello decretou dous días de loito oficial e pouco tempo despois
daríalle o seu nome e poñería un busto no Paseo do Río.
Na súa declaración institucional expresou a
condolencia pola «perda do
que foi un dos referentes políticos locais máis importantes dos últimos anos
que sobresaíu pola defensa dos seus ideais e principios dun xeito íntegro, sincero
e democrático».
|
O escritor Ramón Vilar
Landeira destacou a súa seriedade, o seu estoicismo sen queixas
cando tivo que lidar coa enfermidade e como demostrou que non quería chegar
ao goberno municipal a calquera prezo. Rematou o artigo con estas emotivas
frases: «E
se algo amaba por riba de todo, incluso por riba de Galiza, de Ordes e do seu
Celta, era precisamente a vida. Dende neno aprendera que era demasiado fugaz
para non pelexala a cada momento. Ese é o prezado legado que nos deixa».
|



No hay comentarios:
Publicar un comentario