sábado, 23 de mayo de 2026

Ramiro Recouso Liste

 
Ramiro Recouso Liste naceu no ano 1968 no País Vasco. Era fillo de Ramiro Recouso Mosquera dunha extensa familia de Parada e de Julia Liste Gómez (1939-1990), a filla máis nova de José Liste Baleato do lugar de Rial en Trasmonte. En 1974, cando Ramiro tiña 6 anos, volveron a Ordes e viviron no Campo da Feira.
  Estudou no Colexio Castelao e no IES Nº 1. A pesar de pertencer a unha xeración que accedeu masivamente á universidade, el, orfo de pai desde moi novo, non tiña recursos para iso e viuse obrigado a traballar. En 1987, aos 19 anos, ingresou na empresa Cristín que xa non deixaría nunca. Alí iría escalando e dándose a coñecer. Tres anos despois, en 1990, morrería a súa nai.
 
  No ano 1994 afiliouse ao BNG. A asemblea local estaba constituída maioritariamente por rapaces moi novos, bastante radicais e con pouco tirón popular, así que a figura de Ramiro con don de xentes, boa oratoria e unhas ideas máis realistas foi recibida como auga de maio. Pronto foi elixido responsable local e o éxito foi inmediato.
  Nas eleccións de 1995 o BNG acadou uns sorprendentes 4 concelleiros (el, Charo, Victorino e o seu curmán Manuel Recouso Soneira). Ramiro era un político moi valorado polo pobo, pero portas adentro a tensión aumentaba. O seu primitivo papel de mediador foi deteriorándose conforme ía achegándose máis á UPG. Aquí pode que tivese influenza  a súa parella Susana Grille (da que se separaría posteriormente).
  Nas eleccións de 1999 todo estalou polos aires. No momento da confección das listas a asemblea (agora perfectamente controlada pola UPG) humillou a Victorino Cores e desterrou ao fondo da lista aos ex-ARO. O BNG tiña previsto obter 6 concelleiros e sufriu unha gran decepción ao volver a quedarse con 4. A maioría dos desprezados deixaron o partido e pouco despois Ramiro contemplou "con amargura" como Victorino Cores desertaba pactando coa Democracia Galega de Martino e como nas seguintes eleccións de 2003 o Bloque perdía o seu rumbo ascendente.
 
  En xaneiro de 2004 decidiu que o seu tempo pasara e deixou o liderado do Bloque ordense. Agora dedicaríase preferentemente ao traballo. No campo empresarial tivo un golpe de sorte, pois o PP galego perdeu a maioría absoluta no ano 2005 e comezou o goberno bipartito. Desde ese ano as empresas Cristín multiplicaron exponencialmente a súa facturación. Por exemplo todos os billetes de avión para viaxes de membros do goberno do BNG e cargos do partido eran comprados a Viaxes Cristín. No 2006 o BNG quixo substituír Ferroser, a empresa que xestionaba todos os Centros Comarcais, pola empresa Cristín. Dentro do ecosistema BNG isto perxudicaba o poder da CIG que protestou con forza e logrou paralizar a operación.
  Quizais para pagar estes favores, Ramiro retornou de novo á política activa. En setembro de 2006 o candidato do Bloque foi Gonzalo Castro pero, ao ser moi descoñecido no concello, o partido volveu a botar man de Ramiro como soporte no 3º posto. O resultado non foi nin bo nin malo e o Bloque estancouse totalmente nesta etapa.
 
 
No ano 2010 Ramiro mudouse ao lugar da Rúa na parroquia de Pereira. Pouco despois empezou a súa loita contra o cancro que soportou con destacable firmeza de ánimo.
  No ano 2013 Gonzalo Castro e Montse Rei renunciaron ás súas actas de concelleiros e Ramiro, a pesar da súa enfermidade deu de novo un paso adiante e prestoulle un último servizo ao partido. Nas eleccións de 2015 volveu a ser cabeza de cartel e sacou tres concelleiros. O PP acadou 7 edís e UXO 6, así que pactando con UXO podería tocar o poder municipal. Moitos dixeron que foi a súa integridade e outros que o seu odio a Regos o que impediu aquel hipotético pacto. O que é seguro é que en Ordes o BNG actuou cunha estratexia completamente distinta á que usaba no resto de Galicia (que era impedir a calquera prezo os gobernos do PP).
 
  Ramiro non tivo que sufrir moito tempo o mandato de Martís, morreu o 29 de outubro daquel ano 2015 no Hospital Clínico de Santiago aos 47 anos de idade. Foi incinerado no tanatorio de Ordes despois dun acto civil. O Concello decretou dous días de loito oficial e pouco tempo despois daríalle o seu nome e poñería un busto no Paseo do Río.
  Na súa declaración institucional expresou a condolencia pola «perda do que foi un dos referentes políticos locais máis importantes dos últimos anos que sobresaíu pola defensa dos seus ideais e principios dun xeito íntegro, sincero e democrático».
 
 O escritor Ramón Vilar Landeira destacou a súa seriedade, o seu estoicismo sen queixas cando tivo que lidar coa enfermidade e como demostrou que non quería chegar ao goberno municipal a calquera prezo. Rematou o artigo con estas emotivas frases:  «E se algo amaba por riba de todo, incluso por riba de Galiza, de Ordes e do seu Celta, era precisamente a vida. Dende neno aprendera que era demasiado fugaz para non pelexala a cada momento. Ese é o prezado legado que nos deixa».
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario